DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46446

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Axencia Galega de Innovación.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I desta orde.

Terceiro. Todos os trámites relacionados con este procedemento efectuaranse a través de medios electrónicos. As solicitudes dirixiranse á Axencia Galega de Innovación e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e Chave 365 (https:// sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. No caso de resultar seleccionado para ocupar o posto de traballo persoal funcionario doutras administracións públicas requirirase o informe favorable do órgano competente da súa administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Sexto. Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Economía, Industria e Innovación. A convocatoria será resolta no prazo máximo de dous meses contados desde a data da súa publicación. No caso de non resolverse no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso o servizo activo, o prazo será dun mes.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Código: EI.A11.00.005.15770.001.

Consellería: Economía, Industria e Innovación.

Denominación do posto: Área de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.

Centro de destino: Axencia Galega de Innovación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo ou escala: xeral/especial.

Grupo/subgrupo: A1.

Nivel: 30.

Complemento específico: 24.428,04 €.

Tipo de adscrición: A11.

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego) 954 (permiso de conducir B).