DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2023 Páx. 45691

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación T. End.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación T. End con domicilio no lugar A Relva, Torneiros, s/n, no Porriño (Pontevedra).

Feitos:

1. O 2 de marzo de 2023, Gabriel Alberto Baltar Giraud, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación T. End constituírona Carlos Martín Montañés e a entidade Zendal Health, S.A., representada por Andrés Fernández Álvarez-Santullano, mediante escritura pública outorgada o 11 de novembro de 2022, ante o notario de Vigo (Pontevedra) José María Rueda Pérez, co número de protocolo 3.082.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto promover e desenvolver a investigación na tuberculose e outras enfermidades infecciosas.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Martín Montañés, como presidente; Esteban Rodríguez Sánchez, como vicepresidente; a entidade Zendal Health, S.A., representada por Andrés Fernández Álvarez-Santullano, como secretario; e a entidade Biofabri, S.L., representada por Andrés Fernández Álvarez-Santullano, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación T. End, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 26 de xuño de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación T. End, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes