DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44436

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade á modificación da composición do Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública, realizada por Acordo do 7 de xullo de 2023.

O artigo 4.2 da Orde do 7 de decembro de 2022, pola que se crea e se regula o Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública, e se establecen a súa composición, a organización e o funcionamento, prevé que as persoas que ocupen a secretaría e as vogalías do Consello Técnico serán nomeadas e destituídas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade por proposta da persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de control oficial en saúde pública. Os nomeamentos realizaranse por un período de tres anos, prorrogable de maneira sucesiva ao finalizar cada trienio.

O artigo 7 da mesma orde cita como causas de cesamento e substitución dos membros do Consello Técnico a renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia do Consello Técnico.

Con data do 28 de xuño de 2023 (rexistro de entrada 2023/1558358) recíbese escrito de Antonio Arenillas Sánchez, vogal titular do Consello Técnico en representación da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense, no cal presenta a súa dimisión no citado cargo por motivos persoais, con efectos a partir do 28 de xuño de 2023.

Con data do 29 de xuño de 2023 (rexistro de entrada 2023/1568295) recíbese outro escrito de Laura López del Castillo, xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, no que se propón como vogal titular a José Martínez Grande, xefe do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense.

Con data do 6 de xullo de 2023, a directora xeral de Saúde Pública formula a correspondente proposta de substitución da persoa que ocupaba a titularidade da vogalía da representación da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense no dito consello técnico.

Por acordo da Consellería de Sanidade, do 7 de xullo de 2023, dispúxose a aceptación da dimisión presentada e o nomeamento da persoa que, como titular, ocupará a vogalía da representación da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense no Consello Técnico, así como a procedencia de facer públicos os nomeamentos dos novos membros, polo que a composición deste órgano queda tal como se recolle no anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade

ANEXO

Composición actualizada do Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública

1. Secretaría: Félix Afonso Feijóo, xefe do Servizo de Control e Auditorías (Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde).

2. Vogalías:

– Mª Jesús Rúa Moure, subdirectora xeral de Réxime Xurídico e Administrativo (Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade)

– Luis Alonso Padín, xefe do Servizo de Coordinación da Xestión (Dirección Xeral de Saúde Pública).

– José Ángel Viñuela Rodríguez, xefe do Servizo de Seguridade Alimentaria (Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde).

– Manuel Álvarez Cortiñas, xefe do Servizo de Sanidade Ambiental (Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde).

– Marta Gil Pérez, xefa do Servizo de Xestión (Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña).

– José Antonio Ruíz de Valbuena Bueno, xefe do Servizo de Riscos Ambientais (Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Lugo).

– José Martínez Grande, xefe do Servizo de Control de Riscos Ambientais (Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Ourense).

– Natalia Botana Rey, xefa territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra.