Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: rúa A Batundeira, 2, Velle, Ourense.
Denominación: repotenciación do CT 27AP76-Reboreda (O Páramo).
Situación: concello do Páramo.
Características técnicas principais:
• Ampliación de potencia do CT 27AP76 Reboreda, substitúese o transformador actual de 50 kVA por un de 100 kVA, cunha relación de transformación de 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: aumento de potencia.
Orzamento: 17.078,31 euros.
Documentación que se xunta:
• Copia do proxecto.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
En relación coa instalación de baixa tensión, deberase seguir o disposto no artigo 18 do Real decreto 842/2002 para a súa posta en servizo, así como na súa instrución ITC-BT-04, debendo achegar no seu momento, a documentación exixida con carácter previo á posta en servizo da instalación, para a súa revisión por esta administración e posterior inscrición da instalación no correspondente rexistro.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 13 de xuño de 2023
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo