Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41886

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convocan as axudas de contratación para o Programa de retención de talento investigador para o ano 2023.

BDNS (Identif.): 705845.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/705845

Primeiro. Requisitos da persoa solicitante

a) Ser ou ter sido persoal investigador a tempo completo da Universidade de Vigo na modalidade Marie Curie Individual Fellowship, investigador/a principal das convocatorias de proxectos do Ministerio de Retos de Investigación, Xeración de Conocimiento, que fosen anteriormente posdoutorais de convocatorias de carácter competitivo, das indicadas nesta letra ou equivalentes, ou Xoves investigadores(as) (Xin), Juan de la Cierva-incorporación, modalidade B, da Xunta de Galicia, e que a data de finalización do seu contrato estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023, acumulando nese momento unha antigüidade mínima no posto de dous anos de forma continuada na Universidade de Vigo (agás interrupcións nos contratos directamente motivadas polas datas de resolución das convocatorias correspondentes).

b) Dispor da acreditación da ANACA ou da ACSUG como profesor/a contratado/a doutor/a ou ben como profesor/a titular de universidade.

c) Non ter avaliación negativa na convocatoria correspondente ao seu contrato.

Non poderán participar aquelas persoas que finalizasen voluntariamente a súa relación contractual coa Universidade de Vigo antes da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

A presente convocatoria ten como obxectivo a realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de catro investigadoras ou investigadores doutoras/es que desenvolvesen a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo no cadro de determinados programas competitivos internacionais, nacionais e autonómicos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convocan as axudas de contratación para o Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo para o ano 2023.

Cuarto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas axudas será de seiscentos quince mil douscentos euros (615.200 €) con cargo á aplicación orzamentaria 0000 421S 140.09 de cada un dos exercicios en que se desenvolva, no marco das dispoñibilidades orzamentarias da Universidade de Vigo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o 7 ata o 20 de xullo de 2023.

Vigo, 5 de xullo de 2023

O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 22.6.2022, DOG do 6 de xullo)
María Belén Rubio Armesto
Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación