Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41117

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2023/24 (código de procedemento PE606A).

O Real decreto 4189/82, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación da familia marítimo-pesqueira, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería, recolle no seus artigos 3 e 4 os supostos de feito e os suxeitos obrigados dos ditos prezos públicos.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira fai referencia no seu artigo 9.2.b) á prestación de servizos complementarios polos centros e no artigo 24 ao sistema de acceso aos centros de formación propios. Neste sentido, a Consellería do Mar dispón de catro centros de ensino náutico, marítimo-pesqueiro e de acuicultura, entre os cales os centros de Vigo e Ferrol ofrecen os servizos complementarios de residencia e comedor ao alumnado que neles se matriculan.

O Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se modifica o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúe á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino e titulacións náutico-pesqueiras e de lecer.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira que permitirá o relevo xeracional entre as persoas tituladas da frota pesqueira galega, é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación continua e aos ciclos formativos de grao medio e superior da familia marítimo-pesqueira.

Polo exposto, a conselleira do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar, así como proceder á convocatoria das prazas residenciais vacantes para o curso escolar 2023/24 (código de procedemento PE606A).

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das prazas de residencia ou de comedor todo o alumnado que, durante o curso escolar, estea matriculado nos centros de formación dependentes desta consellería e realice os seguintes estudos:

a) Marítimo-pesqueiros:

Ciclos formativos de grao medio e superior da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Náutico-pesqueiros:

Cursos de capitán/capitá de pesca, patrón/patroa costeiro polivalente, ampliación de atribucións para patróns/patroas costeiros polivalentes, patrón/patroa local de pesca e mariñeiro/a pescador/a.

Artigo 3. Clases de prazas

As prazas poderán adxudicarse nas seguintes modalidades:

a) Servizos de residencia en pensión completa: cuarto, almorzo, xantar e cea.

b) Servizos de media pensión: xantar cinco días á semana de luns a venres.

c) Servizo de xantar diario, non regular.

Artigo 4. Prazas en réxime de residencia en pensión completa

1. A modalidade de residencia en pensión completa supón a utilización dos servizos residenciais do centro.

2. As persoas que teñan asignada unha praza na residencia poderán facer uso dela no horario que abrangue desde os domingos ou festivos, véspera de días lectivos, ás 20.00 horas, ata o venres ou véspera de días festivos ás 21.00 horas.

3. Con carácter xeral, na adxudicación das prazas en réxime de residencia en pensión completa observarase o procedemento establecido no capítulo II.

4. Cando o número de solicitudes sexa igual ou inferior ao número de prazas de residencia ofertadas, os/as interesados/as deberán cumprir os requisitos exixidos nesta orde e presentar a correspondente solicitude de acordo co establecido no artigo 17.

5. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas, procederase á adxudicación de prazas por medio do baremo recollido no capítulo II.

Artigo 5. Prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

1. Estas prazas dan dereito a xantar na sala de comedor do centro.

2. Poderán solicitar praza en réxime de media pensión e xantar diario non regular as persoas que, cursando estudos no centro, cumpran cos requisitos xerais do artigo 2 desta orde, teñan o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo unha distancia menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases.

3. Sempre que exista dispoñibilidade, a adxudicación das prazas de media pensión e xantar diario non regular será realizada polos centros residenciais, logo de presentar a correspondente solicitude de acordo co artigo 17 e unha vez comprobado que reúne os requisitos recollidos nesta orde, así como o pagamento da taxa correspondente.

Artigo 6. Requisitos xerais para ser persoa adxudicataria das prazas

Para acceder ás prazas reguladas nesta orde as persoas interesadas deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou persoas estranxeiras que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

2. Ter feitos os 16 anos de idade no ano da convocatoria.

3. Estar matriculado/a no centro durante o curso escolar.

Artigo 7. Prezos públicos

1. As persoas beneficiarias das prazas recollidas no artigo 3 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos na normativa aplicable.

2. Para as prazas de residencia en pensión completa correspondentes ao curso escolar completo, o pagamento realizarase antes do comezo do curso, nun pagamento único ou fraccionado en tres prazos trimestrais, e deberá aboarse dentro dos dez primeiros días de cada trimestre.

3. Para as prazas de residencia en pensión completa correspondentes ao curso escolar completo, no caso de que, debido a unha causa sobrevida debidamente xustificada, non se utilicen os servizos de residencia, o alumnado poderá quedar exento do pagamento do período que lle quede por aboar, logo de renuncia expresa, e tras a valoración positiva efectuada por parte da dirección do centro.

4. Para as prazas de residencia en pensión completa nos cursos de duración inferior a un curso escolar completo, o primeiro pagamento trimestral realizarase antes do comezo do curso. No caso de acollerse ao pagamento por días, o pagamento realizarase na súa totalidade antes do inicio do servizo, agás nos casos en que a duración dos cursos sexa superior a un mes, onde o pagamento poderá realizarse por días antes do comezo de cada mes.

5. Para as prazas de comedor o alumnado fará efectivo o pagamento antes do inicio do servizo.

6. O alumnado con praza na residencia que se incorpore á Formación en Centros de Traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación na dita empresa. Non obstante, no caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar como consecuencia de realizar a dita FCT fóra da localidade da residencia, o alumnado estará exento do pagamento do devandito trimestre.

Artigo 8. Incorporación do alumnado ás residencias

1. Os centros residenciais docentes elaborarán as normas de funcionamento e publicaranas cunha anticipación de dez (10) días hábiles no seu taboleiro de anuncios, para o coñecemento do alumnado residente.

2. Os/as residentes, no momento da súa incorporación ao centro, deberán acreditar mediante certificado médico oficial o seu estado de saúde, que deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente, e deben comunicar, en caso necesario, a existencia de intolerancias ou alerxias alimentarias.

3. Os/as residentes están suxeitos ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

4. Os/as residentes que teñan adxudicada unha praza para o curso escolar completo, no momento da súa incorporación, deberán ter efectuado o pagamento correspondente ao primeiro trimestre.

Artigo 9. Perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente perderá a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados, logo da súa valoración pola dirección do centro.

b) Perda da condición de alumno/a no centro docente en que debía cursar os estudos para os que lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres días de ausencia continuados ou cinco días alternos, ás clases lectivas dentro do período dun (1) mes e logo dun informe previo da dirección do centro.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que de lugar a sanción disciplinaria.

2. A dirección do centro residencial docente, tendo en conta o recollido no punto 1 deste artigo, concederalle ao alumnado un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que xulgue convenientes.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, e unha vez consultado o equipo educativo da residencia, resolverá o procedente no prazo de cinco (5) días hábiles.

CAPÍTULO II

Procedemento de adxudicación de prazas de residencia mediante baremo

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

1. A valoración das solicitudes das prazas de residencia en pensión completa realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Rendemento académico do último curso realizado:

– Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

– Nota media de notable: 3 puntos.

– Nota media de ben: 2 puntos.

– Nota media de suficiente: 1 punto.

b) Renda familiar per cápita:

b.1) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de valoración. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano inmediato anterior ao do inicio do curso entre todos os membros da dita unidade.

No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

b.2) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o ano inmediato anterior ao do inicio do curso por todos os membros da unidade familiar.

b.3) Considéranse membros computables da unidade familiar: o pai, a nai, os irmáns e as irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, os irmáns e as irmás de maior idade, cando se trate de persoas diminuídas físicas, psíquicas ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa á cal estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

b.4) No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

b.5) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugamento da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo de renda e patrimonio familiar, computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire a antedita alínea b.3).

b.6) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 6.000,00 euros: 7 puntos.

De 6.000,01 ata 9.500,00 euros: 5 puntos.

De 9.500,01 ata 13.000,00 euros: 3 puntos.

De 13.000,01 ata 15.000,00 euros: 1 puntos.

A partir de 15.000,01: 0 puntos.

c) Circunstancias familiares:

c.1) Ás persoas solicitantes que teñan irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselles 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

c.2) Ás persoas aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) Ás persoas aspirantes membros de familia numerosa categoría xeral, 1 punto; de categoría especial, 2 puntos.

c.4) Ás persoas aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de discapacidade, 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares deberanse xustificar documentalmente.

A puntuación resultante de sumar as anteriores alíneas será a que determine a orde de adxudicación.

2. No caso de que as persoas solicitantes obtivesen a mesma valoración, terán preferencia, por este orde:

a) As mulleres fronte aos homes (segundo criterios de infrarrepresentación).

b) As persoas que acrediten ter residencia en Galicia.

c) As persoas non repetidores.

d) As persoas que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector.

e) Finalmente, terán preferencia os de menor renda familiar.

Cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de valoración, atribuiránselle nel 0 puntos.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Corresponderá á Comisión de Valoración constituída para o efecto en cada centro, a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente.

2. A Comisión de Valoración estará composta por:

a) Presidente/a: o/a xefe/a territorial da Consellería do Mar que corresponda ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a secretaría do centro de formación respectivo ou persoa que designe o director/a do centro.

c) Vogais:

– O/a director/a do centro de formación.

– A persoa designada polo Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

3. A Comisión de Valoración determinará a puntuación que corresponda a cada solicitante polos criterios establecidos no artigo anterior.

4. Das reunións realizadas polas comisións a que se refiren os puntos anteriores elaborarase a acta, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

5. No caso de determinar que o número de solicitudes é superior ao número de prazas ofertadas, procederase da seguinte maneira:

a) Publicación no taboleiro de anuncios do centro residencial, da listaxe de solicitudes e do número de prazas.

b) O centro residencial abrirá un prazo de dez (10) días hábiles, contado a partir dos dous (2) días seguintes ao remate do prazo de presentar as solicitudes, para achegar a documentación xustificativa dos criterios do baremo recollidos no artigo 10 e aquela outra que aparece recollida no anexo I.

c) A Comisión de Valoración poderá requirir a documentación complementaria que xulgue necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e os criterios de valoración alegados. Neste caso, concederá un prazo de cinco (5) días hábiles para á súa presentación.

d) A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditados os requisitos ou criterios afectados e, en consecuencia, impedirá valoralos para os efectos de determinar a puntuación.

Artigo 12. Proposta de adxudicación provisional

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a proposta de adxudicación provisional de prazas de residencia, seguindo a puntuación total obtida polos/as solicitantes, así como a relación provisional de excluídos debidamente motivada. Así mesmo, elaborará unha relación de suplentes para cubrir as vacantes que se poidan producir.

2. A resolución de adxudicación provisional, a relación de suplentes e a relación de persoas excluídas publicaranse na páxina web da Consellería do Mar (www.mar.xunta.gal) e no taboleiro de anuncios do centro correspondente. Así mesmo, contra a dita resolución as persoas interesadas poderán formular reclamación, ante a propia comisión, no prazo de dez (10) días hábiles seguintes ao da súa publicación. As reclamacións serán dirixidas ao/á presidente/a da comisión.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación da adxudicación definitiva.

Artigo 13. Adxudicación definitiva

1. A Comisión de Valoración elaborará e remitirá á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a proposta de adxudicación definitiva de prazas de residencia, así como a relación definitiva de excluídos/as e a relación de suplentes.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro resolverá a adxudicación definitiva de prazas de residencia.

3. A resolución de adxudicación definitiva e a relación de suplentes publicarase na páxina web da Consellería do Mar (www.mar.xunta.gal) e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres (3) meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

4. Para a cobertura das prazas de residencia que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de suplentes, seguindo a orde de puntuación.

Artigo 14. Adxudicación de prazas de residencia en supostos especiais

1. A tramitación das solicitudes de praza de residencia presentadas no prazo extraordinario de setembro axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e aos prazos, que se terán que axustar ás exixencias derivadas do inicio do curso escolar nos respectivos centros residenciais. Sempre que as solicitudes non superen o número de prazas ofertadas na convocatoria, e se cumpran os requisitos establecidos no artigo 8, a dirección do centro poderá permitir que o alumnado con adxudicación provisional poida facer uso dos servizos ofertados nesta orde.

2. Para a cobertura de prazas de residencia durante o curso escolar, as direccións dos centros residenciais resolverán a adxudicación destas.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde non porán fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro do Mar, no prazo dun (1) mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, se o acto non for expreso, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Todo iso sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

CAPÍTULO III

Convocatoria de prazas de residencia e comedor
nos centros de formación da Consellería do Mar

Artigo 16. Convocatoria de prazas de residencia e comedor

De acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, convócanse prazas de residencia e de comedor nos centros de formación da Consellería do Mar para o curso académico 2023/24.

A oferta de prazas para o curso 2023/24 será a seguinte:

Centro residencial

Núm. de prazas en réxime de pensión completa

Núm. de prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

65

5

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

45

10

Artigo 17. Presentación de solicitudes, lugar e prazo

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta convocatoria preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse directamente nas secretarías dos centros residenciais correspondentes.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será de quince (15) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

5. No caso de existir prazas vacantes, establécese un prazo extraordinario de presentación de solicitudes para os ciclos formativos, que será do 11 ao 22 de setembro de 2023.

6. Ademais, poderanse presentar solicitudes ao longo do curso escolar. Neste caso, o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o mesmo día no que rematen os prazos de matrícula de cada modalidade de curso.

7. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia, conservarán esta para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo de presentación da correspondente solicitude en período ordinario, de acordo co prazo establecido no punto 4, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexan repetidores/as deste.

Artigo 18. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, que podería ser requirida pola Comisión de Valoración para xustificar cada un dos criterios de valoración previstos no artigo 10:

a) Anexo II. Comprobación dos datos doutras persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso. A data da súa expedición será posterior á publicación desta convocatoria.

c) Documentación acreditativa da condición de orfandade, se é o caso.

d) Documentación acreditativa de familia monoparental, mediante certificado de familia monoparental, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/maternofiliais, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

e) Copia da certificación académica en que figuren as notas correspondentes ao curso escolar inmediatamente anterior a esta convocatoria para aqueles/as solicitantes que procedan doutro centro formativo. Estará exento de presentar esta certificación o alumnado dos cursos especificados no artigo 2, alínea b).

f) Título de familia numerosa, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) DNI ou NIE do resto das persoas da unidade familiar, se é o caso.

d) Títulos oficiais non universitarios e títulos oficiais universitarios dos irmáns e das irmás das persoas solicitantes, de ser o caso.

e) Declaración do IRPF tanto da persoa solicitante como dos demais membros que compoñen a unidade familiar obrigados a declarar (anexo I no caso do solicitante e anexo II para os demais membros que compoñen a unidade familiar).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % da persoa solicitante e de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, cando sexa expedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos, mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta orde é incompatible co de calquera outra axuda, para a mesma finalidade, e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Disposición adicional primeira. Prazas de residencia e comedor para os cursos que se organicen no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol

De ser o caso, e sempre que exista crédito adecuado e suficiente, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles durante o curso escolar 2023/24, segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, para os cursos relacionados coa actividade pesqueira e marisqueira que se impartan no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

Disposición adicional segunda. Transferencia de prazas do réxime de pensión completa ao réxime de media pensión e xantar diario non regular

Excepcionalmente, a criterio da dirección dos centros de ensino, e no caso de non usar o total de prazas ofertadas en réxime de pensión completa, as vacantes que se produzan poderanse acumular ás prazas en réxime de media pensión e xantar diario non regular.

Disposición adicional terceira. Normativa supletoria

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso ás prazas de residencia e de comedor nos centros residenciais da Consellería do Mar e se convoca a oferta de prazas para o curso académico 2022/23.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións relativas ás sucesivas convocatorias anuais de prazas previstas no capítulo III, así como aquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file