Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 27 de xuño de 2023 Páx. 39988

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 15 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento CT238B e CT238C).

BDNS (Identif.): 704954.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas, físicas ou xurídicas, ás cales se refire o artigo 1 desta orde.

2. As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deben acreditar a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o cal deberán estar dadas de alta, antes do 1 de xaneiro de 2023, na epígrafe 476.1 Edición de libros, do imposto de actividades económicas.

2. As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro e libros adaptados en lectura fácil en galego, editados, comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos:

3.1. Modalidade A. Produción e comercialización de audiolibros en galego.

a) Gastos de preparación da obra para a súa conversión: considéranse gastos de produción os de locución, medios técnicos do proceso de gravación (técnicas de son), corrección editorial, dirección ou calquera outro gasto de similar natureza.

b) Gastos de alugamento ou de disposición do equipo técnico necesario para a produción final.

c) Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.

d) Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

3.2. Modalidade B. Produción e comercialización de libros en lectura fácil.

a) Custo editorial: considéranse gastos de custo editorial os de autoría, adaptación, tradución, revisión, validación, maquetación, custos de preimpresión e impresión, dixitalización ou calquera outro de natureza similar.

b) Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.

c) Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

4. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

5. De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables foron aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

6. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento CT238B e CT238C).

Cuarto. Importe

1. As axudas, de carácter plurianual, concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe máximo de 150.000 €, dos cales 70.000 € corresponden á anualidade 2023 e 80.000 € á anualidade 2024.

1.1. Modalidade A. Produción e comercialización de audiolibros en galego.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe máximo de 75.000 €, dos cales 35.000 € corresponden á anualidade 2023 e 40.000 € á anualidade 2024.

1.2. Modalidade B. Produción e comercialización de libros en lectura fácil.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe máximo de 75.000 €, dos cales 35.000 € corresponden á anualidade 2023 e 40.000 € á anualidade 2024.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades