Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 26 de xuño de 2023 Páx. 39630

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Conchita Bernárdez.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Conchita Bernárdez, aprécianse os seguintes feitos:

1. O 3 de febreiro de 2023, María del Carmen Fernández Castelo, vicepresidenta do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Conchita Bernárdez constituírona María Concepción Bernárdez Iglesias e María del Carmen Fernández Castelo, mediante escritura pública outorgada o 1 de decembro de 2022, ante o notario da Coruña Juan Cora Guerreiro, co número de protocolo 2518. Tras requirimento do 17 de febreiro de 2023, o 3 de maio, as fundadoras achegan unha nova escritura outorgada o 25 de abril de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 965 do seu protocolo, na cal emendan a escritura de constitución no relativo á dotación e aos estatutos.

3. A fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto procurar o coñecemento e a difusión a nivel nacional e internacional do Camiño de Santiago, a través de diversos ámbitos: desenvolvementos sociais e culturais dos valores que o Camiño dispón en si mesmo considerado como un relevante feito cultural e social, ademais da vertente espiritual que achega ao peregrino a experiencia que ofrece o Camiño de Santiago en todas as súas vertentes sociais, económicas e humanas.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por María Concepción Bernárdez Iglesias, como presidenta; María del Carmen Fernández Castelo, como vicepresidenta; e María Ruiz Arana, como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Conchita Bernárdez, dado o seu obxecto e a finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

6. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 6 de xuño de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 114, do 16 de xuño) clasificouse de interese cultural a Fundación Conchita Bernárdez e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Conchita Bernárdez, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

En vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; e en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Conchita Bernárdez.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades