Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39301

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR815A).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e das desigualdades, precisan de iniciativas que promovan a innovación e a xestión eficiente do coñecemento en cooperación, e que contribúan a mellorar o impacto e a calidade da axuda para o desenvolvemento a través da investigación. No V Plan director da cooperación galega (2023-2026), coma nos anteriores, apóstase, na súa liña de acción 5.4 por reforzar a cultura de avaliación, investigación e aprendizaxe colectiva.

O dito V Plan director segue a tomar como marco xeral a Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e os seus 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), busca conseguir unha transformación global cara á sustentabilidade económica, ambiental e social. Os retos establecidos polos ODS requiren dunha abordaxe práctica que proporcione solucións innovadoras aproveitando o coñecemento científico e tecnolóxico, ademais de cambios no comportamento individual e colectivo.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación cos retos e prioridades. Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 1 busca consolidar unha oferta de investigación e innovación avanzada, integrada e aliñada coa especialización intelixente de Galicia, fortalecendo os recursos para unha investigación de calidade e impacto.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 e responde aos tres retos e ás tres prioridades. Intégrase no obxectivo estratéxico 1, e, polo tanto, no programa Integra.

A universidade é o espazo fundamental para o desenvolvemento da investigación e, é, ademais, o espazo axeitado para impulsar a innovación e os cambios de comportamento que nos sitúen na senda do cumprimento dos ODS.

Tendo en consideración isto, é pertinente aprobar as bases reguladoras do ano 2023 para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento que excutarán investigadores/as individuais ou equipos de investigación das universidades galegas.

Á súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, segundo o disposto no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, é o órgano que ten atribuídas as competencias en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán grupos e centros de investigación das universidades galegas (código de procedemento PR815A).

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2023 e 2024 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.331A.444.0 pola contía total de 200.000 euros (100.000 euros no ano 2023 e 100.000 euros no ano 2024).

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito e logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,14 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento, no marco da Axenda 2030, que executarán grupos e centros de investigación das universidades galegas

Artigo 1. Obxecto

A presente convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións (código de procedemento administrativo PR815A), en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para:

A realización de proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sustentable, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e, en particular, aliñados cos ODS da Axenda 2030 de Nacións Unidas.

É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e que o seu contido estea claramente relacionado con esta área, e non son financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.

A creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e destinatarios/as

2.1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).

2.2. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas deberán realizar as actuacións planificadas para a consecución dos resultados esperados coa maior dilixencia, facer un seguimento adecuado delas e elaborar os informes xustificativos intermedios e finais, así como permitir e favorecer a obtención de información necesaria por parte da Administración concendente.

2.3. As persoas investigadoras ou grupos de investigación destinatarios destas axudas disporán de liberdade de pensamento e expresión dentro das prácticas e principios éticos recoñecidos e poderán exercer os dereitos de propiedade intelectual e dereitos de autor derivados dos resultados das actividades de investigación desenvolvidas, tendo en conta que os citados resultados están ao servizo dos obxectivos da cooperación para o desenvolvemento. As publicacións científicas resultantes da subvención outorgada deberán ser enviadas á Administración concedente cando sexan obxecto de difusión, respectando en todo caso os dereitos de propiedade intelectual mencionados.

2.4. Para os efectos destas axudas enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que, baixo a dirección dun deles, desenvolve un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas alíneas d) e e) do punto seguinte.

2.5. O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:

Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutor/es ou axudantes doutor/es, contratados dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Marie Curie e outros similares (sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).

Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG, ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.

Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, nomeadamente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.

Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría o persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.

Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para a realización de tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.

2.6. O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na alínea a) do punto 5 deste artigo.

2.7. Ningún/ningunha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto, aínda que si poderá estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.

2.8. Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e no Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Ser unha universidade do SUG.

b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.2. Requisitos que deben reunir os destinatarios:

a) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de investigación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, se dictase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

3.3. Requisitos que deben reunir as entidades agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de investigación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

d) Ter asinado un contrato ou acordo de colaboración coa entidade líder da agrupación, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lles concedeu a subvención.

3.4. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2023. É necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2023. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios da Cooperación Galega, consonte o establecido no V Plan director 2023- 2026), sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur.

c) Ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, non sendo financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión, e estar aliñados coa Axenda 2030.

d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8, gastos do proxecto, desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

e) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia, non pode ser o 100 % valorizado. Ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.

f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

g) Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de especialización de Galicia (RIS3).

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Documentación complementaria

5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificados emitidos pola universidade a que pertence a persoa destinataria ou o equipo de destinatarios, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 destas bases e autorice a participación no proxecto e o compromiso de gasto correspondente. No caso de que os membros do equipo do destinatario pertenzan a diferentes universidades, o cumprimento dos requisitos do artigo 2 e a autorización de participación acreditarase por cada unha delas.

b) Currículo normalizado acreditativo dos méritos alegados pola persoa investigadora, equipo ou grupo de investigación.

c) Estratexia ou traxectoria de investigación do persoal investigador e/ou equipo de investigación de cara aos vindeiros anos (dous como mínimo), en que se inclúa a proposta presentada.

Carpeta 1: información relativa á/ás entidade/s agrupada/s.

a) Anexo III: declaración do artigo 10 da Lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos e na cal consten, se é o caso, as investigacións en que colaborou.

c) Plan/estratexia de cooperación para o desenvolvemento ou educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo), en que se enmarca o proxecto presentado.

d) No caso de agrupación, o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que desempeñen a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que desempeñe a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante e líder da agrupación a que se lle transferirá a subvención de ser concedida, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propios que executará por cada unha delas en cada anualidade.

– Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.

e) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito documento estará asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

Carpeta 2: información relativa o proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/

– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado.

– Orzamento do proxecto no documento normalizado.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

5.2. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 desta orde. Quedarán excluídos de emenda aqueles documentos que, non estando incorporados coa solicitude inicial, impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é aqueles documentos previstos nas alíneas b) e c) da carpeta 1 da entidade solicitante; b) e c) da carpeta 1 das entidades agrupadas e dos documentos de formulación técnica e orzamento do proxecto (carpeta 2).

5.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será riquirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

5.6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, se é o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

NIF da entidade solicitante ou agrupada, se é o caso.

DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.

Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

Concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos II e III, se é o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Non obstante do anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa/s en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar que están ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non son debedor/as por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.

Artigo 7. Condicións de financiamento

7.1. Con cargo a esta convocatoria, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto.

7.2. Nas propostas presentadas por un/unha investigador/a individual para a realización dun proxecto de investigación, a subvención concedida non superará en ningún caso os 15.000 €. Nas presentadas por un equipo ou grupo de investigación, a subvención concedida non superará os 30.000 €.

7.3. Nas propostas presentadas para a creación dun grupo de investigación, a subvención concedida non superará en ningún caso os 35.000 €.

7.4. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 50 % no ano 2023 e o 50 % en 2024.

Artigo 8. Gastos do proxecto

8.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables, con independencia de por quen sexan financiados, os custos directos e os indirectos do proxecto.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto ou do grupo de investigación.

a) Material funxible necesario para a realización da investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación. O material funxible de oficina ou informático non poderá exceder o 5 % da subvención solicitada.

b) Persoal contratado especificamente para colaborar, con dedicación total ou parcial, nas actividades de investigación do proxecto ou na posta en marcha do grupo de investigación.

O persoal que se contrate non poderá ter outro contrato vixente coa universidade que exixa dedicación a tempo completo.

A universidade poderá presentar como achega financeira propia os contratos vixentes do persoal vinculado a ela estatutaria ou contractualmente, sexan a tempo parcial ou completo.

c) Viaxes e axudas de custo para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

d) Outros gastos necesarios para a realización da investigación e para a posta en marcha do grupo de investigación como, por exemplo, gastos vinculados á obtención e xestión de información (enquisas, tratamento de datos…), gastos de publicidade e/ou difusión, entre outros.

3. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión, seguimento e/ou supervisión, entre outros que non poden exceder o 10 % da subvención solicitada. Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

8.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

– Os gastos de capital e material inventariable (incluídos tablets, ipads, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas…)

– Os xuros debedores das contas bancarias.

– Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

– Os gastos de procedementos xudiciais.

– As amortizacións de bens inventariables.

– Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos etc.).

– Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

8.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 9. Criterios de valoración

As propostas que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

9.1. Criterios aplicables para a realización de proxectos de investigación:

Polo que respecta á valoración dos aspectos relacionados coa persoa, equipo, ou grupo destinatario:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico-técnica do/da investigador/a individual e do equipo de investigación para a realización do proxecto. Contribucións recentes relacionadas coa área temática do proxecto, en xeral, e coa cooperación para o desenvolvemento, en particular. Máximo: 10 puntos.

2. Adecuación do perfil e tempo de dedicación do/da investigador/a individual e do tamaño, composición e dedicación do equipo do proxecto aos seus obxectivos. Máximo: 15 puntos. Valoraranse positivamente os seguintes aspectos:

– A dedicación exclusiva ao proxecto. Máximo: 3 puntos.

– A participación de doutores. Máximo: 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras. Máximo: 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas. Grao de multidisciplinariedade do equipo. Máximo: 3 puntos.

– Participación de investigadores/as de universidades do Sur Global e/ou doutros actores do sistema da axuda, especialmente ONGD. Máximo: 3 puntos.

3. Adecuación do proxecto de investigación ás liñas de investigación contidas na estratexia de investigación do persoal investigador e/ou do equipo de investigación de cara aos vindeiros anos. Valorarase especificamente que a Axenda 2030 estea imbricada na estratexia de investigación. Máximo: 5 puntos.

4. Proxecto presentado en agrupación de entidades. Terase en conta o valor engadido da agrupación ao proxecto, así como a repartición coherente e xustificada de tarefas. Máximo: 5 puntos.

Polo que respecta á valoración do proxecto de investigación:

5. Antecedentes do proxecto. Coñecemento do estado da arte do tema que se vai abordar e vinculación co sector de cooperación para o desenvolvemento. Máximo: 10 puntos.

6. Calidade técnica do proxecto en relación cos obxectivos propostos. Máximo: 20 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Claridade no desenvolvemento do proxecto.

– Impactos tanxibles en materia de cooperación para o desenvolvemento en termos de desenvolvemento humano sustentable e en cumprimento da Axenda 2030 e os seus obxectivos e metas.

– Adecuación da proposta aos criterios sectoriais e xeográficos da Cooperación Galega.

– Novidade e relevancia dos obxectivos propostos.

7. Metodoloxía, viabilidade e plan de traballo. Máximo: 17 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Adecuación do plan de traballo, cronograma e metodoloxía empregada.

– Coherencia xeral do deseño do proxecto.

– Adecuación do orzamento ás actividades previstas. Relación entre custos e resultados esperados.

8. Resultados e aplicabilidade do proxecto de investigación. Máximo: 18 puntos, segundo os seguintes criterios:

– Aplicabilidade práctica dos resultados da investigación.

– Replicación e sustentabilidade dos resultados da investigación.

– Plan de difusión e, se é o caso, de explotación dos resultados do proxecto.

9.2. Criterios aplicables para a creación de grupos de investigación:

1. Experiencia, traxectoria e capacidade científico-técnica do equipo de investigación e de cada un dos seus membros. Contribucións recentes relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento e a Axenda 2030. Máximo: 15 puntos.

2. Composición, estrutura, tamaño e coherencia do grupo e da súa actividade.

Máximo: 15 puntos.

– A participación de doutores. Máximo: 3 puntos.

– Liderado feminino e participación equilibrada de investigadoras. Máximo: 3 puntos.

– O número de departamentos ou áreas implicadas. Grao de multidisciplinariedade do equipo. Máximo: 3 puntos.

– Dimensión interuniversitaria. Máximo: 3 puntos.

- Participación de investigadores/as de universidades do Sur Global e/ou doutros actores do sistema da axuda, especialmente ONGD. Máximo: 3 puntos.

3. Actividade investigadora (no período 2017- 2022). Máximo: 45 puntos.

– Teses de doutoramento en cooperación internacional para o desenvolvemento ou materias afíns, defendidas no período/número de investigadores do grupo. Número de contratados pre e posdoutorais. Máximo: 10 puntos.

– Número de proxectos de convocatorias de ámbito autonómico, estatal e internacional. Número de contratos ou convenios con outras institucións. Número de redes de ámbito estatal e/ou internacional ás cales pertence. Máximo: 15 puntos.

– Número de publicacións en revistas, en temáticas relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento. Número de libros e capítulos de libros publicados relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento. Publicacións de actas de congresos internacionais relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento. Número de conferencias en congresos internacionais relacionadas coa cooperación internacional para o desenvolvemento. Máximo: 20 puntos.

4. Estratexia do grupo de investigación para os vindeiros anos e adecuación desta á Axenda 2030. Máximo: 10 puntos.

5. Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo. Máximo: 5 puntos.

6. Aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo. Máximo: 5 puntos.

7. Potencialidades da solicitude para satisfacer as necesidades científico-tecnolóxicas na nosa sociedade e nos países prioritarios da cooperación galega. Máximo: 5 puntos.

Artigo 10. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Valoración das solicitudes

13.1. A valoración das solicitudes realizarase a partir das valoracións feitas por un panel de avaliadores expertos externos ao SUG, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Esta avaliación remitirase á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución.

A comisión de selección adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

13.2. Para superar a fase de valoración será necesario, no caso das propostas para a realización de proxectos de investigación (artigo 9.1 destas bases), acadar unha puntuación mínima do 50 % en cada unha das dúas partes. No caso das propostas para a creación de grupos de investigación (artigo 9.2 destas bases), acadar unha puntuación mínima do 50 % do total.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

A maior puntuación obtida na valoración do proxecto.

A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. A repartición das axudas farase tendo en conta as diferentes ramas de coñecemento, garantindo un 25 % das axudas concedidas para as áreas de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas e outro 25 % para ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura. O 50 % restante será distribuído por orde de puntuación, independentemente da rama de coñecemento.

13.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no V Plan director da cooperación Galega 2023-2026 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 14. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 15. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolverá o procedente.

Artigo 16. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 17. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade, obxecto e condicións da dita subvención. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes será ditada, de novo, unha resolución polo mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiamento ou este non acadase a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 18. Anticipos

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 94.3.a) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, e é obrigatorio presentar un informe de seguimento técnico e económico cando remate a primeira anualidade e o informe final técnico e económico na segunda anualidade nos termos establecidos no artigo seguinte. Cada unha das anualidades da subvención débese xustificar con gastos executados e pagados dentro da respectiva anualidade.

18.2. Para o pagamento do anticipo da subvención correspondente á primeira anualidade, as entidades beneficiarias deberán presentar a solicitude de pagamento do anticipo (anexo IV) desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar a declaración do artigo 10 da Lei de subvención para entidades agrupadas distintas da solicitante (anexo III) actualizado ou os documentos que acrediten as ditas circunstancias.

18.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade, e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 19.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a solicitude de pagamento do anticipo (anexo IV) para esta anualidade, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar a declaración do artigo 10 da Lei de subvención para entidades agrupadas distintas da solicitante (anexo III) actualizado ou os documentos que acrediten ditas circunstancias.

Artigo 19. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

19.1. Con base no que establece o artigo 94.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos, e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos proxectos realizarase sobre o seu custo total, incluíndo, se é o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.

19.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 94.3.d) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e co establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e con data límite 31 de marzo de 2024.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente, conforme o establecido no artigo 94.3.d) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a segunda anualidade, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo e nos prazos indicados nos números 1 e 2 do punto 5.

19.3. Para a presentación dos informes de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

19.4. Para a xustificación da primeira anualidade a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación da primeira anualidade (anexo V) acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

b) Informe técnico de seguimento sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto realizados e pagados na primeira anualidade, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria. Acompañarase dunha relación dos gastos con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

d) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

19.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar tanto a xustificación técnica como a económica nos prazos e coa documentación que se sinala a continuación:

19.5.1. Xustificación técnica final.

A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar antes do 30 de decembro de 2024 o escrito de presentación da xustificación técnica final (anexo VI) acompañado dos seguintes documentos:

– Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe técnico final de execución asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados da presente orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

19.5.2. Xustificación económica final (anexo VII), que comprenderá:

– Certificación dos gastos da totalidade do proxecto, distribuídos por partidas orzamentarias e financiadores, emitida pola intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Relación dos gastos con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

– Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar toda esta documentación antes do 31 de marzo de 2025.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea pola entidade solicitante, mediante unha certificación da persoa que desempeñe a representación legal.

19.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

19.7. No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 22 destas bases.

Artigo 20. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación, de terse efectuado.

20.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados, así como calquera información necesaria para o seguimento e avaliación da Estratexia galega de especialización intelixente RIS3, sempre que algúns dos proxectos subvencionados estean dentro das súas prioridades. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/

Os documentos e o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conteren o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberán incluír o seguinte parágrafo, traducido para as linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

20.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada, durante a súa execución ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

20.6. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar cuantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

Artigo 21. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte aspectos cualitativos dos seus obxectivos e resultados, ou o lugar e prazo de execución e xustificación do proxecto, así como a modificación ou incorporación de persoas ao grupo ou equipo de investigación. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172 de titularidade, Xunta de Galicia, situada na entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Reintegro por incumprimento

Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas, en caso de incumprimento pleno, ou á parte proporcional, en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os cales se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade que haberá que reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención, e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e esta acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida

Artigo 24. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

25.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

25.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto fose expreso. Se este non o é (acto presunto), o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 27. Remisión normativa

27.1. Para o non previsto nestas bases serán de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, o Decreto 29/2017, de 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

27.2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberáselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file