Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 19 de xuño de 2023 Páx. 38148

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2023 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a selección de entidades encargadas da xestión dos centros de intervención educativa en medio aberto (CIEMA) dirixidos a persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (código de procedemento BS213J).

O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 27.23 atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial, a execución das medidas impostas polos xulgados de menores nas súas resolucións firmes para o que levará a cabo a creación, dirección, organización e xestión dos servizos, institucións e programas axeitados para garantir a correcta execución das medidas previstas nesa lei.

Neste sentido, o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, encomenda á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

A intervención educativa integral está prevista no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. En concreto, o punto 2.5.1 do anexo desta norma refírese ao «servizo de intervención educativa e integral» para persoas menores infractoras sobre as cales recaia unha medida xudicial ou extraxudicial en virtude do disposto na normativa penal vixente, conxunto de medidas técnico-profesionais destinadas a procurar a reinserción social da persoa menor, incidindo na súa formación, educación, lecer e convivencia.

Á vista das habilitacións normativas anteriores, nos últimos anos o programa de intervención educativa en medio aberto veuse desenvolvendo a través de convenios de colaboración. Non obstante, a habilitación do réxime de concertos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia a través do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, abre a posibilidade de aplicar esta figura a programas e servizos desenvolvidos pola entidade pública de protección á infancia e á adolescencia de Galicia.

Este proxecto será financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228, que figura na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, na cal existe crédito adecuado e suficiente.

Cumpridos os requisitos do artigo 10 e de conformidade co artigo 11 do antedito decreto, a resolución do procedemento BS213J do presente concerto social, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude. As resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar o inicio e convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución dun programa para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, que se xunta á presente resolución no anexo I e ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución de inicio.

Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

A) Necesidade administrativa que se pretende satisfacer.

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, asumiu entre as súas competencias, segundo o artigo 14 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, a protección e tutela das persoas menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

Este concerto social pretende dar continuidade na Comunidade Autónoma de Galicia á execución de medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, que se veñen levando a cabo nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

O artigo 2 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que este tipo de relación xurídica se pode establecer entre a Administración xeral autonómica e aquelas entidades que ofrezan servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.

B) Obxecto do concerto social.

O obxecto de concerto é levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir, dentro do ámbito das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, impostas polos xulgados de menores ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial, segundo o establecido na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, de responsabilidade penal de menores.

O termo «persoa menor», entenderase, no marco do disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, como extensivo á totalidade daquelas persoas a que lles sexa aplicable algunha medida derivada da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo co uso que do dito termo se dá na antedita lei.

A prestación do servizo para o desenvolvemento de programas e recursos destinados á execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e dos programas educativos que as desenvolven garantirá a execución das seguintes medidas en medio aberto:

a) Tratamento ambulatorio.

b) Asistencia a centro de día.

c) Permanencia de fin de semana en domicilio.

d) Liberdade vixiada (preventiva e ditada en sentenza firme).

e) Prestacións en beneficio da comunidade.

f) Realización de tarefas socioeducativas.

Tamén quedará garantida a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudiciais previstas no artigo 19 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, que, propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores, sexan derivadas a unha xefatura territorial da Consellería de Política Social.

A intervención educativa integral en medio aberto levarase a cabo en cada provincia nun recurso non residencial que se denominará centro de intervención educativa en medio aberto (CIEMA), seguido do nome da provincia onde estea situado. Este local cumprirá os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

No desenvolvemento dos programas e recursos, as entidades deben cumprir de forma estrita a normativa aplicable, así como as circulares que resulten de aplicación e, en particular, a título meramente enunciativo:

a) Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da LORPM.

c) Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia.

d) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, Infancia e adolescencia.

f) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

g) Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

h) Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

i) Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

j) Circular nº 13, do 5 de xuño de 2008, na cal se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas.

Así mesmo, serán de aplicación cantas outras disposicións lexislativas e regulamentarias relacionadas coa actividade obxecto de execución sexan de aplicación, así como aquelas que entren en vigor durante o período de execución do concerto e as modificacións que afecten a normativa aplicable.

Para os efectos desta convocatoria o concerto social distribúese nos seguintes lotes:

Provincia

Nº de prazas de asistencia a centro de día no CIEMA

1

Lugo

10

2

Ourense

10

3

Pontevedra

12

Total prazas ofertadas

32

As entidades concertantes poderán optar a un, a varios ou ao total dos lotes.

Presentarán a súa proposta por todas as prazas ofertadas, segundo o lote ou lotes por que opten.

C) Modalidade de concertación.

A modalidade de concertación é o procedemento de asignación de concertos, regulado no artigo 9 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Cada lote en que se divide o obxecto do concerto será asignado a unha única entidade, que deberá optar a todas as prazas e servizos ofertados no lote.

D) Réxime económico do acordo.

D.1. Orzamento e crédito orzamentario a que se imputa o gasto:

A Consellería de Política Social e Xuventude financiará o custo derivado da execución deste concerto cunha contía máxima de 4.575.319,54 €, no período 2023-2027. Este importe será financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 que figura na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, na cal existe crédito axeitado e suficiente.

D.2. Distribución en anualidades:

Lote 1

Execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Lugo (10 prazas de execución simultánea da medida de asistencia a centro de día)

2023 (5 meses)

118.559,83 €

2024

318.727,33 €

2025

326.691,91 €

2026

326.691,91 €

2027 (7 meses)

204.370,80 €

Total 4 anos

1.295.041,78 €

Posibles prórrogas

2027 (5 meses)

136.121,63 €

2028

326.691,91 €

2029

326.691,91 €

2030

326.691,91 €

2031 (7 meses)

190.570,28 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (sen IVE)

2.601.809,42 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (10 %) IVE incluído

2.861.990,36 €

Lote 2

Execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Ourense (10 prazas de execución simultánea da medida de asistencia a centro de día)

2023 (5 meses)

116.246,20 €

2024

313.478,89 €

2025

322.022,78 €

2026

322.022,78 €

2027 (7 meses)

201.732,47 €

Total 4 anos

1.275.503,13 €

Posibles prórrogas

2027 (5 meses)

134.176,16 €

2028

322.022,78 €

2029

322.022,78 €

2030

322.022,78 €

2031 (7 meses)

187.846,62 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (sen IVE)

2.563.594,25 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (10 %) IVE incluído

2.819.953,68 €

Lote 3

Execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Pontevedra (12 prazas de execución simultánea da medida de asistencia a centro de día)

2023 (5 meses)

144.106,38 €

2024

391.735,51 €

2025

401.070,66 €

2026

401.070,66 €

2027 (7 meses)

250.853,29 €

Total 4 anos

1.588.836,49 €

Posibles prórrogas

2027 (5 meses)

167.112,78 €

2028

401.070,66 €

2029

401.070,66 €

2030

401.070,66 €

2031 (7 meses)

233.957,89 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (sen IVE)

3.193.119,13 €

Total 4 anualidades + posibles prórrogas (10 %) IVE incluído

3.512.431,04 €

Valor estimado: total anualidades + posibles prórrogas + posibles modificacións (20 %)

Valor estimado

10.030.227,36 €

D.3. Prezo.

O prezo que a Consellería de Política Social e Xuventude aboará pola prestación do servizo obxecto deste concerto concrétase para cada lote segundo o seguinte prezo por praza e día:

Nº lote

Provincia

Prazas

Prezo/praza día CIEMA

1

Lugo

10

97,57 €

2

Ourense

10

96,10 €

3

Pontevedra

12

99,76 €

E) Duración do concerto social e posibilidade de renovacións.

Este concerto social terá vixencia desde a súa formalización (prevista para o 1.8.2023) ata o 31.7.2027, con posibilidade das prórrogas sinaladas no artigo 8 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en caso de existir crédito adecuado e suficiente.

De acordo co dito precepto, coa finalidade de garantir a estabilidade na súa provisión, despois da resolución deste concerto social, o programa poderá continuar tras a convocatoria dun novo concerto, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente.

No obstante, de acordo co sinalado no artigo 29.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, que resulta de aplicación supletoria ao abeiro do establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cando ao vencer un concerto non se formalizase novo concerto que garanta a continuidade da prestación que realiza a entidade concertada como consecuencia de incidencias resultantes de acontecementos imprevisibles para a Administración concertante producidas no procedemento de adxudicación existan razóns de interese público para non interromper a prestación, poderase prorrogar o concerto orixinario ata que comece a execución do novo concerto e, en todo caso, por un período máximo de nove meses, sen modificar as restantes condicións do concerto, sempre que a resolución de concertación se publicase cunha antelación mínima de tres meses respecto da data de finalización do concerto orixinario.

F) Requisitos que deben cumprir as entidades para poder presentarse ao procedemento de concertación.

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase por un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 160.000 euros anuais polos lotes 1 e 2 e 220.000 euros polo lote 3.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil, vixente ata a fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior a 160.000 euros anuais por cada un dos lotes 1 e 2 e 220.000 euros polo lote 3.

A súa acreditación efectuarase por medio:

1. Dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador en que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar de ser requirida:

– Un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

– Se é o caso, copia das súas contas anuais e depositadas no Rexistro Mercantil, se a entidade estivese inscrita no dito rexistro. En caso contrario, polas depositadas no rexistro oficial en que deba estar inscrita. Os empresarios individuais non inscritos no Rexistro Mercantil acreditarán o seu volume anual de negocios mediante copia dos seus libros de inventarios e contas anuais legalizados polo Rexistro Mercantil.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite o seguinte requisito:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata a fin do prazo de presentación de proposicións) cuxos importes acumulados (sen IVE) no ano de maior execución sexa igual ou superior ao 50 % do importe medio anual do custo de cada lote do concerto social, segundo o seguinte cadro:

Nº lote

Provincia

Importe medio anual

1

Lugo

161.000,00 €

2

Ourense

159.000,00 €

3

Pontevedra

198.000,00 €

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de 2 anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se detallan no punto K.3 desta resolución (póliza de seguros dos locais, e de responsabilidade civil e de accidentes).

g) Acreditación da titularidade do centro ou dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde está o centro e/ou se prestan os servizos.

h) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

i) Dispoñer, na data do 15 de xullo de 2023, do permiso de inicio de actividades para o CIEMA a que oferten. Tendo en conta que o 15 de xullo pode ser posterior ao remate do prazo para a presentación de solicitudes, o cumprimento deste requisito será obxecto de comprobación de oficio pola propia Administración.

Os requisitos das alíneas a), d) e e) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social.

G) Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

G.1. As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento BS213J).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicional da persoa solicitante da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

G.2. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

H) Documentación complementaria.

H.1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha relación numerada e ordenada de todos os documentos que se presentan.

b) Certificación que acredite que conta coa solvencia económica e financeira e técnica e profesional segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de 2 anos na atención á infancia e á adolescencia, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo IV da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso indicarase neste momento «pendente de contratación».

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto de intervención educativa coa estrutura e os contidos mínimos determinados no punto 1.4 da cláusula Q. No dito proxecto, incluiranse, de ser o caso, os programas que a maiores presente a entidade para a súa valoración.

e.2) Plan de formación continua do persoal de acordo co previsto no punto 4.3 da cláusula Q.

e.3) Memoria en que se indiquen os recursos materiais con que contará o CIEMA para a execución das medidas de acordo co previsto no punto 3 da cláusula Q.

e.4) Documentación que acredite a posesión da Marca galega de excelencia en igualdade, do Certificado de empresa familiarmente responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado este último polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

e.5) Documentación que acredite a continuidade na atención prestada e implantación na provincia onde se presta o servizo.

e.6) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da infancia e da adolescencia. No caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable que comprobará de oficio a Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no punto K.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais, de accidentes e de responsabilidade civil).

g) Acreditación da titularidade do centro ou dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia do concerto, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde está o centro e/ou se prestan os servizos.

h) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

i) Anos que a entidade, de ser o caso, leva prestando o servizo na provincia a que se refira a oferta.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán comprobados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

H.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

I) Comprobación de datos.

I.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

g) Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual.

h) Títulos oficiais universitarios do persoal que se designe para o servizo, segundo o establecido no prego de prescricións técnicas e/ou títulos oficiais non universitarios do persoal que se designe para o servizo, segundo o establecido no prego de prescricións técnicas.

I.2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

I.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

J) Órganos competentes par a tramitación e resolución do procedemento.

A tramitación deste procedemento de concerto social correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude.

A resolución correspóndelle, de acordo coa posibilidade de delegación que se recolle no artigo 16 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude.

K) Procedemento do concerto social.

K.1. Instrucción.

K.1.1. Este concerto realizarase mediante o procedemento de asignación, seleccionando a entidade prestadora do servizo en cada un dos lotes, de acordo cos criterios de selección e preferencia desta convocatoria.

K.1.2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a instrución do procedemento que verificará que as solicitudes das entidades reúnen os requisitos exixidos e achegaron a documentación preceptiva.

K.2. Informe da Comisión de Valoración.

K.2.1. A Comisión de Valoración fará público o resultado das súas deliberacións a través do portal web da Consellería de Política Social e Xuventude.

K.2.2. A Comisión de Valoración determinará aquelas entidades que cumpran os requisitos para concertar e elaborará un informe no cal figurará unha listaxe ordenada, de acordo coas puntuacións obtidas, e proporá para a execución do concerto a entidade que reúna maior puntuación en cada lote.

K.3. Documentación que debe presentar a entidade adxudicataria.

Unha vez aceptada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude a proposta da Comisión de Valoración, a entidade seleccionada deberá presentar a seguinte documentación:

– Anexo III. Documentación que ten que presentar pola entidade adxudicataria.

– Anexo IV. Relación de persoal adscrito ao servizo, detallando os datos que non se achegaron coa solicitude, de ser o caso.

– Anexo IV.bis. Consentimento individualizado da comprobación de datos asinado por cada empregado/a da entidade adxudicataria.

– Anexo V. Datos do persoal que se subroga.

– Documentación que acredite a formación do persoal asignado ao proxecto.

– Documentación que acredite a solvencia económica e financeira, así como a técnica e profesional, de acordo coas fórmulas escollidas na declaración responsable presentada coa solicitude, de ser o caso.

– Documentación que acredite a subscrición dos seguros que se mencionan a continuación:

A entidade adxudicataria virá obrigada á constitución dunha póliza de seguros para a cobertura dos seguintes riscos:

1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

2. De responsabilidade civil que cubra:

– Os danos que poida sufrir calquera persoa, en si mesmas ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento dos locais da entidade adxudicataria e, se é o caso, outros equipamentos en que se leva a cabo a intervención educativa en medio aberto.

– Os danos que poidan ser causados ás persoas e aos bens de terceiros, polos profesionais e, en xeral, calquera persoa dependente da entidade adxudicataria, incluídos os actos derivados de actividades realizadas relacionadas coa prestación do servizo, tanto dentro como fóra das instalacións.

– Os danos que poidan ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000,00 € por sinistro e 300.000,00 € por anualidade e equipamento.

3. De accidentes de menores, causados tanto no interior do CIEMA como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior dos centros.

A suma asegurada deberá ser un mínimo de 6.000,00 euros por persoa por falecemento e 30.000,00 euros por invalidez permanente, e incluír a asistencia médica ilimitada e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

A xustificación da póliza subscrita e do pagamento da prima deberá realizarse no momento da formalización e cada vez que se renove a póliza.

– O xustificante de presentación na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración Pública ou nas delegacións provinciais da Axencia Tributaria de Galicia-Atriga) da garantía que se exixe no punto S.2 desta resolución.

K.4. Formalización do concerto.

K.4.1. Este concerto social formalizarase mediante un documento administrativo, co contido establecido no artigo 19 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, dentro dos 30 días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.

K.4.2. O documento de formalización será subscrito, en representación da Administración, pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, en virtude da delegación prevista no artigo 19.2 do citado Decreto 229/2020.

K.4.3. O concerto perfeccionarase coas súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.

K.4.4. Efectuada a formalización, a entidade concertada estará obrigada a prestarlles ás persoas usuarias os servizos sociais nas condicións establecidas na normativa sectorial aplicable, nesta resolución de convocatoria do concerto social e nos criterios de preferencia e selección da entidade.

K.4.5. Cando por causas imputables á entidade concertada non se formalizase o concerto social, a Administración acordará a súa resolución e a incautación da garantía no caso de terse constituído.

K.4.6. Se as causas da non formalización fosen imputables á Administración, indemnizarase a entidade polos danos e perdas que a demora lle poida ocasionar.

L) Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

M) Prazo de resolución, notificación e publicación.

M.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

M.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

M.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

M.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

M.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

M.6. A resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude (http://www.xunta.es/politica-social).

M.7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concertación será de tres meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo, por un prazo máximo doutros tres meses.

M.8. Transcorrido o prazo establecido sen se ditar e notificar resolución, as entidades poderán entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

N) Recursos contra a resolución.

Este concerto terá carácter administrativo e rexerase nos seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, polo disposto no artigo 18 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, así como a Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Na súa falta, para resolver as lagoas e dúbidas que poidan presentarse, rexerase polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, así como pola Lei 40/2015, do 1 de outubro.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude e os seus acordos porán fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes se a resolución é expresa. Se o acto non é expreso, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este é expreso. Se non o é, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O) Criterios de selección e preferencia.

O.1. Para a formalización deste concerto, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

Deste xeito, a consideración de entidade sen ánimo de lucro inclúese entre os criterios de desempate.

O.2. Neste procedemento de asignación de concerto establécense os seguintes criterios para a selección da entidade adxudicataria, coa finalidade de acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para concertar:

a) Calidade do proxecto técnico, 40 puntos, baremado de acordo cos seguintes criterios:

a.1) Calidade do proxecto de intervención educativa, ata 30 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Coherencia entre a problemática e necesidades das persoas menores atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostas, ata 10 puntos.

– Calidade do sistema de avaliación da intervención proposto no proxecto educativo, ata 10 puntos.

– Detalle do sistema de traballo en rede cos recursos comunitarios e coas familias e da coordinación cos órganos xudiciais, fiscalías e entidade pública, de cara á consecución dun traballo integrado en relación coa persoa menor, ata 10 puntos.

a.2) Adecuación do plan de formación ás características da actividade, ata 5 puntos.

a.3) Ofertas de programas non previstos no punto Q.1.3, ata 5 puntos.

Cada programa adicional valorarase cun máximo de 1,25 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Coherencia cos programas exixidos e relevancia da intervención, ata 0,5 puntos.

– Innovación, ata 0,40 puntos.

– Extensión da súa aplicabilidade á integración social e laboral dos menores, a través da creación de redes de apoio alleas á entidade, ata 0,35 puntos.

b) Características do CIEMA, do seu equipamento e dos recursos técnicos achegados, ata 20 puntos, segundo a seguinte desagregación:

b.1) Situación xeográfica e comunicacións, en particular, dispoñibilidade de medios de transporte colectivo para os traslados ás instalacións e servizos educativos, sanitarios, deportivos ou de lecer, que vaian ser empregados polas persoas usuarias, ata 5 puntos.

b.2) Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos ás actividades que se vaian desenvolver, ata 5 puntos.

b.3) Grao de conservación, calidade e confortabilidade dos espazos e do seu equipamento, incluída a accesibilidade, ata 4 puntos.

b.4) Características da conexión á internet e dos dispositivos informáticos postos á disposición das persoas menores, ata 1 punto.

b.5) Oferta de equipamentos non previstos no punto Q.3 ou en número superior ao exixido, ata 5 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Incremento sobre o número de prazas mínimas exixidas para cada CIEMA, 0,10 puntos por praza, cun máximo de 10 prazas, máximo 1,00 punto.

– Novo equipamento que cumpra os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e conte cun número mínimo de 8 prazas. So se valorará 1 novo equipamento en distinta localidade daquela en que radique o CIEMA, 4 puntos.

c) Medidas de conciliación da vida persoal, familiar e corresponsabilidade, ata 10 puntos, de acordo co establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia; valorarase a existencia na empresa de políticas en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e corresponsabilidade, que se apliquen na execución deste concerto do seguinte xeito:

c.1) Estar en posesión da Marca galega de excelencia en igualdade ou equivalente, 4 puntos.

c.2) Estar en posesión do Certificado de empresa familiarmente responsable ou equivalente, 4 puntos.

c.3) Estar en posesión do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou equivalente, 2 puntos.

d) Continuidade na atención prestada e implantación na provincia onde se presta o servizo, ata 15 puntos. Computarase un punto por cada ano que a entidade solicitante veña desenvolvendo o servizo na provincia a que se refira a oferta.

e) Polos anos de servizo acreditados pola entidade no ámbito da infancia e a adolescencia, ata 15 puntos. Computarase un punto por cada ano por encima do requisito mínimo para optar ao concerto (dous anos).

Empregarase como primeiro criterio de desempate a preferencia das entidades sen ánimo de lucro fronte ao resto de entidades prestadoras de servizos sociais. Como segundo, un número de integrantes do cadro de persoal superior ao 2 % nos termos do artigo 147.1.a) e o Acordo do Consello da Xunta, do 8 de abril de 2010, así como o previsto no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. No caso de que varias empresas estean nestas circunstancias, terá preferencia na adxudicación do concerto o licitador que acredite maior porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade no seu cadro de persoal.

P) Composición e funcionamento da Comisión de Valoración.

P.1. A Comisión de Valoración está composta polo persoal que a continuación se relaciona:

Titular

Suplente

Presidencia

Subdirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Subdirector xeral de Demografía e Conciliación

Vogalías

Xefa do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil

Xefa do Servizo de Apoio á Familia, á Infancia e á Adolescencia

Psicólogo/a (Servizo de Xustiza Penal Xuvenil)

Psicólogo/a (Servizo de Xustiza Penal Xuvenil)

Pedagogo/a (Servizo de Xustiza Penal Xuvenil)

Psicólogo/a (Servizo Protección de Menores)

Secretaría

Xefe de Sección de Coordinación Administrativa

(Servizo de Xustiza Penal Xuvenil)

Xefa de negociado (Servizo de Xustiza Penal Xuvenil)

P.2. Na organización e funcionamento da Comisión de Valoración aplicarase o disposto, en materia de órganos colexiados, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

P.3. O órgano instrutor, a través da Comisión de Valoración, poderá solicitarlles aos interesados cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada resolución do procedemento e, en xeral, realizar cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución, entre os que se incluirá en todo caso un prazo de corrección de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

P.4. Así mesmo, a Comisión de Valoración poderá solicitar os informes técnicos que precise nos seus labores de instrución.

Q) Condicións técnicas e materiais da prestación obxecto do concerto social.

Q.1. Definición do servizo.

A intervención educativa que levará a cabo a entidade adxudicataria coa persoa menor en execución da medida xudicial que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva/resolución da sentenza. Así mesmo, será integral e incorporará a perspectiva de xénero, debendo abarcar tanto a dimensión persoal como a familiar e social. Ofrecerá espazos de escoita, reflexión, confrontación e acompañamento para a mellora da calidade de vida da persoa menor e do seu núcleo familiar. Comprenderá aquelas actividades e programas que contribúan á adecuada socialización da persoa menor e que deben incidir na súa formación, emprego, lecer, promoción ocupacional e convivencia.

A intervención educativa terá como obxectivo principal a reinserción social da persoa menor, para o cal se perseguirá que esta:

• Asuma as consecuencias da comisión do ilícito penal e se responsabilice do cumprimento da medida.

• Tome conciencia cívica dos seus dereitos e deberes e saiba respectar os dereitos e liberdades das outras persoas.

• Potencie as actitudes e adquira as competencias e habilidades que beneficien o seu desenvolvemento integral e lle permitan exercer unha cidadanía plena.

• A intervención educativa responderá na súa formulación e desenvolvemento aos seguintes principios xerais:

• O superior interese da persoa menor sobre calquera outro interese concorrente.

• O respecto ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

• A información dos dereitos que lle corresponden e a asistencia necesaria para o seu exercicio.

• A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e liberdades das outras persoas.

• A adecuación das actuacións á súa idade, personalidade, xénero e circunstancias persoais e sociais.

• A prioridade das actuacións na propia contorna familiar e social sempre que non sexa prexudicial para o seu interese. Utilización preferente dos recursos normalizados do ámbito comunitario.

• O fomento da colaboración das nais e pais ou persoas que desempeñen a representación legal durante a execución das medidas.

• O carácter preferentemente interdisciplinar na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa menor.

• A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada das e dos menores e das súas familias.

• A coordinación de actuacións e a colaboración con outros organismos, especialmente cos que teñan competencias en materia de educación e sanidade.

• O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e contido das medidas.

Q.1.1. Persoas menores atendidas polo servizo.

Poderán ser atendidas por este servizo as persoas menores que teñan que cumprir unha medida xudicial de medio aberto imposta polos xulgados de menores, recollida no obxecto do concerto, ou que teñen que realizar reparacións extraxudiciais ou actividades educativas propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores en virtude do artigo 19 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro de responsabilidade penal dos menores.

Q.1.2. Dereitos e deberes da persoa menor garantidos na intervención.

A intervención educativa debe garantir que a persoa menor que execute unha medida xudicial en medio aberto sexa informada dos dereitos e deberes previstos na lexislación aplicable e, en particular, dos seguintes:

– Dereitos.

• Dereito a que durante a súa estadía e/ou participación en actividades programadas se vele pola súa integridade física e a súa saúde, sen que poida, en caso ningún, ser sometida a tratos degradantes ou a malos tratos de palabra ou de obra, nin ser obxecto dun rigor arbitrario ou innecesario na aplicación das normas.

• Dereito a recibir unha atención individualizada e unha educación de calidade nas aprendizaxes e actividades en que participe, e á protección específica que pola súa condición lle dispensen as leis.

• Dereito a que se preserve a súa dignidade e intimidade, a ser designada polo seu propio nome, e a que a súa condición de menor sexa estritamente preservada fronte a terceiras persoas.

• Dereito a un programa de intervención individualizado e a participar nas actividades que sexan adecuadas á súa idade e momento evolutivo.

• Dereito a formular peticións ou queixas que considere pertinentes, tanto ante o persoal encargado da execución das medidas coma ante a xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude.

• Dereito a recibir información persoal e actualizada dos seus dereitos e obrigas así como dos procedementos concretos para facer efectivos tales dereitos, en especial para formular peticións, queixas ou recursos.

• Dereito a que a súa representación legal, nos casos que corresponda, sexa informada sobre a súa situación e evolución, así como sobre os seus dereitos.

– Deberes:

• Realizar as actividades recollidas no programa individual de execución da medida (PIEM).

• Manter unha actitude dilixente no desenvolvemento das actividades programadas.

• Respectar e cumprir as normas e as indicacións que reciba do equipo educativo.

• Manter un trato correcto e adecuado cara a todas as persoas con que manteña relación como consecuencia da execución da medida.

• Utilizar adecuadamente as instalacións e os medios materiais que se poñan á súa disposición.

• Respectar as normas hixiénicas e sanitarias sobre vestiario e aseo persoal propias de cada actividade.

Q.1.3. Fases da intervención. Metodoloxía e programas que desenvolverá a entidade.

A intervención organizarase, cando menos, nas seguintes fases:

a) Fase de acollemento e valoración.

b) Fase de elaboración do programa individual de execución da medida.

c) Fase de desenvolvemento e seguimento da intervención.

d) Fase de finalización e avaliación da intervención.

A metodoloxía fundamentarase, con carácter xeral, nos seguintes principios:

a) Contextualización-normalización: a intervención realizarase, sempre que sexa posible, na contorna social da persoa menor e usando os distintos profesionais das redes sociosanitarias normalizadas e especializadas.

b) Individualización: as circunstancias e características individuais, familiares e sociais deben tratarse e executarse para cada menor.

c) Perspectiva de xénero: realizarase unha intervención que teña en conta o xénero no proceso de conformación da identidade que permita recoñecer os factores de risco e protección asociados a esta variable e a considere como factor de desenvolvemento e integración social.

d) Potenciación: a intervención terá en conta as necesidades e carencias da persoa menor co obxecto de fomentar a súa autonomía e madurez persoal e de superar os seus déficits formativos, culturais e de habilidades sociais e persoais.

e) Integración: contemplarase a persoa menor dunha forma integrada para lograr o arraigo e inclusión na súa realidade social.

f) Orientación: a intervención proporcionará axuda técnica e humana á persoa menor, dotándoa de ferramentas para manexar e superar as súas dificultades e conflitos.

En todo caso, a metodoloxía dos distintos programas e actividades que se desenvolvan para a intervención educativa integral será:

a) Comprensiva e guiada, de tal xeito que a persoa menor entenda tanto os contidos coma o procedemento que se vai traballar.

b) Integradora, relacionando as diversas aprendizaxes de contidos de diferentes áreas que formen parte dunha mesma realidade.

c) Participativa, baseándose na motivación da persoa menor, no fomento da súa iniciativa e da súa implicación no desenvolvemento das actividades.

d) Grupal e cooperativa, perseguindo o desenvolvemento, a cohesión e a vivencia do sentimento de colaboración e equipo naquelas actividades que se realicen en grupo.

e) Dinámica, incorporando novos recursos materiais, especialmente os relacionados cos medios audiovisuais e as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

f) Progresiva, partindo da situación inicial da persoa menor iranse propoñendo actividades que supoñan unha maior dificultade, implicación e responsabilidade.

g) Reflexiva e de análise, facilitando que a persoa menor poida aplicar os coñecementos, actitudes e competencias técnicas e instrumentais que melloren a súa posición persoal e participación social.

A intervención educativa integral en medio aberto desenvolverá, cando menos, os seguintes programas socioeducativos:

a) De competencia social.

b) De educación para a igualdade.

c) De promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero.

d) De aprendizaxe e apoio escolar.

e) De tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e do seu uso seguro e responsable.

f) De educación para a saúde.

g) De prevención do consumo de drogas.

h) De educación e seguridade viaria.

i) De educación afectivo-sexual.

j) De motivación, formación e orientación para a inserción laboral.

k) De axuda psicolóxica e autoapoio. Desenvolvemento da intelixencia emocional.

l) De lecer e tempo libre.

m) De intervención familiar.

n) De atención a persoas menores maltratadoras e ás súas familias.

ñ) De maternidade/paternidade responsable.

o) De detección e avaliación do risco de reincidencia.

p) De atención específica e de loita contra os abusos sexuais das persoas menores e a pornografía infantil.

q) De conciliación-reparación pos-sentenza de acordo co artigo 51 da LORPM.

Q.1.4. Estrutura e contidos mínimos do proxecto de intervención educativa do CIEMA:

a) Marco legal.

b) Características da poboación atendida.

c) Areas de intervención:

1ª. Psicolóxica.

2ª. Saúde.

3ª. Escolar.

4ª. Formación, orientación e inserción laboral.

5ª. Lecer e tempo libre.

6ª. Convivencia e relacións coa contorna social.

7ª. Familiar.

d) Obxectivos por áreas de intervención.

e) Contidos e programas socioeducativos por área de intervención (tanto os programas recollidos no punto Q.1.3 deste anexo como aqueles que desenvolva a entidade a maiores. Estes últimos deben identificarse de forma clara).

Para cada programa describirase a súa fundamentación, obxectivos xerais e específicos, contidos, actividades, temporalización, metodoloxía e avaliación.

f) Marco metodolóxico da intervención educativa integral.

g) Organización e funcionamento do centro e da intervención:

1º. Descrición e funcións do persoal.

2º. Organización e funcionamento do equipo multidisciplinar.

3º. Protocolo de actuación para cada fase da intervención.

h) Descrición do sistema de relacións e coordinación do traballo coas familias, recursos comunitarios, xulgados, fiscalías e entidade pública.

i) Sistema de seguimento e avaliación da intervención educativa nas distintas fases.

j) Avaliación do proxecto educativo (obxectivos, temporalización, instrumentos, criterios e indicadores).

Q.2. Deberes das entidades concertantes.

Q.2.1. En relación coa persoa menor ou mozo/a.

a) Respectar os seus dereitos, tanto os que lle recoñecen as leis nacionais como as internacionais, así como os dereitos que deriven da execución da medida xudicial.

b) Xestionar con axilidade a documentación administrativa que as persoas menores precisen.

c) Realizar o acompañamento e asesoramento, garantindo que a intervención educativa que se realice responda a parámetros de calidade.

d) Garantir a alimentación e cubrir os gastos de transporte nos casos en que, pola súa situación sociofamiliar, proceda.

Q.2.2. En relación coa execución das medidas.

a) Aceptar aquelas persoas menores que para a súa atención deriven as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, constituíndo este último organismo o único con capacidade para derivalas. Durante a execución das medidas xudiciais os órganos territoriais provinciais da Consellería de Política Social e Xuventude serán os interlocutores directos cos xulgados e fiscalías de menores, e a través deles canalizarase a documentación e información, salvo que os xulgados e fiscalías de menores realicen algún requirimento directo aos CIEMA.

b) Elaborar e presentar nos prazos recollidos legalmente un programa individualizado de execución de medida para cada persoa menor ou un modelo individualizado de intervención nos supostos de medidas de carácter preventivo.

c) Realizar as actuacións que correspondan de acordo co programa de execución aprobado, para o seguimento e execución definitiva da medida.

d) Elaborar os correspondentes informes de seguimento así como de incidencias, se as houber, co obxecto de manter informadas a autoridade xudicial e a administrativa.

e) Presentar, cando se considere procedente, a proposta de revisión xudicial de medida ou medidas.

f) Asistir ás entrevistas, reunións, actos e dilixencias procesuais aos cales sexa convocada.

g) Actuar de xeito coordinado co persoal técnico, entidades ou servizos que participen na execución da medida.

h) Elaborar o informe final de valoración do proceso de execución e da situación na dita data da persoa menor.

i) Informar, en calquera momento e por petición do departamento da Xunta de Galicia competente na área de menores, sobre a evolución da situación das persoas menores ao seu cargo.

j) Seguir as instrucións establecidas pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como das xefaturas territoriais, en relación coa execución das medidas xudiciais, e subministrar toda a información que lles sexa solicitada. En todo caso, será a xefatura territorial correspondente quen remita e/ou comunique ao xulgado de menores que impuxo a medida toda aquela documentación exixible ao abeiro da LORPM e do seu regulamento.

k) Comunicar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como ás súas xefaturas territoriais, calquera incidencia relevante na execución da medida ou o seu incumprimento, así como todas aquelas circunstancias referidas á organización e funcionamento do CIEMA que poidan supoñer irregularidades no desenvolvemento da actividade concertada.

l) Entregar á persoa menor, unha vez rematada a medida xudicial, toda a documentación persoal que lle pertenza. Así mesmo, deberá ser devolto á xefatura territorial correspondente calquera soporte ou documento en que conste algún dato de carácter persoal, obxecto de tratamento, salvo aqueles que, segundo instrucións dos responsable do tratamento, deban ser destruídos, adoptando as medidas de seguridade necesarias para evitar o acceso por parte de terceiros. Poderá o encargado do tratamento conservar os datos, debidamente bloqueados, en canto poidan derivar responsabilidades da súa relación co responsable do tratamento.

Q.2.3. En relación co persoal adscrito a execución das medidas.

a) Contar cun cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana.

Este persoal dependerá exclusivamente da entidade adxudicataria, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregadora respecto daquel, correspondéndolle á entidade a súa dirección técnico-educativa e organización. A Administración será de todo allea ás relacións entre o persoal e a entidade colaboradora. Por conseguinte, en ningún caso, o referido persoal poderá alegar dereito ningún en relación coa Administración nin exixirlle a esta responsabilidade de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade concertada e o seu persoal.

En ningún caso a formalización do concerto suporá a existencia dunha relación funcionarial ou laboral entre a Administración e o persoal que a entidade achegue para levar a cabo unha intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas de medio aberto.

A extinción do concerto non poderá producir en ningún caso a consolidación das persoas que realizasen os traballos obxecto do concerto como persoal da Xunta de Galicia.

b) A cobertura, en todo momento, dos postos de traballo e das correspondentes funcións. En consecuencia, a entidade efectuará ao seu cargo e inmediatamente as substitucións necesarias do persoal que teña asignado á actividade de forma que a execución das medidas xudiciais quede sempre asegurada. As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a súa autorización, e xuntará a documentación acreditativa da titulación e do currículo profesional. O cambio debe ser excepcional e expresamente motivado, e respectar o mínimo exixido neste concerto.

c) Garantir a retribución axeitada do seu persoal, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración o custo de calquera mellora nas condicións de traballo e/ou nas súas retribucións, xa sexa como consecuencia de convenios colectivos, pactos ou acordos de calquera índole, de xeito que en ningún caso, poderá repercutir as referidas modificacións sobre o importe que se facturará.

d) Garantir a calidade técnica (titulación, formación e aptitude profesional) do persoal que leva a cabo a intervención; será pola súa conta a formación e promoción precisa para asegurar a súa calidade.

e) O cumprimento, respecto do persoal da entidade, da normativa laboral, de seguridade social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontre vixente en cada momento.

f) No suposto de que sexa obrigatoria a subrogación do persoal por estar así establecido nos convenios colectivos vixentes, observarase o disposto neles.

g) O cumprimento do disposto nas normas vixentes en caso de accidente ou prexuízo de calquera índole ocorrido ao persoal con ocasión do exercicio do seu cometido, baixo a súa responsabilidade, sen que esta alcance en ningún modo a Administración.

h) Aplicar criterios de mobilidade do persoal para reforzar as distintas áreas ou zonas segundo as necesidades de intervención educativa en cada momento.

i) Informar e formar o persoal nas obrigas que dimanan da lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

j) Manter a porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade e os parámetros de igualdade durante o período de duración do concerto, no caso de que resultase seleccionada para concertar pola aplicación destes criterios, de acordo co establecido no punto O.

k) Desenvolver con carácter anual o plan de formación presentado pola entidade. As accións anuais que se desenvolverán neste plan deben enviarse á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica con 3 meses de antelación á súa posta en marcha, para os efectos do seu visto e prace.

Q.2.4. En relación coa intervención educativa.

a) Planificar a intervención educativa na provincia con base no establecemento de áreas ou zonas de intervención que permitan o desenvolvemento das actuacións na propia contorna familiar e social da persoa menor.

b) Incorporar na súa metodoloxía de traballo a perspectiva de xénero.

c) Levar a cabo a intervención educativa de acordo co proxecto de intervención educativa integral para a execución das medidas xudiciais en medio aberto presentado pola entidade.

d) Preparar e xestionar os medios e recursos necesarios para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas.

Para os supostos de desenvolvemento de tarefas e actividades de reparación extraxudicial, a intervención educativa atenderá as indicacións que sobre este particular indique o equipo técnico do xulgado de menores correspondente.

Q.2.5. En relación co CIEMA.

a) Contar cun centro de intervención educativa en medio aberto (CIEMA) situado na cidade de Lugo, Ourense ou Pontevedra (segundo o lote ou lotes a que se opte), con capacidade mínima para executar simultaneamente as medidas xudiciais de asistencia a centro de día indicadas para ese lote ou lotes, así como para executar o resto das medidas de medio aberto obxecto deste concerto e as actividades de reparación extraxudicial derivadas pola xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente ao CIEMA, que contará coas características e recursos indicados na memoria presentada pola entidade. No caso de que a entidade conte con outro equipamento, indicarase.

Este/s centro/s deberá/n cumprir os requirimentos establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

b) Garantir a plena dispoñibilidade do dereito de uso e desfrute do inmoble durante a vixencia do concerto.

c) Contar coas autorizacións exixibles segundo a normativa vixente, así coma coas medidas de protección e seguridade precisas, as cales serán, en todo caso, adecuadas ás condicións estruturais e das instalacións. Estas autorizacións deberán estar expostas durante o desenvolvemento da actividade nun lugar visible ao público.

d) Manter, conservar e coidar o local, asumindo a totalidade dos gastos de equipamento e de mantemento do inmoble (auga, luz, gas, limpeza e demais gastos de funcionamento).

e) Con independencia do persoal mínimo sinalado, os CIEMA deberán contar co persoal e cos servizos que sexan necesarios para o desenvolvemento do servizo que se lle encomenda.

f) Presentar no prazo de dous meses desde a formalización do concerto o plan de autoprotección do centro.

A entidade comprométese a actualizar e/ou elaborar aqueles plans necesarios, así como aquelas xestións para a súa implantación e cumprimento. Para avaliar os plans de autoprotección e asegurar a eficacia dos plans de actuacións en emerxencias realizará simulacros de emerxencia coa periodicidade mínima que fixe o plan e, en todo caso, unha vez ao ano, e avaliará os seus resultados.

A entidade debe implantar o plan de emerxencia e evacuación dos centros, conforme o disposto no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados ás actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia.

g) Presentar no prazo de dous meses desde a formalización do concerto o regulamento de réxime interno, o cal estará exposto no centro nun lugar visible ao público, e contará como mínimo coas normas de funcionamento, dereitos e deberes das persoas usuarias e órganos de representación e participación.

h) Contar cun libro de rexistro de persoas usuarias e cun expediente individual de cada menor.

i) Dispor dun libro de reclamacións e dunha caixa de suxestións de acordo co indicado na normativa que resulte de aplicación, así como nas instrucións que ao respecto dite a dirección xeral competente, de cuxa existencia deberá informarse nun lugar visible ao público.

j) Expor, nun lugar visible ao público, o organigrama do persoal adscrito á execución das medidas.

k) Ter un horario de apertura durante toda a semana das 8.00 ás 20.00 horas e contar coa presenza como mínimo dunha persoa educadora no centro. Nas fins de semana, contar cando menos cunha persoa do mesmo perfil localizable.

Q.2.6. Outras obrigas.

a) Facilitar o exercicio das facultades de comprobación, dirección e inspección da Administración acerca da actividade concertada. En consecuencia, en canto teña relación co obxecto do concerto, a Administración poderá obter da dita entidade a documentación e información que considere oportuna, establecer os sistemas de control de calidade que se deberán empregar e levar a cabo as inspeccións que considere pertinentes, reservando para si, para estes efectos, a facultade de efectuar as visitas que xulguen necesarias para comprobar as condicións técnicas de execución da intervención, o cumprimento dos requisitos para desenvolver a actividade, o trato e a asistencia que reciben as persoas beneficiarias, así como o bo funcionamento e o cumprimento das obrigas contraídas. Poderá solicitar a comparecencia do persoal directivo ou do persoal da entidade que se xulgue oportuno e/ou das persoas menores usuarias do servizo. Así mesmo, a Administración está facultada para ditar as instrucións oportunas para o estrito cumprimento do concerto.

A entidade acatará exacta e inmediatamente as ordes e instrucións que lle dite a Administración para a execución da actividade.

b) Asumir todos os gastos que se produzan por desprazamento do persoal, tanto para a intervención coas persoas menores como para a busca de recursos que fagan posible a execución do contido das medidas.

c) Garantir a execución das medidas, establecendo, de acordo coa lexislación vixente en materia laboral, as quendas e substitucións precisas en caso de ausencia do persoal titular.

d) Xustificar as pólizas de seguros e o pagamento da prima cada vez que corresponda renovar a dita póliza.

e) Indemnizar os danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira a actividade, excepto cando o dano sexa producido por causas imputables á Administración.

f) Cumprir a normativa vixente e cantas disposicións sobre protección e reeducación de menores dite a Xunta de Galicia e os seus órganos competentes no exercicio das súas atribucións.

g) Desenvolver e executar todas aquelas instrucións, circulares, protocolos, etc. emitidas en relación coa actividade obxecto de concerto pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para unha mellor organización e seguimento da actividade desenvolvida.

h) Remitir mensualmente á xefatura territorial correspondente a folla de ocupación debidamente cuberta segundo o modelo establecido na circular que regule o procedemento de actuacións para a execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas educativos que as desenvolven.

i) Elaborar unha memoria anual e os informes de seguimento da actividade desenvolvida que lle indique o persoal técnico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

A memoria anual será elaborada de acordo coas instrucións que ao respecto dite a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica na circular de medio aberto e presentada a ese órgano no primeiro mes do ano seguinte ao que corresponde, e conterá a descrición e análise cuantitativa e cualitativa de todas as actuacións desenvolvidas durante ese ano.

j) Contar coa autorización da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para dar publicidade en calquera soporte das intervencións realizadas ao abeiro do concerto (publicacións, estatísticas, memorias, etc.).

k) Contar coa autorización da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a organización de eventos (seminarios, congresos, xornadas, etc.), así como a presentación de relatorios, comunicacións e outros en que se traten temas directamente relacionados coa actividade obxecto do concerto.

l) Colaborar coa Administración na investigación, estudo e desenvolvemento de programas relacionados coa delincuencia xuvenil en Galicia.

m) Incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia.

Q.3. Medios para a prestación do servizo.

Q.3.1. Equipamento.

A entidade adxudicataria achegará a totalidade dos medios e materiais necesarios para facilitar unha atención adaptada ás condicións do servizo, entre os que están o/os local/locais, material informático, telefónico... adecuados para o desenvolvemento das súas funcións e de acordo co establecido no prego técnico.

Q.3.1.1. Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Lugo:

Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente 10 medidas xudiciais de asistencia a centro de día, así como a capacidade de executar o resto das medidas de medio aberto obxecto deste concerto e as actividades de reparación extraxudicial derivadas pola Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Lugo situado preferentemente na cidade sede da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, que se denomina CIEMA Lugo, propiedade da entidade, en arrendamento ou do que teña atribuída a xestión por título lexítimo por todo o tempo que dure o concerto.

Conexión á internet, catro equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

Q.3.1.2. Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Ourense:

Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente 10 medidas xudiciais de asistencia a centro de día, así como a capacidade de executar o resto das medidas de medio aberto obxecto deste concerto e as actividades de reparación extraxudicial derivadas pola Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Ourense, situado preferentemente na cidade sede da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, que se denomina CIEMA Ourense, propiedade da entidade, en arrendamento ou do que teña atribuída a xestión por título lexítimo por todo o tempo que dure o concerto.

Conexión á internet, catro equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

Q.3.1.3. Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Pontevedra:

Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente 12 medidas xudiciais de asistencia a centro de día, así como a capacidade de executar o resto das medidas de medio aberto obxecto deste concerto e as actividades de reparación extraxudicial derivadas pola Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude de Vigo, situado preferentemente na cidade sede da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, que se denominará CIEMA Pontevedra.

Conexión á internet, cinco equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

A memoria de cada equipamento deberá incluír, en relación cos recursos materiais, unha descrición clara das características do CIEMA, en que se indique:

• Descrición clara das condicións físicas e arquitectónicas, acompañando planos de planta e fotografías e indicando a capacidade (número de prazas), número de cuartos, espazos comúns do persoal e das persoas usuarias, espazos exteriores, etc., sinalando para cada un dos espazos o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes, así como a súa accesibilidade.

• Documentos gráficos de planta, portal, cubertas, etc., con acoutamento a escala dos alzados e diferentes plantas.

• Fotografías da fachada, do portal e dos espazos interiores da vivenda, así como dos espazos exteriores, de contar con eles.

• Descrición do equipamento con indicación do seu número e descrición exhaustiva das características dos dispositivos informáticos e da conexión á internet de que se dispón.

• Medios de transporte públicos con que conta a zona, itinerarios, frecuencia e distancias aproximadas ao local.

• Descrición dos principais recursos educativos, sanitarios, de lecer, etc., cos que conta a zona e distancias aproximadas ao local.

No caso de que a entidade presente outro equipamento a maiores debe indicar, así mesmo, as características do dito equipamento.

Q.3.2. Desprazamentos e axudas de custo:

Todos os gastos derivados de desprazamentos e axudas de custo correrán por conta da entidade adxudicataria.

Q.3.3. Marco de actuación:

A entidade adxudicataria deberá garantir o cumprimento dos procedementos establecidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a normativa que afecte o servizo.

Q.4. Medios persoais.

Q.4.1. Perfís profesionais.

Cada CIEMA, para os efectos de garantir a calidade da intervención, contará cos seguintes perfís profesionais:

A. Persoal de dirección/coordinación: será exercida por unha persoa nomeada pola empresa/entidade adxudicataria, e deberá ter unha titulación universitaria media, superior ou de grao preferentemente nas áreas psicolóxica, pedagóxica ou socioeducativa.

As súas funcións, entre outras, serán as de:

• Cumprir e facer que todo o persoal adscrito á execución das medidas en medio aberto cumpra os mandatos xudiciais que proveñen do xulgado de menores correspondente.

• Asegurar o cumprimento das directrices marcadas desde a xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente e desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

• Planificar a intervención educativa en medio aberto.

• Coordinar a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudicial.

• Organizar e distribuír os e as profesionais no territorio con base no número de menores e no tipo de intervención educativa que se precise.

• Dirixir e coordinar o desenvolvemento das actividades e programas, así como as actuacións do persoal de intervención educativa de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

• Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias e dos seus proxectos individualizados de execución de medidas.

• Establecer canles de colaboración con outras entidades ou organismos, perseguindo a optimización dos recursos da contorna e a calidade da atención.

• Garantir a elaboración de toda a documentación que a normativa exixe para a execución das medidas e a súa remisión en prazo aos distintos departamentos da Xunta de Galicia competentes na área de menores, así como a xulgados e fiscalías e, de ser o caso, aos letrados e aos representantes legais das persoas menores.

• Realizar avaliacións periódicas do funcionamento da actividade e das actuacións levadas a cabo coas persoas menores.

B. Persoal educador social:

O persoal educador social estará en posesión do título oficial de diplomado ou graduado en Educación Social ou contará coa correspondente habilitación profesional recoñecida polo colexio profesional oficial. No obstante, en relación cos traballadores que ata agora estivesen contratados como educadores, observarase ao disposto na disposición transitoria IV do Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores.

O persoal educador social de medio aberto é o encargado de executar as medidas xudiciais neste ámbito. Realiza o seguimento da persoa menor no seu medio natural co obxectivo de facilitarlle o seu proceso socializador e madurativo. Atenderá especialmente ao proceso evolutivo individual, mediante o apoio necesario na superación das dificultades que deron lugar ao ilícito penal e na mellora das súas condicións persoais, familiares e sociais. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coñecer as características da persoa menor, da súa familia e da súa contorna social.

b) Informar de xeito comprensivo a persoa menor e a súa familia sobre a súa situación xudicial e os dereitos e obrigas que marca a lei.

c) Valorar as necesidades educativas de cada persoa menor de acordo cos seus factores de risco e protección.

d) Definir os obxectivos educativos e, con base neles, elaborar o programa individualizado de execución de medida (PIEM), así como os informes de seguimento, finais e de incidencias (se as houber) que exixe a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, e o seu regulamento.

e) Explicar á persoa menor e, se procede, á súa familia o PIEM na súa vertente educativa e xudicial.

f) Acompañar, orientar e educar as persoas menores no seu proceso de maduración e de desenvolvemento de hábitos e habilidades persoais e sociais.

g) Proporcionar mediación e axuda para resolver as situacións conflitivas que teñan as persoas menores a nivel persoal, familiar e social.

h) Reforzar o proceso de formación regulada cando así se precise.

i) Apoiar o proceso de orientación e formación laboral das persoas menores fomentando as súas capacidades para inserirse na sociedade.

j) Proporcionar alternativas de ocupación do tempo libre a través da participación en actividades de lecer organizadas.

k) Desenvolver aqueles programas socioeducativos que se leven a cabo no CIEMA que sexan da súa competencia e colaborar, de ser necesario, naqueloutros que sexan competencia doutros profesionais do centro.

C. Persoal psicólogo: o/a psicólogo/a de medio aberto será a persoa responsable da aplicación e intervención naquelas cuestións que teñan relación co seu perfil profesional. Este persoal deberá estar en posesión dunha licenciatura ou titulación universitaria de grao en Psicoloxía.

Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Estudar a información psicolóxica que figure no expediente remitido polo xulgado e completala se for preciso.

b) Detectar posibles patoloxías clínicas ou o consumo de substancias tóxicas e derivar estes casos ao recurso especializado que corresponda.

c) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e dos informes estipulados na lexislación aplicable.

d) Asesorar e dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

e) Colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/da menor.

f) Elaborar e levar a cabo programas de intervención psicolóxica individual e familiar.

D. Persoal traballador social.

O/a traballador/a social avaliará as relacións da persoa menor co seu medio social e familiar e orientará o traballo do persoal educador nesta área, para o cal deberá coñecer en profundidade o mapa de recursos e a súa dimensión comunitaria, en especial aqueles que fixan a súa atención nas persoas menores e nas súas familias (servizos sociais, oficinas de emprego, asociacións, recursos de lecer e tempo libre, entidades deportivas e sociais, etc.). Este persoal deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Traballo Social.

Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Informar a persoa menor e a súa familia dos recursos e axudas sociais existentes, nos casos en que sexa necesario.

b) Tramitar a documentación e permisos administrativos que, se é o caso, poida precisar a persoa menor.

c) Elaborar programas para mellora da capacidade de emprego dos e das menores.

d) Deseñar, nos casos que corresponda e en coordinación co resto dos profesionais da intervención educativa, o itinerario personalizado de formación e/ou inserción sociolaboral.

e) Dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

f) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa no traballo de avaliación e seguimento do/da menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados na lexislación aplicable.

g) Coordinarse coas entidades públicas ou servizos sociais durante o desenvolvemento da intervención e, nos supostos de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social, comunicar esta situación á finalización da medida.

E. Outro persoal.

Con independencia do persoal mínimo sinalado, os CIEMA deberán contar co persoal e cos servizos que sexan necesarios para o desenvolvemento do servizo que se lles encomenda.

Q.4.2. Persoal mínimo para a execución do servizo.

En todo caso, as entidades deberán contar, como mínimo, cos seguintes recursos humanos:

a) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Lugo (CIEMA Lugo).

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, polo menos, por:

– Director/a.

– 0,5 coordinador/a.

– 4,5 educadores/as.

– 1 psicólogo/a.

– 1 traballador/a social.

b) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Ourense (CIEMA Ourense).

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, cando menos, por:

– Director/a ou coordinador/a.

– 5 educadores/as.

– 1 psicólogo/a.

– 1 traballador/a social.

c) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Pontevedra (CIEMA Pontevedra).

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, cando menos, por:

– Director/a.

– 7 educadores/as.

– 1 psicólogo/a.

– 1 traballador/a social.

A referencia efectuada a cada unidade correspóndese cun profesional a xornada completa.

Q.4.3. Plan de formación continua do persoal.

O plan de formación, para cada actividade formativa, deberá indicar:

a) Carácter obrigatorio ou voluntario.

b) Os obxectivos e contidos das actividades formativas.

c) Número de profesionais e categoría a que pertencen que vai participar en cada actividade formativa.

d) A duración en horas.

e) O perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia. Deberase indicar a titulación, experiencia profesional e como docente, así como a entidade a que pertence.

f) Establecer o calendario das actividades formativas que se van levar a cabo no período de vixencia do concerto correspondente ao período 2023-2027.

Será obrigatoria a formación do equipo educativo e técnico en materia de xénero, transexualidade e diversidade sexual.

Q.5. Relacións entre a Administración e a entidade adxudicataria.

Estableceranse accións de coordinación a varios niveis:

• Xefatura de servizo das xefaturas territoriais correspondentes a cada caso –Servizo de Xustiza Penal Xuvenil da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica– coordinación do programa para a intervención educativa en medio aberto.

• O equipo técnico de menores da xefatura territorial a que corresponda o caso coordinarase coa entidade adxudicataria para a planificación e avaliación dos casos derivados a este programa.

• Ademais, a entidade concertada comprométese a estar á disposición da Administración concertante para cantas reunións haxa que manter como consecuencia da realización deste proxecto.

R) Subrogación.

O persoal susceptible de subrogación, así como a información precisa para coñecer unha exacta avaliación dos custos laborais, que implicará esta medida, imposta pola normativa laboral, exprésanse no anexo V.

De acordo co establecido no artigo 34 do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, será persoal susceptible de subrogación aquel cunha antigüidade mínima de catro meses na data da adxudicación do concerto. En consecuencia, esta relación é susceptible de sufrir modificacións, que se publicarán en canto se teña coñecemento.

S) Aspectos relativos á execución do concerto social.

S.1. Dereitos e obrigas das partes.

S.1.1. Obrigas da entidade concertada.

A entidade concertada está obrigada a:

1. Organizar e prestar o servizo con estrita suxeición ao réxime xurídico de aplicación, de acordo coas características establecidas nesta resolución e no prego técnico do concerto e coa continuidade e calidade convida.

2. Admitir na utilización do servizo toda persoa usuaria remitida pola Administración concertante e garantir a súa prestación nas condicións que foron establecidas, de acordo cos principios de igualdade e non discriminación.

3. Prestar ás persoas usuarias de forma gratuíta os servizos establecidos no concerto social.

4. Respectar os dereitos das persoas usuarias recollidos no ordenamento xurídico e no réxime xurídico do servizo.

5. Indemnizar polos danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requiran o desenvolvemento do concerto social, excepto cando o dano se produza por causas imputables á Administración. Para estes efectos, a entidade estará obrigada a subscribir un seguro de responsabilidade civil para cubrir as continxencias que se poidan producir pola prestación do servizo, segundo se indica nas cláusulas F e K.3.

6. Manter o servizo público conforme o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental, de accesibilidade e eliminación de barreiras e de seguridade das persoas usuarias que resulte de aplicación.

7. Dar a coñecer a condición de entidade concertada mediante a difusión na documentación e publicidade das actuacións obxecto deste concerto social. A entidade concertada deberá incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia e Consellería de Política Social e Xuventude. A entidade disporá tamén dun rótulo, no lugar ou centro onde se presten os servizos, en que se identifique que o servizo está concertado coa Xunta de Galicia co seu respectivo logotipo.

8. Dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do concerto.

9. Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia, así como dos obxectivos dos fondos, e o emblema do organismo figurará en toda documentación xerada polo programa e, como mínimo, nos seguintes documentos, de ser o caso:

• Partes de asistencia e/ou de participación.

• Relacións e follas de seguimento.

• Enquisas de avaliación.

• Certificados de asistencia.

• Memorias periódicas, etc.

10. Facilitar toda a información requirida pola Administración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

11. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Administración, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, a entidade beneficiaria quedará sometida ás actuacións de control, comprobación e inspección que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

12. Comunicarlle á Administración calquera cambio ou variación que se produza na prestación dos servizos, así como calquera subvención, axuda ou achega privada recibida relacionada coa prestación dos servizos concertados.

13. Facilitar os labores de control e inspección do cumprimento do concerto social, en particular, poñendo á disposición da Administración toda a información económica, fiscal, laboral, técnica e asistencial ou de calquera outra clase que sexa precisa para este fin, con suxeición á lexislación en materia de protección de datos e á restante normativa aplicable.

14. Cumprir coas disposicións vixentes en materia laboral, de seguridade social, de seguridade e saúde laboral e igualdade de xénero. Ademais, deberá proporcionarlles aos seus traballadores e traballadoras un traballo de calidade e estable, protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais e promover condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.

15. Cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, de integración social de persoas con discapacidade, de prevención de riscos laborais e de protección do ambiente que establezan a normativa vixente, os convenios colectivos que sexan de aplicación e as recollidas nesta convocatoria.

16. Cumprir o establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, en particular o establecido en relación coa comprobación de antecedentes de delitos sexuais e trata de seres humanos na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e adolescencia fronte á violencia.

17. O persoal asignado á prestación do concerto social dependerá exclusivamente da entidade concertada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa calidade de empregador respecto del, e a Administración concertante será de todo allea ás referidas relacións laborais. En ningún caso poderá alegar ningún dereito o referido persoal en relación coa Consellería de Política Social e Xuventude, nin exixirse a esta responsabilidades de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade concertada e os seus empregados.

18. Subministrar á Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

19. A entidade concertada facilitará que as persoas usuarias poidan formular suxestións e queixas sobre a prestación do servizo concertado, que se poderán presentar ante a Administración ou ben ante a propia entidade concertada. Para estes efectos, existirá un libro de reclamacións no cal as persoas usuarias e quen as represente legalmente poderán facer constar as queixas que coiden pertinentes. A entidade concertada deberá remitir as suxestións e queixas recibidas á Administración.

20. Calquera outra prevista na normativa que, con carácter xeral ou específico, sexa de aplicación, no réxime xurídico do servizo.

S.1.2. Obrigas da Administración concertante.

S.1.2.1. A Consellería de Política Social e Xuventude está obrigada a aboar á entidade concertada o prezo estipulado dentro dos trinta días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, de acordo coa forma de pagamento recollida neste mesmo punto da convocatoria do concerto.

S.1.2.2. A Consellería de Política Social e Xuventude deberá ter informada a entidade concertada de calquera circunstancia de que teña coñecemento e que afecte de xeito relevante o concerto social formalizado, especialmente nos casos en que esta poida ter incidencia na futura configuración dos termos e condicións do concerto.

S.1.2.3. Incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada.

O incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada será sancionado de acordo co disposto no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

S.1.2.4. Incumprimento das obrigas por parte da Administración.

Se a Consellería de Política Social e Xuventude se demora no pagamento e incumpre o prazo de 30 días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, deberá aboar á entidade concertada, a partir do cumprimento do dito prazo, os xuros de demora e a indemnización por custos de cobramento, nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

S.2. Constitución de garantía.

A entidade adxudicataria de cada lote ten que constituír una garantía do importe especificado na seguinte táboa:

Nº lote

Concello

Provincia

Importe da garantía

1

Lugo

Lugo

64.752,09 €

2

Ourense

Ourense

63.775,15 €

3

Pontevedra

Pontevedra

79.441,82 €

A dita garantía debe depositarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración Pública ou nas delegacións provinciais da Axencia Tributaria de Galicia-Atriga).

A garantía poderá prestarse nalgunha ou nalgunhas das seguintes formas:

a) En efectivo ou en valores, que en todo caso serán de débeda pública, con suxeición, en cada caso, ás condicións establecidas nas normas de desenvolvemento desta resolución. O efectivo e os certificados de inmobilización dos valores anotados depositaranse na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais encadradas nas delegacións de Facenda, ou nas caixas ou establecementos públicos equivalentes das comunidades autónomas ou entidades locais contratantes ante as cales deban producir efectos, na forma e coas condicións que as normas de desenvolvemento desta lei establezan, sen prexuízo do disposto para os contratos que se subscriban no estranxeiro.

b) Mediante aval, prestado na forma e condicións que establezan as normas de desenvolvemento desta resolución, por algún dos bancos, caixas de aforros, cooperativas de crédito, establecementos financeiros de crédito e sociedades de garantía recíproca autorizados para operar en España, que deberá depositarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

c) Mediante contrato de seguro de caución, subscrito na forma e condicións que as normas de desenvolvemento desta resolución establezan, cunha entidade aseguradora autorizada para operar no ramo. O certificado do seguro deberá entregarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

A acreditación da constitución da garantía definitiva deberá realizarse mediante medios electrónicos.

Cumpridas polo concertante as obrigacións derivadas do concerto, se non resultan responsabilidades que se deban exercer sobre a garantía definitiva, e transcorrido o período de garantía dun ano, se é o caso, ditarase acordo de devolución ou cancelación daquela, logo de informe favorable do responsable do concerto ou de quen exerza a dirección deste.

S.3. Réxime de pagamentos.

S.3.1. O pagamento do prezo que corresponda a cada mes despois de aplicar os importes establecidos na cláusula D.3 desta convocatoria realizarase logo da conformidade do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

S.3.2. Para o aboamento do servizo a entidade adxudicataria presentará, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que se realizou efectivamente a prestación, os seguintes documentos:

– Factura pola prestación do servizo. As facturas electrónicas emitidas presentaranse no Sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia (SEF). O SEF proporcionará ao presentador un xustificante de recepción electrónica no cal constarán, como mínimo, a data e a hora de presentación, o órgano xestor destinatario e o número de asento rexistral da factura. Así mesmo, incluirá un código seguro de verificación que permitirá en calquera momento validar ante o sistema a exactitude do documento.

O Rexistro Contable de Facturas está integrado co SEF. A anotación no rexistro contable de facturas é requisito previo necesario para a tramitación do recoñecemento da obriga.

A información sobre este será a través das seguintes URL:

http://conselleriadefacenda.es/factura ou http://www.conselleriadefacenda.es/sicon

– Certificado da entidade onde conste o persoal que leva a cabo a actividade ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato, titulación e dedicación horaria. Na dita relación deben constar as datas de alta e baixa do persoal producidas no dito mes.

– Copias dos recibos de liquidacións de cotizacións e recibos nominais de traballadores da Seguridade Social do dito persoal.

– Folla de atención mensual, asinada pola persoa responsable do CIEMA, onde constarán todas as persoas menores que estiveron executando unha medida no período facturado, especificando: nome e apelidos, data de nacemento, expediente xudicial, data de ingreso, data de fin de medida e movemento (permanencia, alta ou baixa).

S.3.3. Sen prexuízo das competencias de inspección en materia de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, a entidade concertada estará sometida ás actuacións de control e vixilancia que leve a cabo a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a debida xustificación dos fondos e do cumprimento dos fins do programa do presente concerto, así como as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa finalidade de asegurar o correcto cumprimento do concerto social subscrito.

S.3.4. A percepción indebida de cantidades por parte da entidade concertada comportará a obriga de reintegralas á Administración. Cando o reintegro se efectúe por requirimento da Administración, daráselle audiencia á entidade e seguirase o procedemento que corresponda, sen prexuízo das posibles sancións e resolución do concerto social.

S.3.5. As entidades concertadas que teñan dereitos de cobramento fronte á Administración poderán cedelos conforme o dereito. Para a cesión dos dereitos de cobramento seguirase o mesmo procedemento e exixiranse os mesmos requisitos que os recollidos no artigo 200 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

S.4. Limitación á subcontratación e cesión de servizos concertados.

S.4.1. Queda prohibida a subcontratación das prestacións obxecto deste concerto.

S.4.2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, dos servizos obxecto deste concerto, excepto cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Consellería de Política Social e Xuventude, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.

S.5. Sucesión da entidade concertada.

S.5.1. O cambio da titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terá a consideración de modificación do concerto social.

S.5.2. Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando a primeira se fusione ou transforme noutra. Neste caso o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.

A entidade sucesora subrogarase nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estivesen vixentes no momento da sucesión.

S.5.3. Se non for posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase para todos os efectos un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.

S.5.4. Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Consellería de Política Social e Xuventude a circunstancia que se producise.

T) Modificacións.

T.1. Modificación do acordo de concertación.

T.1.1. Unha vez formalizado o concerto social, poderanse introducir modificacións só cando estas obedezan a razóns de interese público como consecuencia de circunstancias sobrevidas, debidamente xustificadas e derivadas das necesidades de atención ás persoas usuarias.

As modificacións deste concerto non poderán alterar as condicións esenciais da concertación e deben ser as estritamente indispensables para responder ás causas obxectivas que as fagan necesarias.

As modificacións só serán posibles cando non afecten os requisitos legais para a prestación dos servizos, non supoñan unha mingua na calidade do servizo e, de implicaren un custo, exista crédito adecuado e suficiente para poder asumilo.

T.1.2. O procedemento de modificación poderase iniciar de oficio, con audiencia á parte interesada, ou por instancia de parte mediante proposta da entidade concertada. Estes aspectos deberán quedar documentados, xunto co informe da Asesoría Xurídica e os demais informes que procedan en particular o da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, con carácter previo á formalización da modificación.

T.1.3. O órgano competente para autorizar a modificación será a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

T.2. Modificación no número de prazas ou de servizos concertados.

A Administración concertante, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, poderá modificar o número de prazas ou unidades ou servizos de cada un dos centros obxecto dos concertos sociais durante a súa vixencia.

De acordo co artigo 28 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, poderase variar o número de prazas ou servizos concertados, sen que o incremento poida superar o 50 %, polo que se establece un incremento máximo do 20 %.

T.3. Modificación das condicións técnicas.

T.3.1. As condicións recollidas nos pregos técnicos do concerto social poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Consellería de Política Social e Xuventude.

T.3.2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto no cambio das condicións técnicas nos módulos económicos. De ter incidencia nestes últimos, deberase proceder ao seu reaxuste.

T.3.3. Se é a Consellería de Política Social e Xuventude a que decide revisar as condicións técnicas do concerto social, os cambios deberán estar motivados na mellor ou máis axeitada prestación dos servizos mediante informe dos técnicos da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Deberáselles dar audiencia ás entidades concertadas afectadas para que poidan formular propostas e alegacións á revisión proposta.

T.4. Revisión dos prezos.

T.4.1. Os prezos ou módulos económicos fixados nesta convocatoria poderán ser revisados:

a) Cando se realice unha modificación do concerto social, segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 209/2020, que teña incidencia nos custos do servizo.

b) Cando se produza unha variación substancial nos custos do servizo respecto das condicións económicas do concerto social.

T.4.2. A revisión de prezos precisará dun informe da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sobre os custos económicos do concerto social, en que se evidencie a necesidade da revisión.

Para o cálculo das revisións deberanse ter en conta as previsións recollidas na normativa en materia de desindexación. Nas actualizacións de prezos o carácter diferenciado da acción concertada excluirá a consideración do período de recuperación dos investimentos aplicable á modalidade contractual.

No concerto obxecto desta convocatoria, dado o carácter significativo do cadro de persoal na configuración do prezo, pódese referenciar a actualización desta compoñente dos custos ás variacións económicas dos convenios colectivos sectoriais, nacionais, autonómicos e provinciais aplicables ao lugar de prestación dos servizos, coas limitacións que a normativa vixente estableza.

T.4.3. A revisión dos prezos ou módulos efectuarase, segundo proceda, no acordo de modificación ou mediante resolución ditada para o efecto pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

U) Resolución e extinción do concerto social.

U.1. Causas de extinción do concerto social.

Este concerto social extinguirase polas seguintes causas:

a) Cumprimento do concerto social.

b) Resolución do concerto social.

U.2. Cumprimento do concerto.

O concerto social entenderase cumprido pola entidade concertada cando este se realizase, de acordo cos seus termos, na totalidade da prestación e finalizase o seu período de vixencia.

U.3. Extinción do concerto por resolución.

U.3.1. Serán causas de resolución do concerto social as seguintes:

a) O mutuo acordo entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade concertada.

b) A non formalización do concerto social ou da súa renovación no prazo establecido.

c) A extinción da personalidade xurídica da entidade concertada.

d) A declaración de concurso de acredores da entidade concertada ou a declaración de insolvencia en calquera procedemento.

e) O cesamento voluntario, coa autorización previa da Consellería de Política Social e Xuventude, da entidade concertada na prestación do servizo.

f) A inviabilidade económica da entidade titular do concerto social, constatada por informes de auditoría externa, cando lle sexan solicitados pola Consellería de Política Social e Xuventude.

g) A revogación da acreditación, homologación ou autorización administrativa da entidade concertada que a habilitaba para a prestación do servizo concertado.

h) O incumprimento das obrigas cualificadas como esenciais no concerto social ou o incumprimento dos estándares e parámetros de calidade exixidos nel, sempre que o incumprimento sexa imputable á entidade concertada.

i) A comisión dunha infracción grave ou moi grave das tipificadas nos artigos 81 e 82 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, cando comporte unha das sancións accesorias previstas no artigo 83.2 da dita norma.

j) O incumprimento grave da lexislación en materia fiscal, laboral, de seguridade social e da integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.

k) Negarse a atender as persoas usuarias derivadas pola Administración concertante.

l) Prestar servizos como se fosen concertados coa Administración cando isto non sexa así.

m) O incumprimento da prohibición da subcontratación e cesión de servizos concertados recollidos na cláusula S).

n) A ausencia de demanda para a cobertura do servizo prestado de xeito relevante e prolongado, xa sexa para a totalidade dos servizos ou para un número significativo que faga inviable economicamente o mantemento do servizo.

ñ) A imposibilidade de continuar prestando o concerto social nos termos inicialmente acordados ou facelo sen ocasionar un prexuízo ao interese público, cando non sexa posible a modificación do concerto.

o) A demora no cumprimento das obrigas económicas por parte da Consellería de Política Social e Xuventude por prazo superior a catro meses.

p) A suspensión por causa imputable a Consellería de Política Social e Xuventude da iniciación do concerto social por prazo superior a seis meses desde a data sinalada para o comezo.

q) A desistencia ou suspensión do concerto social por prazo superior a seis meses acordado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

r) O resto de causas establecidas na normativa sectorial de aplicación ao concerto.

U.3.2. A resolución dos concertos sociais por mutuo acordo das partes só poderá ter lugar cando medien razóns de interese público que fagan innecesaria ou inconveniente a continuación do concerto social, e non concorra outra causa de resolución que sexa imputable á entidade concertada.

U.3.3. A entidade concertada poderá solicitar a resolución do concerto social cando considere que a Consellería de Política Social e Xuventude incorreu nalgunha das causas imputables a esta. Se a Consellería de Política Social e Xuventude se nega á resolución do concerto social, a entidade estará obrigada a continuar prestando os servizos mentres existan persoas usuarias que deban ser atendidas, sen prexuízo dos recursos que procedan.

U.3.4. Se a Consellería de Política Social e Xuventude considera que se produciu un incumprimento da entidade concertada que poida ser causa de resolución do concerto social, iniciará un procedemento administrativo, de acordo co establecido no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Se procede a resolución do concerto social, a Consellería de Política Social e Xuventude deberá establecer a data en que terá efectos a dita resolución para garantir a continuidade do servizo ás persoas usuarias.

U.4. Efectos da resolución.

U.4.1. Cando a resolución se produza por mutuo acordo, os dereitos das partes acomodaranse ao validamente estipulado por elas.

U.4.2. A resolución motivada por un incumprimento da Consellería de Política Social e Xuventude determinará o pagamento dos danos e perdas causados á entidade, tendo en conta os prezos ou módulos económicos vixentes no momento da resolución.

U.4.3. Cando a resolución do concerto social teña lugar por incumprimento culpable da entidade concertada, a entidade deberá indemnizar a Consellería de Política Social e Xuventude polos danos e perdas causados.

V) Protección de datos persoais.

V.1. Tratamento de datos persoais dos representantes das entidades solicitantes do concerto.

Os datos persoais recollidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue na súa solicitude para comprobar a exactitude destes, informar sobre o estado de tramitación e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable segundo o disposto na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, na Lei orgánica 8/2021 do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia, na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro.

Os datos poderán ser comunicados ás administracións públicas do ámbito autonómico, estatal e comunitario para o exercicio das súas competencias na materia coa finalidade de levar a cabo as actuacións de control previstas.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

V.2. Tratamento de datos persoais no marco das actuacións de verificacións contempladas na resolución.

As bases lexitimadoras para o tratamento dos datos persoais que poidan ser facilitados para o adecuado seguimento desta resolución e a xustificación dos correspondentes gastos relativos ás actuacións que constitúen o seu obxecto, son o cumprimento dunha misión de interese público ou o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento e o cumprimento dunha obrigación legal, fundamentadas ambas no disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento segundo se explicita en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As entidades concertadas obríganse a informar, pola súa vez, o persoal ao seu servizo e as persoas usuarias, con carácter previo a que se faciliten os seus datos á Consellería de Política Social e Xuventude, dos aspectos establecidos nos parágrafos anteriores.

V.3. Tratamento de datos persoais das persoas usuarias.

Os datos persoais necesarios para levar a cabo as actividades realizadas ao abeiro desta resolución serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude. A lexitimación para o tratamento dos datos será o cumprimento dunha misión realizada en interese público e o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable fundamentada, pola súa vez, na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil e, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro; na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia; na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

Os datos persoais que sexan xestionados polas entidades concertadas para a xestión das devanditas accións derivadas da execución do programa, na súa condición de encargadas do tratamento, poderán ser tamén comunicados, cando sexa estritamente necesario, ás entidades acreditativas da formación, ás administracións públicas no exercicio das súas respectivas competencias e outros órganos encargados da xestión e control financeiro.

As persoas usuarias poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

V.4. Deber de confidencialidade.

As entidades concertadas deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lle sexan confiados para a formalización e desenvolvemento das accións recollidas na presente resolución. Así mesmo, quedan expresamente obrigadas:

– a utilizar a devandita información exclusivamente no ámbito desta orde e para as finalidades previstas nela;

– a non comunicala, nin total nin parcialmente, a ningún terceiro sen autorización expresa do emisor salvo nos casos expresamente previstos na lei, exixindo idéntico compromiso ao persoal que empregue ou que con el colabore na execución da resolución;

– a facilitar o acceso á información unicamente ao persoal que a necesite para o desenvolvemento da devandita relación, a quen se comunicará a obrigación de tratar a información á cal se lle dá acceso con carácter estritamente confidencial;

– a aplicar medidas de cautela e protección e destruír en calquera momento a documentación escrita recibida se así o solicita a parte que a forneceu.

Considerarase información confidencial aquela á cal as entidades beneficiarias accedan en virtude da presente resolución, especialmente a de tipo técnico ou tecnolóxico, administrativa, ou económico-financeira, sempre que non teña carácter público ou notorio. Este deber manterase aínda despois de finalizada a relación.

V.5. Encargo do tratamento.

Respecto do tratamento de datos persoais, as entidades concertadas terán a condición de encargadas do tratamento en relación con aquelas tarefas de coordinación administrativa, posta en marcha, desenvolvemento e seguimento das accións obxecto desta resolución, que impliquen a recollida de datos das persoas usuarias.

V.5.1. Identificación da información afectada.

Como encargadas do tratamento as entidades beneficiarias das axudas xestionarán os datos persoais das persoas usuarias necesarios para a execución das obrigas contidas nesta resolución.

V.5.2. Obrigas das entidades concertadas como encargadas do tratamento.

As entidades concertadas como encargadas do tratamento deberán cumprir coas obrigas recollidas a seguir e exixirán o mesmo compromiso do persoal ao seu servizo:

V.5.2.a) Tratar por conta do responsable os datos persoais necesarios para levar a cabo a adecuadamente a prestación do servizo obxecto do concerto.

V.5.2.b) Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, só para os efectos desta resolución. En ningún caso poderá utilizar os datos para os seus fins, sendo considerado neste caso como responsable do tratamento.

V.5.2.c) Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considerase que algunha das instrucións infrinxe o Regulamento xeral de protección de datos, a Lei orgánica de protección de datos e garantía dos dereitos dixitais ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, porao inmediatamente en coñecemento do responsable.

V.5.2.d) Levar por escrito, se é o caso, segundo o artigo 30 do Regulamento xeral de protección de datos, un rexistro das actividades de tratamento realizadas por conta do responsable, incluíndo o contido previsto no dito artigo.

V.5.2.e) Non comunicar os datos a terceiros, salvo que se conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, ou nos supostos legalmente admisibles. O encargado poderá comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste.

V.5.2.f) O encargado do tratamento non poderá subcontratar ningún dos servizos que formen parte do obxecto do concerto e que impliquen o tratamento de datos persoais, salvo os traballos auxiliares necesarios para o normal funcionamento dos seus servizos.

V.5.2.g) Sen prexuízo do anterior, no caso de que o encargado do tratamento necesite subcontratar parte dos servizos en que interveña o tratamento de datos persoais, deberá comunicalo previamente por escrito ao responsable do tratamento, indicando os tratamentos que están implicados e pretende subcontratar, identificando de forma clara e inequívoca a empresa subcontratista e os seus datos de contacto. A subcontratación poderá realizarse unha vez autorizada polo responsable do tratamento.

Neste último caso, o subencargado do tratamento, que tamén terá a condición de encargado do tratamento, estará tamén obrigado ao cumprimento das obrigas establecidas neste concerto para o encargado do tratamento inicial e das instrucións ditadas polo responsable. Correspóndelle ao encargado do tratamento inicial, polo tanto, regular a nova relación para que o novo encargado estea sometido ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade...), co mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial no que se refire ao bo tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas. No caso de incumprimento por parte do subencargado, o encargado inicial seguirá sendo plenamente responsable ante o responsable do cumprimento das obrigas.

V.5.2.h) O encargado do tratamento tamén estará obrigado a comunicarlle calquera modificación ao responsable do tratamento na incorporación ou substitución doutros subencargados, dándolle así á persoa responsable a posibilidade de opoñerse a ditos cambios.

V.5.2.i) Manter o deber de segredo sobre os datos persoais a que teña acceso en virtude deste concerto social, aínda que finalice o seu obxecto.

V.5.2.j) Garantir que as persoas autorizadas para o tratamento dos datos persoais se comprometen, expresamente e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das cales serán informadas oportunamente. O encargado manterá á disposición do responsable da documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.

V.5.2.k) Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

V.5.2.l) Asistir ao responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, mediante as medidas técnicas e organizativas oportunas, para que poida cumprir coa súa obriga de atender as citadas solicitudes das persoas interesadas no prazo previsto pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, por petición deste e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas soliciten o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, esta informaraas, por calquera medio fidedigno, de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos

V.5.2.m) Comunicarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e aplicando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información pertinente para a documentación e comunicación da incidencia, se é o caso, á Axencia Española de Protección de Datos (en diante, AEPD), de conformidade co disposto no artigo 33 do Regulamento xeral de protección de datos.

V.5.2.n) Apoiar o responsable do tratamento na realización de avaliacións de impacto relacionadas coa protección de datos e na realización de consultas previas á autoridade de control, cando proceda.

V.5.2.o) Aplicar, se é o caso, as disposicións contidas no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

• Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanente dos sistemas e servizos de tratamento.

• Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais rapidamente, en caso de incidencia física ou técnica.

• Verificar, avaliar e valorar, de forma periódica, a eficacia das medidas técnicas e organizativas postas en marcha para garantir a seguridade do tratamento.

• Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se é necesario.

V.5.2.p) Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para acreditar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos polas entidades acreditadas ou, de non existiren, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable ou outro auditor autorizado.

V.5.2.q) Designar un delegado de protección de datos, se é o caso, segundo o previsto no artigo 37 do Regulamento xeral de protección de datos e no artigo 34 da Lei orgánica de protección de datos e garantía dos dereitos dixitais, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

V.5.2.r) Devolverlle ao responsable, unha vez cumpridos os servizos obxecto do presente concerto, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde figuren. A devolución suporá a total supresión dos datos existentes, se é o caso, nos equipos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución do servizo.

W) Fraude, corrupción e conflito de intereses.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade poderá poñer os ditos feitos en coñecemento a través da web de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, así como do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

• https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

• https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo.

Así mesmo, serán de aplicación ás actuacións deste concerto as medidas recollidas no Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que foi asinado o 12 de xaneiro de 2022.

X) Incompatibilidade coa percepción doutros ingresos.

Segundo o artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, este concerto será incompatible coas subvencións para o financiamento do servizo ou prestacións obxecto deste.

Y) Resolución de conflitos.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude e os seus acordos porán fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes se a resolución é expresa. Se o acto non é expreso, poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este é expreso. Se non o é, o prazo será de seis meses e contarase, para o concertante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Datos sobre o persoal que se vai subrogar

Concerto social para a xestión de prazas de centros de intervención educativa en medio aberto dirixidas a persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal de menores, nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

I. Datos sobre o persoal que se subroga do CIEMA Lugo.

Nº orde

Grupo

profesional

Posto de traballo

Contrato

% xornada imputada ao programa

Antigüidade

trienios

Custo bruto anual 2023

(salario + Seg. Social empresa)

1

I

Directora

Indefinido

100 %

7

41.493,60 €

2

I

Coordinador

Indefinido

50 %

3

17.451,23 €

3

I

Psicóloga

Indefinido

100 %

5

34.410,65 €

4

I

Traballadora social

Indefinido

100 %

2

30.131,40 €

5

I

Educador

Indefinido

100 %

2

30.131,40 €

6

I

Educador

Indefinido

100 %

1

29.810,47€

7

I

Educador

Indefinido

100 %

0

29.490,34 €

8

I

Educador

Indefinido

100 %

1

30.131,40 €

9

I

Educador

Indefinido

50 %

0

14.745,17 €

II. Datos sobre o persoal que se subroga do CIEMA Ourense.

Nº orde

Grupo

profesional

Posto de traballo

Contrato

% xornada imputada ao programa

Antigüidade

trienios

Custo bruto anual 2023

(salario + Seg. Social empresa)

1

I

Coordinador

Indefinido

100 %

1

34.572,27 €

2

I

Psicóloga

Indefinido

100 %

0

31.917,62 €

3

I

Traballadora social

Indefinido

100 %

2

30.131,40 €

4

I

Educadora

Indefinido

100 %

7

31.734,06 €

5

I

Educador

Indefinido

100 %

7

31.734,06 €

6

I

Educadora

Indefinido

100 %

4

30.772,47 €

7

I

Educador

Indefinido

100 %

1

29.810,87 €

8

I

Educadora

Indefinido

100 %

5

31.093,00 €

III. Datos sobre o persoal que se subroga do CIEMA Pontevedra.

Nº orde

Grupo

profesional

Posto de traballo

Contrato

% xornada imputada ao programa

Antigüidade

trienios

Custo bruto anual 2023

(salario + Seg. Social empresa)

1

I

Director/a

Indefinido

100 %

7

41.701,35 €

2

I

Psicólogo/a

Indefinido

100 %

4

33.520,28 €

3

I

Traballador/a social

Indefinido

100 %

6

31.413,53 €

4

I

Educador/a

Indefinido

100 %

4

30.772,47 €

5

I

Educador/a

Indefinido

100 %

5

31.093,00 €

6

I

Educador/a

Indefinido

100 %

2

30.131,40 €

7

I

Educador/a

Indefinido

100 %

2

30.131,40 €

8

I

Educador/a

Indefinido

100 %

1

29.810,87 €

9

I

Educador/a

Indefinido

100 %

1

29.810,87 €

10

I

Educador/a

Indefinido

100 %

0

29.490,34 €