Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36695

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

ORDE do 31 de maio de 2023 pola que se nomea un novo membro integrante da Comisión de Valoración para a avaliación da documentación presentada para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario.

O Decreto 36/2010, do 11 de marzo, polo que se regula o procedemento para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario, ten por obxecto regular o procedemento para o recoñecemento, con carácter excepcional, da condición de persoal emérito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como os dereitos inherentes a este recoñecemento e o réxime de actividades deste persoal.

O procedemento que se vai seguir para o recoñecemento da condición de persoal emérito regúlase no artigo 7 do citado decreto, o cal procede tamén á creación dunha comisión de valoración á cal corresponderá a valoración dos méritos acreditados para tal recoñecemento. O número 2 do dito precepto sinala tamén que esta comisión estará composta por cinco membros, os cales serán nomeados por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, respectando na súa composición o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Dende a súa creación, a composición da Comisión de Valoración foi variando, adaptándose aos cambios estruturais e organizativos operados tanto na Consellería de Sanidade como no Servizo Galego de Saúde, sendo a última delas a recollida na Orde do 18 de xullo de 2013 pola que se renovan os membros integrantes da Comisión de Valoración para a avaliación da documentación presentada para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario.

Nesta figuraba como presidente da citada comisión o Dr. Manuel Sánchez Salorio, o cal faleceu en datas recentes, causando polo tanto baixa como membro daquela.

De acordo co anterior, e de cara a dar cumprimento ao disposto no artigo 7.2 do Decreto 36/2010, do 11 de marzo, procede nomear un novo membro da Comisión de Valoración, que substituirá na Presidencia o Dr. Salorio.

Con data do 30 de maio de 2023 a xerente do Servizo Galego de Saúde elevou unha proposta para o nomeamento do Dr. José Luis Bello López, que desenvolveu a súa traxectoria profesional na Área de Hematoloxía e Hemoterapia, como novo membro da comisión, o cal exercerá ademais a presidencia desta.

En consecuencia, de conformidade coas facultades establecidas nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, así como no artigo 7.2 do Decreto 36/2010, do 11 de marzo, e vista a proposta efectuada pola xerente do Servizo Galego de Saúde,

ACORDO:

Artigo único. Renovación da composición da Comisión de Valoración para a avaliación da documentación presentada para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario

1. Renóvase a composición da Comisión de Valoración para a avaliación da documentación presentada para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario co nomeamento de José Luis Bello López como novo presidente da comisión.

2. A composición actual da citada Comisión de Valoración queda como segue:

a) Presidente: José Luis Bello López.

b) Secretaria: María José Castelao Boga.

c) Vogais:

1º. Ovidio Fernández Álvarez.

2º. Luis Verde Remeseiro.

3º. María Generosa Crespo Leiro.

Disposición derrogatoria única. Derrogación

Queda derrogada a Orde do 18 de xullo de 2013 pola que se renovan os membros integrantes da Comisión de Valoración para a avaliación da documentación presentada para o nomeamento de persoal emérito no ámbito sanitario.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade