Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34564

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no termo municipal de Ames (expediente IN407A 2021/258-1).

Expediente: IN407A 2021/258-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: regulamentación da LMTA SNT822 entre os apoios D22-35-1 e D22-35-2, no lugar de Rial, na parroquia de Ortoño.

Concello: Ames.

Feitos:

1) O 16 de decembro do 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de arranxar as deficiencias nos apoios en mal estado de conservación nun treito da liña de distribución de media tensión LMT SNT822, procedente da subestación Santiago, localizado no lugar de Rial, na parroquia de Ortoño, correspondente ao termo municipal de Ames. Proxéctase a regulamentación do dito treito, substituíndo os apoios existentes e o condutor do dito treito.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: regulamentación LMTA SNT822 entre os apoios D22-35-1 e D22-35-2, asinado o 18 de decembro de 2020 por Alberto Blanco Penas. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo COETI-Delegación Santiago o 16 de marzo de 2023, en que se sinala que Alberto Blanco Penas é enxeñeiro técnico industrial, posúe a especialidade en Eléctricidade con número colexial 3.165 de Santiago de Compostela e número de visado 1961/20-ST do 18 de decembro do 2020.

2) O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 1 de xullo de 2022.

– Diario Oficial de Galicia: 2 de agosto de 2022.

– Boletín Oficial da provincia: 15 de xullo de 2022.

– Xornal La Voz de Galicia: 22 de xullo de 2022.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal da secretaria do Concello de Ames do 30 de agosto de 2022.

– Portal de Transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

3) Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación ou suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4) Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ames. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas e o Concello, á solicitude dos condicionados solicitados.

5) O 14 de abril de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

1º. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2º. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

3º. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

4º. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

5º. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

6º. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

7º. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

8º. Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

9º. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

10º. Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

11º. Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

– Substitución do condutor existente LA-30 no treito LMTA a 20 kV de 154 metros, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio número A3IT62AW//D22-35-1 existente de formigón que se substituirá por outro de tipo C-1000/16 da LMT. SNT822, procedente da subestación Santiago e remate no apoio número A3IVEDCM//D22-35-2 existente de formigón que se vai cambiar por outro de tipo C2000/16. Retensado dos vans adxacentes.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle aos interesados esta resolución, segundo o esixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 9 de maio de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña