Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34620

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 31 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha planta de produción de amoníaco verde, situada no porto exterior da Coruña, concello de Arteixo (A Coruña). Titular: Armonía Green Galicia, S.L. (expediente 2023-IPPC-I-11).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental da planta de produción de amoníaco verde presentada por Armonía Green Galicia, S.L., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente y sostenibilidad>>prevención y control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proyectos en información pública).

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2023-IPPC-I-11.

Titular: Armonía Green Galicia, S.L.

NIF: B88499033.

Domicilio social: rúa Cardenal Marcelo Spinola, 4, 1º andar, porta D, 28016 Madrid.

Localización da instalación: porto exterior da Coruña, avenida Punta Langosteira, s/n, zona B2, 15141 Arteixo (A Coruña).

Actividade: produción de amoníaco verde.

Categoría principal da actividade: categoría 4.2.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Descrición do proceso: producirase amoníaco verde a partir de nitróxeno e hidróxeno electrolítico (xerado, pola súa vez, a partir de recursos renovables noutra planta). Os bloques principais en que se estruturará a planta son os seguintes: produción de nitróxeno mediante un proceso de separación crioxénica do aire, produción de amoníaco mediante o proceso Haber-Bosch, almacenamento de amoníaco refrixerado, sistema de refrixeración, terminal de carga de barcos, terminal de descarga de ferrocarrís e sistema de almacenamento de amoníaco presurizado.

Verteduras: as augas pluviais potencialmente contaminadas serán recollidas e enviadas a un separador de sólidos e hidrocarburos, previamente á súa vertedura ao mar. As augas fecais serán recollidas nunha fosa séptica estanca. Non se producen verteduras de augas residuais de proceso.