Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31919

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 28 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de tratamento de residuos orgánicos de Compost Galicia, S.A., no concello de Leiro (Ourense) (expediente 2021-IPPC-I-111).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental da instalación citada no encabezamento, co fin de que calquera persoa interesada poida consultalos e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2021-IPPC-I-111.

Peticionaria: Compost Galicia, S.A.

CIF: A32338402.

Enderezo social: Lamas, s/n, 32420 Leiro (Ourense).

Localización da instalación: estrada A Nogueira, s/n, Lamas, 32428 Leiro (Ourense).

Actividade: valorización de residuos non perigosos mediante tratamento biolóxico para a produción de fertilizantes.

Epígrafe de actividade (autorización ambiental integrada): anexo I, 5.4.a).

Descrición: o proxecto consiste nunha ampliación da planta existente de valorización de residuos non perigosos para incrementar a súa capacidade produtiva, configurando un novo parque de maduración acelerada cuberto e adecuando as zonas de tránsito e manobra, así como as capacidades de depuración de augas potencialmente contaminadas recollidas nas zonas de tránsito da instalación.

A capacidade de tratamento de residuos orgánicos incrementarase ata as 43.390 tn/ano de residuos.

As verteduras que se xerarán na instalación correspóndense con:

– Augas pluviais: son recollidas nos tellados das naves a través das tubaxes e son reconducidas seguindo o escoamento natural fóra da parcela.

– Augas pluviais contaminadas: son recollidas e canalizadas ao sistema de tratamento da EDAR da instalación antes da súa vertedura ao medio por infiltración.

– Augas residuais industriais de lavado de camións: recóllense en dúas cuñas xunto ao lavadoiro e son tratadas na EDAR antes da súa vertedura ao medio por infiltración.

– Augas residuais industriais procedentes dos lixiviados: condúcense ao foxo de biosólidos, onde se mesturan con outros residuos e son xestionados no propio proceso de compostaxe.

– Augas residuais sanitarias procedentes dos aseos das oficinas e das duchas e aseos da nave de compostaxe: son recollidas e conducidas ao foxo de recepción de biosólidos.