Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 23 de maio de 2023 Páx. 31122

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2023 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Noia.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da Resolución da Consellería de Sanidade, do 9 de maio de 2023, pola que se lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Noia (A Coruña).

As actividades que vai realizar a Axencia Galega de Infraestruturas son:

1. A dirección da redacción do proxecto con base no Plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde, así como a supervisión e aprobación técnica do proxecto.

2. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda, e nomeadamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

3. Con base no establecido no artigo 62 da LCSP, asumir a función de responsable do contrato, para o que o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta axencia, á que corresponderá supervisar a súa execución e adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

4. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras no que se levará a cabo a súa entrega.

5. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

En canto á natureza e alcance da xestión encomendada, a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma.

A realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución da encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

O prazo de vixencia será desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade e Presidente do Servizo Galego de Saúde