Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 22 de maio de 2023 Páx. 31005

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 16 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polo Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U. no relativo á execución do contrato subscrito con esta consellería para o desenvolvemento de actuacións relacionadas co salvamento marítimo.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores, en defensa dos seus intereses, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais, entre os cales se encontra o servizo de salvamento marítimo.

Neste sentido pronunciouse o Tribunal Constitucional na súa STC 26/1981, na cal considera que «un servizo non é esencial tanto pola natureza da actividade que se desprega como polo resultado que coa dita actividade se pretende. Máis concretamente, pola natureza dos intereses a cuxa satisfacción se dirixe a prestación. Para que o servizo sexa esencial, deben ser esenciais os bens e intereses satisfeitos. Como bens e intereses esenciais cómpre considerar os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos».

No servizo de salvamento marítimo está implicada a protección de bens xurídicos tan relevantes como a vida e a seguridade das persoas e das cousas, e a supresión do seu funcionamento como consecuencia dunha folga podería producir danos de imposible reparación. Por ese motivo, o exercicio público de prestación do servizo de salvamento marítimo non se pode ver afectado polo lexítimo dereito á folga, xa que é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, máxime cando está en xogo o dereito á vida e á integridade física das persoas. Así o considerou a Sección Sétima da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo na súa Sentenza do 28 de outubro de 2003 (rec. núm. 57/02), ao sinalar que «a seguridade marítima é un valor esencial e básico para a convivencia», confirmando o carácter esencial para a comunidade, non só das actividades estritas de salvamento marítimo, senón de actividades complementarias ou accesorias daquel.

O artigo 29.3 do Estatuto de autonomía de Galicia configura o salvamento marítimo como unha competencia de execución da lexislación do Estado que presta a Consellería do Mar en colaboración coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar).

O Real decreto 508/2002, do 10 de xuño, polo que se garante a prestación de servizos esenciais na Sociedade de Salvamento Marítimo e Seguridade Marítima en situacións de folga, establece, no seu artigo 2.2, que os buques, embarcacións e unidades aéreas que prestan o servizo público de salvamento da vida humana no mar e de loita contra a contaminación mariña deberán permanecer operativos na súa totalidade, e que se deberán garantir as subministracións asistenciais ás ditas embarcacións e aeronaves co obxecto de poder facer fronte, con suficientes garantías, ás emerxencias marítimas que poidan xurdir nas zonas de responsabilidade española.

A Consellería do Mar subscribiu coa empresa Babcock Mission Critical Services España, S.A.U. (agora Avincis Aviation Technics, S.A.U.) un contrato administrativo de servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia desde o 31 de outubro de 2017.

O Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U. convocou unha folga o pasado mes de marzo de 2023 e, en consecuencia, con data do 17 de marzo de 2023, publicouse no DOG a Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga no relativo á execución do contrato subscrito coa Consellería do Mar para o desenvolvemento de actuacións relacionadas co salvamento marítimo.

No mes de maio, o Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U. efectúa nova comunicación formal para continuar coa folga, e os paros afectan a totalidade do seu cadro de persoal e todos os centros de traballo e bases operativas de aeronaves, o que podería afectar a axeitada prestación do servizo de salvamento marítimo, debido ao contrato que a Consellería do Mar ten subscrito coa dita empresa, consistente na dispoñibilidade de dous helicópteros, así como tripulación, operación de voo e mantemento, para a realización das misións propias do Servizo de Gardacostas de Galicia de salvamento marítimo, inspección pesqueira, vixilancia do litoral e control da contaminación marítima.

O contrato subscrito para a prestación do servizo de salvamento marítimo ten como obxecto a dispoñibilidade de dous helicópteros biturbina, cuxas características se definen no prego de prescricións técnicas particulares, así como a tripulación, operacións de voo e mantemento necesarios para garantir a prestación do servizo.

Os helicópteros teñen base en Vigo e Celeiro. Para que cada aeronave poida levar a cabo os labores de salvamento que ten encomendados, necesita estar dotada dunha tripulación mínima composta por dous (2) pilotos, un rescatador, un operador de guindastre e un mecánico, que deben estar dispoñibles permanentemente as 24 horas do día para atender calquera requirimento, xeralmente de evacuación de persoas accidentadas ou de rescate de náufragos por sinistro de embarcacións.

É imprescindible que cada aeronave conte con dous pilotos, xa que o manual de voo das aeronaves adscritas ao contrato determina a necesidade da participación de dous pilotos no manexo de cada unha delas. Na mesma liña, o Decreto 750/2014, do 5 de setembro, que regula as actividades aéreas de loita contra incendios, busca e salvamento e que establece requisitos de aeronavegabilidade e licenzas para outras actividades aeronáuticas, exixe, ao regular a composición da tripulación de voo, a necesidade dunha tripulación mínima de dous (2) pilotos en voos nocturnos ou helicópteros en IFR.

Por outra banda, o operador de guindastre e o rescatador deveñen imprescindibles para a realización dos rescates, posto que o primeiro opera o instrumento necesario para o descenso e o rescatador é o membro da tripulación que toma contacto coa persoa en perigo e desenvolve a actuación necesaria para o seu rescate.

É igualmente necesario contar cun técnico de mantemento aeronáutico (TMA), un xefe de frota con licenza LMA tipo C e B13 e un aviónico con licenza B2. Este persoal é tamén imprescindible, pois, por normativa de seguridade aérea, o persoal de mantemento é responsable de certificar que a aeronave se encontra lista para voar e, no caso de calquera erro detectado no recoñecemento prevoo, é este persoal o que pode diagnosticar, reparar e certificar se se pode voar ou non.

É imprescindible que as dúas aeronaves estean operativas ao mesmo tempo, xa que cada unha delas cobre unha parte do litoral, garantindo así a total cobertura do noso espazo costeiro. As operacións de salvamento que se desenvolven tanto no mar como na terra requiren unha resposta rápida e inmediata porque o que está en xogo en moitos casos é a vida das persoas, e chegar a tempo ao lugar do accidente, do sinistro ou da emerxencia é decisivo para poder salvar esas vidas. O funcionamento de tan só unha base podería supoñer que a aeronave acuda á prestación do servizo de salvamento cun atraso que podería resultar fatal. Proba da necesidade dunha resposta inmediata atopámola no tempo de resposta exixido por contrato á empresa contratista, que non excederá os 10 minutos.

Igualmente, deben garantirse na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas a que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, xa que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos.

O artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, habilita a autoridade gobernativa para fixar os servizos mínimos que garantan o dereito da comunidade para recibir a prestación deses servizos esenciais.

Pola súa banda, o artigo 3 do Decreto 155/1988 faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, e vista a proposta de servizos mínimos remitida por Avincis Aviation Technics, S.A.U.,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada polo Comité de Empresa de Avincis Aviation Technics, S.A.U. para os días 23 de maio, das 00.00 ás 7.00 horas; os días 26 de maio, días 2, 9, 16, 23 e 30 de xuño, días 7, 14, 21 e 28 de xullo, días 4, 11, 18 e 25 de agosto, días 1, 8 e 15 de setembro, das 7.00 ás 10.00 horas e das 15.00 ás 23.59 horas, os días 27, 28 e 31 de maio, días 3, 4, 10, 11, 17, 18, 24 e 25 de xuño, días 1, 2, 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de xullo, días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de agosto, días 2, 3, 9, 10, 16 e 17 de setembro, das 00.00 ás 23.59 horas, afecta a totalidade do persoal da empresa Avincis Aviation Technics, S.A.U. (antes Babcock Mission Critical Services España, S.A.U.), adxudicataria do contrato subscrito coa Consellería do Mar para a adecuada realización do servizo de salvamento marítimo, enténdese condicionada pola cualificación de servizos esenciais, conforme o establecido no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación de servizos esenciais en caso de folga e polo mantemento dos servizos mínimos que, como consecuencia da dita cualificación e polas razóns que quedan expresadas na parte expositiva desta orde, se fixan no artigo segundo.

Artigo 2

Establécense como servizos mínimos durante os días e horas de folga a que fai referencia o artigo anterior os que se relacionan no anexo desta orde.

Artigo 3

A designación nominal do persoal que deberá cubrir o servizo, garantíndose a súa cobertura total, faraa a dirección da empresa adxudicataria Avincis Aviation Technics, S.A.U.

Artigo 4

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación dos devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora de folga lle recoñece ao persoal nesta situación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO

Servizos mínimos nas bases operativas de Vigo e Celeiro

Base operativa de Vigo:

2 pilotos por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 operador/a de guindastre por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 rescatador/a por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

Base operativa de Celeiro:

2 pilotos por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 operador/a de guindastre por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 rescatador/a por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

O xefe de frota (técnico de mantemento con licenza tipo C e B1.3) e o aviónico (técnico de mantemento con licenza B.2) adscritos ao servizo deberán realizar a súa xornada habitual de traballo.

Igualmente, deben garantirse na súa integridade as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, posta a punto e reparación, co obxecto de poder facer fronte, coas debidas garantías, ás emerxencias que poidan xurdir nas zonas a que se refire o ámbito do contrato da prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia, polo que deberá preservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da compañía, xa que deles depende a operatividade das bases e dos medios aéreos.