Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30247

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de maio de 2023 pola que se modifica a Orde do 2 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga xeral os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia, que pasa a ser indefinida a partir do día 22 de maio de 2023.

As organizacións sindicais STAJ, UGT, CC.OO. e CSIF, e SPJ-USO presentaron o 26 de abril de 2023, ante o Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral, comunicación previa de folga no sector xustiza, con relación á convocatoria de folga xeral os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023, que se iniciaría a partir das 00.00 horas e finalizaría ás 23.59 horas de cada un dos días, afectando as persoas traballadoras dos corpos xerais, de médicos forenses e especiais da Administración de xustiza, destinadas nos centros de traballo no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 84, do 3 de maio de 2023, publicouse a Orde do 2 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga xeral os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

O 11 de maio de 2023, as organizacións sindicais STAJ, UGT, CC.OO. e CSIF, e SPJ-USO presentaron, ante o Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral, unha nova comunicación previa de folga no sector xustiza, con carácter indefinido a partir do día 22 de maio de 2023, de luns a venres salvo festivos, que afecta as persoas traballadoras dos corpos xerais, de médicos forenses e especiais da Administración de xustiza destinadas nos centros de traballo no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo coa normativa vixente, en virtude das facultades que me confiren o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e mais o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga xeral os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia

O artigo 1 da Orde do 2 de maio de 2023 modifícase nos seguintes termos:

A convocatoria de folga, que afectará o persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, en todos os centros de traballo, desenvolverase os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023, a partir das 00.00 horas ata as 23.59 horas de cada un dos días, e pasará a ser indefinida a partir das 00.00 horas do día 22 de maio de 2023, de luns a venres, salvo festivos.

Esta convocatoria de folga enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo, os cales serán prestados en todo caso de forma presencial.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes