BDNS (Identif.): 693454.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
Españois/españolas ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea que estean en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou de grao relacionada coa filoloxía galega ou coa tradución e interpretación e cumpran un número mínimo de créditos en materias de galego e do idioma oficial do país onde radique o destino que solicita ou, no canto deste, en materias de inglés.
Segundo. Obxecto
Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, tres prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados en distintas universidades estranxeiras.
Terceiro. Base reguladora
Orde do 28 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para 2023 (código de procedemento PL500F).
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades