Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29507

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 24, S.L. (IN408A 2019/105).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Villar Mir Energía, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte da Croa, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 19.12.2019, a promotora, Villar Mir Energía, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 3.4.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 1.5.2020, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 23.7.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

• O 16.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (Psega), respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial e fanse unhas observacións que hai que ter en conta no seu contido.

• O 10.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental a seguir, se recollen os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública e fan unhas observacións para ter en conta no estudo de impacto ambiental (EsIA).

Cuarto. O 10.12.2020 e o 15.12.2020, a promotora presentou nova documentación técnica en substitución da presentada inicialmente, adaptada aos referidos informes, así como a solicitude de declaración de utilidade pública, acompañada da relación de bens e dereitos afectados (RBDA), ao abeiro da Lei 8/2009.

Quinto. O 18.12.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte da Croa á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sexto. O 3.2.2021 e o 23.2.2021 a promotora, en contestación a senllos requirimentos da xefatura territorial, completou a documentación técnica presentada no seu momento, cos seguintes documentos: declaración responsable do técnico proxectista, anexo técnico ao proxecto de execución e informe do estudo de impacto acústico.

Sétimo. O 3.3.2021, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Monte da Croa, nos concellos de Dumbría e Vimianzo.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.3.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 10.3.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Dumbría e Vimianzo), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da xefatura territorial, e tamén no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado a promotora, quen presentou a súa contestación a elas.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 20.4.2021, AXI o 11.3.2021 e 2.8.2021, Deputación Provincial da Coruña o 26.5.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 15.3.2021, REE o 5.5.2021, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 27.3.2021 e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 5.3.2021. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

O Concello de Vimianzo emitiu informe o 20.4.2021, en que formula cuestións ou reparos de carácter urbanístico. A promotora deu resposta a estas cuestións. Con respecto destas, hai que indicar que non pertencen ao procedemento obxecto desta resolución, senón ao procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico, pendente de resolver.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Noveno. O 25.11.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte da Croa e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia.

Tras esta declaración, e en aplicación do disposto no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 30.11.2021 esta dirección xeral ditou resolución pola que se declarou a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte da Croa, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo. O 31.1.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente e de acordo do artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañado do informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 27.1.2022, no cal se recolle un resumo da tramitación.

Décimo primeiro. O 11.2.2022, a promotora presentou a documentación técnica refundida, na cal se incorporan as modificacións derivadas dos informes emitidos na fase de consultas.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

O 24.2.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, o 11.11.2022, formular a DIA do parque eólico Monte da Croa, nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Villar Mir Energía, S.L.U. (clave: 2020/0154), que se fixo pública mediante o Anuncio do 11.11.2022 de 2022 do órgano ambiental (DOG nº 226, do 28 de novembro).

Décimo terceiro. O 24.2.2022, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, o 12.4.2022, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación.

Décimo cuarto. O 22.3.2022, esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen cursou varios requirimentos a promotora para corrixir ou completar a documentación técnica, que foron atendidos por este, sendo a súa última contestación do 5.4.2023.

A xefatura territorial emitiu o referido informe, o 5.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Monte da Croa, de carácter favorable, sempre e cando se cumpra o condicionado derivado das súas consideracións legais e técnicas novena (obriga da promotora de realizar as investigacións do terreo para o deseño da instalación de terra) e décimo primeira (adaptación do proxecto aos posibles novos condicionados derivados do trámite de separatas e obtención da autorización de AESA). A este respecto hai que indicar o seguinte:

• Esta dirección xeral realizou o trámite de separatas para as cinco novas entidades afectadas, conforme o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

• Exixiráselle a promotora a presentación ante esta dirección xeral, con carácter previo ao inicio das obras, da autorización de AESA.

• Exixiráselle a promotora a realización, cando dispoña dos permisos para acceder aos terreos e con carácter previo ao inicio das obras, das correspondentes investigacións das características dos terreos e, se é o caso, a xustificación do novo deseño da instalación de terra cos cálculos correspondentes.

Décimo quinto. O 23.3.2022, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Dumbría, Concello de Vimianzo, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 12.4.2022, AXI o 12.4.2022, Deputación Provincial da Coruña o 1.6.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 13.4.2022 e 9.6.2022, REE o 17.6.2022, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 6.4.2022 e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.) o 1.4.2022. A promotora prestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 18.11.2022, esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou a transmisión da titularidade do expediente do parque eólico Monte da Croa (IN408A 2019/105), titularidade de Villar Mir Energía, S.L.U., a favor de Cartera Vimira 24, S.L.U. (nova promotora, a partir desta transmisión).

Décimo sétimo. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle a promotora o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 28.2.2023 e o 1.3.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas. Así mesmo, en atención á detección por parte da xefatura territorial de afeccións do parque a titulares de instalacións aos cales non se lles remitira separata, a promotora presentou separatas para cinco novas entidades (CB A Lagoa, EDP Renovables España, S.L., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.A., AV Paxareiras e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.

Décimo oitavo. O 7.3.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas cinco entidades (CB A Lagoa, EDP Renovables España, S.L., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.A., AV Paxareiras, S.L.U. e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Naturgy Renovables, S.L.U. en representación de CB A Lagoa o 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L. o 31.3.2023, Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.A. o 13.4.2023 e AV Paxareiras o 28.3.2023.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo noveno. O 13.3.2023, a xefatura territorial remitiu a esta dirección xeral nova documentación técnica, presentada pola promotora o 28.2.2023 e o 1.3.2023 en resposta a un requirimento do 10.2.2023, integrada polo proxecto de execución refundido, a declaración responsable do técnico proxectista, o arquivo shape e as cinco novas separatas xa referidas.

Así mesmo, inclúen un documento ambiental de valoración dunha modificación introducida por mor do requirimento da xefatura territorial (esta modificación foi orixinada pola detección por parte dos servicios técnicos da xefatura territorial de que a conexión do parque estaba a realizarse no circuíto de consumo e non no de xeración da LAT 220 kV DC Dumbría-Regoelle). A este respecto:

• O 16.3.2023, esta dirección xeral deulle traslado ao órgano ambiental da referida documentación presentada pola promotora, para os efectos de obter a validación da DIA.

• O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informe, con respecto da dita modificación, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, quen emitiron informes favorables o 20.4.2023. Esta dirección xeral deu traslado destes dous informes ao órgano ambiental o 21.4.2023.

• O 21.4.2023, o órgano ambiental emitiu informe ao respecto, en que conclúe o seguinte: «[...] non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo os ditos informes non se atopan recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte da promotora dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

Vixésimo. O 19.4.2023, a promotora presentou o acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación Regoelle 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U., de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Vixésimo primeiro. O parque eólico Monte da Croa conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo informes do xestor da rede do 22.3.2018 e do 22.5.2020.

Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalación de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 94, do 16 de maio), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014 (DOG nº 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 14.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación, no cal se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como «o mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto troceamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Miñón, Monte Tourado-Eixe, Monte Tourado, Alto da Croa II, Ponte Rebordelo, Ponte Valsagueiro, Monte Redondo, Singular O Barrigoso e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que isto impida que podan existir parques próximos e que estes podan compartir a localización de algúns elementos ou la liña de vertido á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pues isto comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias medioambientales».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pódese colixir o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo para perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Vimianzo, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

c) En canto ás afeccións ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 20.4.2021 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no presente informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara a non afección ao dominio público hidráulico, deberanse recoller as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

d) No expediente consta un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 18.3.2022.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 16.4.2021 que os aeroxeradores do parque eólico non afectarán a montes veciñais en man común, montes pertencentes ao Catálogo de montes de utilidade oública nin a outros montes de xestión pública. Do estudo da ortofotografía aérea PNOA dedúcese que os elementos do parque instalaranse case na súa totalidade sobre superficies de vocación e uso forestais, dedicadas a plantacións para a obtención de madeira ou a funcións ecolóxicas e de protección do solo nas zonas non aptas para o cultivo forestal. Será necesario constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que produzan, almacenen ou transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo e das edificacións e camiños que se constrúan.

O 13.8.2021, a Dirección Xeral de defensa do Monte informou favorablemente a realización do proxecto, tendo en conta os condicionados recollidos no informe.

f) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 13.9.2021 que indican que pode considerarse cumprido o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008. Os principais impactos deste proxecto sobre a paisaxe produciranse debido á incidencia visual acumulada, pola sinerxía con outros parques eólicos en explotación, autorizados, ou en tramitación na contorna, sobre os miradoiros próximos, os núcleos de poboación, e as vías de comunicación máis importantes que discorren polo ámbito do parque. Ademais, produciranse impactos sobre elementos de interese paisaxístico, naturais ou construídos, como son os afloramentos rochosos e os valados tradicionais de pedra.

De acordo co artigo 30.3 do Regulamento da Lei 7/2008, as medidas correctoras determinadas no EIIP deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

g) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 25.10.2021 un informe favorable, en que se deben ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

h) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

i) No caso de afectar a captacións ou instalacións de subministración de auga, a promotora deberá repoñer os servizos existentes.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

k) O interese autonómico do proxecto xustifícase por constituír un desenvolvemento do Plan eólico de Galicia, co que a importancia e efectos do proxecto que trascenden claramente o ámbito municipal.

l) En canto aos réximes do solo aplicable, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

m) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración serao para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

n) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

ñ) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

o) En relación coas posibles afeccións producidas pola poligonal do parque eólico, cómpre indicar que a poligonal do parque é sinxelamente unha referencia xeográfica do territorio en que se sitúa a totalidade das instalacións do parque. A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vieiros.

p) En relación coas parcelas que se inclúen na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44 da Lei 8/2009, especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os cales non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os cales se considera necesaria a expropiación.

q) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

r) A influencia sobres as concesións mineiras existentes na zona analizarase durante o procedemento de compatibilidade entre ambos aproveitamentos.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

u) En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

v) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da DIA das instalacións do parque eólico Monte da Croa, formulada polo órgano ambiental o 11.11.2022 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte da Croa, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte da Croa. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EsIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 24, S.L., para unha potencia de 27 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte da Croa, denominado proxecto de execución refundido parque eólico Monte da Croa. Vimianzo e Dumbría (A Coruña). Febreiro 2023, asinado o 13.3.2023 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio co nº 20230720 e data do 13.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotora: Cartera Vimira 24, S.L.

• Denominación: parque eólico Monte da Croa.

• Potencia instalada: 27,90 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 27 MW.

• Produción neta: 94.270 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 3.491 h.

• Concellos afectados: Dumbría e Vimianzo (A Coruña).

• Orzamento de execución material: 27.707.438,44 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

492.960

4.764.940

b

495.870

4.770.765

c

496.770

4.771.760

d

498.310

4.771.760

e

498.310

4.769.760

f

496.230

4.766.070

g

496.230

4.761.560

h

492.960

4.761.560

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

MC-01

497.329

4.770.418

Vimianzo

MC-02

497.494

4.770.050

Vimianzo

MC-03

497.500

4.769.629

Vimianzo

MC-04

495.166

4.768.045

Vimianzo

MC-05

494.592

4.766.086

Vimianzo

MC-06

494.839

4.765.804

Vimianzo

MC-07

494.973

4.765.504

Vimianzo

• Coordenadas da torre meteorolóxica, do centro de control e da subestación de evacuación do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

Torre meteorolóxica

494.263

4.765.917

Vimianzo

Centro de control

494.209

4.765.847

Vimianzo

Subestación de evacuación

495.480

4.761.900

Dumbría

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores, sendo 5 (Vestas V-136 ou similar) de 4,2 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura ata a buxa de 112 m e un diámetro de rotor de 136 m, e 2 (Vestas V-126 ou similar) de 3,45 MW, cunha altura ata a buxa de 112 m e un diámetro de rotor de 126 m (MC-02 e MC-03).

– 7 centros de transformación en cada aeroxerador con transformadores de 4.500 kVA (5) e 3.700 kVA (2), en correspondencia coa potencia dos aeroxeradores, e relación de transformación 0,69/30 kV.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV formada por dous circuítos de interconexión dos centros de transformación dos aeroxeradores conectados ao circuíto co centro de control.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV, composta por dous circuítos que conectan o centro de control e a SET do parque.

– Centro de control do parque eólico, onde se instalarán as correspondentes celas de media tensión de entrada dos circuítos de interconexión cos aeroxeradores e saída á subestación de evacuación, así como os elementos de protección, manobra e medida:

• 2 posicións de chegada de 30 kV para as liñas procedentes do parque.

• 2 posicións de saída de 30 kV para as liñas que conectan coa subestación.

• Unha cela de medida.

• Unha cela de 30 kV de servizos auxiliares.

• Un transformador de servizos auxiliares de relación de transformación 30/0,42 kV de 100 kVA.

– Subestación 30/220 kV do parque eólico composta polos seguintes elementos principais:

• 2 posicións de liña de 220 kV cos seus equipos de protección e medida.

• 1 posición de transformador de 220 kV.

• Un transformador de 30/35 MVA ONAN/ONAF, de relación de transformación 220/30 kV e regulación en carga.

• Unha reactancia de posta a terra de 30 kV, con limitación de corrente a 500 A, 30 s.

• Unha posición de medida de tensión en barras de 220 kV.

• Unha posición de transformador de 30 kV.

• Unha posición de medida de tensión de barras de 30 kV.

• 2 posicións de liña de 30 kV para a conexión do centro de control.

• Unha posición de transformador de servizos auxiliares de 30 kV.

• Un transformador de servizos auxiliares de relación de transformación 30/0,42 kV de 100 kVA.

– 1 torre meteorolóxica de 112 m de altura.

– Liña de interconexión da subestación do parque ecólico Monte da Croa e o circuíto de xeración da LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle (IN407A 2014/196-1), mediante a apertura da liña no seu apoio 154N e a súa conexión coas posicións de entrada e saída de 220 kV da subestación. A interconexión está formada polos seguintes circuítos:

• Liña aérea de alta tensión (LAT) de 220 kV, en condutor LA-455, de 25,2 m, coa orixe en apertura de liña do apoio 154N da LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle e final en apoio tipo Turin Pass proxectado.

• Liña soterrada de ata tensión (LSAT) de 220 kV, en condutor RHE-RA+2OL 127/220 kV 1×2.000 mm2 AL + T375 Al, de 126 m, coa orixe no paso aéreo soterrado en apoio Turin Pass proxectado e final en posición de 220 kV da subestación do parque eólico Monte da Croa.

• LSAT de 220 kV, en condutor RHE-RA+2OL 127/220 kV 1×2.000 mm2 AL + T373 Al, de 126 m, coa orixe en posición de 220 kV da subestación do parque eólico Monte da Croa e final en paso aéreo soterrado en apoio Turin Pass proxectado.

• LAT de 220 kV, en condutor LA-455, de 25,2 m, coa orixe nun apoio tipo Turin Pass proxectado e final en apertura de liña do apoio 154N da LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a promotora (Cartera Vimira 24, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 205.696,75 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 274.262,33 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Territorio.

6. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial, o 5.4.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (referido nos antecedentes de feito), a promotora deberá realizar, cando dispoña dos permisos para acceder aos terreos e con carácter previo ao inicio das obras, as correspondentes investigacións das características dos terreos, xustificando o deseño da instalación de terra, para o que deberá obter o informe favorable da xefatura territorial.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais