Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 3 de maio de 2023 Páx. 27226

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de maio de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga xeral, os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023, nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

As organizacións sindicais STAJ, UGT, CC.OO. e CSIF, e SPJ-USO presentaron o 26 de abril, ante o Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral, comunicación previa de folga no sector xustiza, en relación coa convocatoria de folga xeral os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023, que se iniciará a partir das 00.00 horas e finalizará ás 23.59 horas de cada un dos días, que afecta as persoas traballadoras dos corpos xerais, de médicos forenses e especiais da Administración de xustiza destinados nos centros de traballo no ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, dispón, pola súa vez, que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza se axustará ao establecido na lexislación xeral do Estado para os/as funcionarios/as públicos/as, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza. Así mesmo, conforme o establecido nos artigos 28.2 e 37.2 da Constitución española, o exercicio do dereito de folga debe garantir a actividade ininterrompida da Administración de xustiza nos aspectos cuxa paralización poida causar prexuízos irreparables aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atribúe á Dirección Xeral de Xustiza o exercicio das competencias que corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

Por outra parte, o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación, tras oír o comité de folga.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento esencial prestado pola Administración de xustiza en Galicia que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

Neste sentido, e de conformidade coa doutrina do Tribunal Constitucional e mais coa xurisprudencia ditada na materia, e en particular coa Sentenza 463/2018, do 7 de novembro, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considéranse servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público:

1. Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal.

2. Xuízos orais na orde penal de causas con preso.

3. Medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional, entre outras.

4. Actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos.

5. Actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas de enterramento, entre outras, certificacións necesarias para obter documentos de obrigado cumprimento ou de deberes administrativos impostos ou para o exercicio doutros dereitos fundamentais e as de obrigado cumprimento prioritario e inescusable cuxa natureza sexa rexistral; inscricións de nacemento, defuncións, matrimonios.....

6. Rexistro de asuntos e documentos en que venza un prazo preestablecido por lei e cuxo vencemento poida deparar perda de dereitos á cidadanía, así como a tramitación daqueles expedientes en que venza un prazo perentorio e improrrogable e aquelas actuacións en que venza un prazo improrrogable establecido na lei cuxo incumprimento poida afectar o dereito da tutela xudicial efectiva e aquelas cuxa urxencia veña determinada por un precepto legal ou polos bens xurídicos en xogo.

7. Tramitación de actuacións e procedementos: administrativo e contencioso-administrativo, derivados do proceso de eleccións municipais en curso.

8. Todas as actuacións derivadas do proceso de eleccións sindicais na Administración de xustiza en curso.

Para a fixación dos servizos mínimos, a Administración ten en conta igualmente os criterios determinantes que establece a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia contencioso-administrativa ditada na materia.

Así mesmo, debe terse en conta que, de se producir durante as xornadas de folga algunha das actuacións urxentes ou esenciais das establecidas polo artigo 42 do Regulamento 1/2005, do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos aspectos accesorios das actuacións xudiciais, ou pola normativa procesual correspondente, estas non poderían ser atendidas polo xulgado de garda, dado que o xulgado competente está en horas de audiencia, motivo este polo que é preciso dispoñer dun mínimo de persoal nos distintos órganos xudiciais que figuran no articulado para atender as actuacións urxentes e inaprazables, sen vulnerar a atribución de competencias previstas nas correspondentes leis procesuais e no citado Regulamento 1/2005. Cómpre sinalar, a modo de exemplo, as seguintes: autorización de medidas precautorias ou de permisos extraordinarios, por parte do xulgado de menores; autorización de entrada no domicilio, medidas sanitarias urxentes de saúde pública, medidas precautorias en materia de estranxeiría, asilo político e refuxiado que impliquen expulsión, devolución ou retorno, por parte dos xulgados do contencioso-administrativo; autorización para internamento, medidas cautelares para protección de incapaz, restitución ou retorno de menores nos supostos de subtracción internacional, por parte dos xulgados de familia; celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores e traballadoras, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas, e as actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual, tales como medidas cautelares necesarias para asegurar a efectividade da tutela xudicial, por parte dos xulgados do social; medidas por dereitos fundamentais da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza...

Na fixación dos servizos mínimos preténdese, pois, unha proporcionalidade entre o servizo esencial que cómpre prestar e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores. Neste sentido, o establecemento do persoal mínimo para garantir os ditos servizos esenciais ten en consideración os seguintes criterios, que se expoñen a continuación de forma xeral, con independencia da xustificación concreta que para cada tipo de órgano ou xurisdición se especifique en cada suposto.

Para garantir a prestación dos ditos servizos esenciais establécense, por tanto, os servizos mínimos que se concretan a seguir, a extensión territorial, as diferentes dotacións de persoal en función do órgano concreto e as distintas funcións dos diversos corpos, de ser o caso, así como tamén as distintas localizacións dos órganos nos edificios xudiciais segundo a localidade e a existencia de órganos especializados nalgunhas cidades, entre outros.

Neste sentido tense en conta, igualmente, a distinción entre órganos xurisdicionais e aqueles órganos que non o son, xa que nestes últimos, ou ben non se establecen servizos mínimos, ou ben os servizos que se fixan son inferiores aos establecidos nos primeiros, por canto que estes atenden os bens xuridicamente obxecto de maior protección. Igualmente, dentro dos órganos xurisdicionais faise unha distinción en función dos bens xurídicos protexidos, que en síntese consiste na distinción entre aqueles órganos que atenden asuntos relativos á xurisdición penal (coma os xulgados do penal, de vixilancia penitenciaria, de violencia sobre a muller ou os xulgados mixtos) e aqueloutros que non os atenden; pártese, polo tanto, da prestación dun maior número de servizos esenciais durante a folga naqueles órganos que garanten bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens persoalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas. En definitiva, o número de efectivos fixados nestes órganos vai ser superior ao fixado para os outros, que seguirán a pauta xeral.

Ademais, as diferenzas de dotacións existentes nos órganos xudiciais en función das distintas ordes xurisdicionais, das súas necesidades concretas, das funcións que atenden ou da súa localización nas distintas localidades, entre outras razóns, xustifican que non exista unha uniformidade total na fixación do número de funcionarios/as que deben constituír os mencionados servizos mínimos.

Así mesmo, as distintas funcións que corresponden a cada corpo funcionarial, establecidas polos artigos 476 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, fan necesaria, na determinación dos efectivos que deben atender os servizos esenciais en cada órgano, a concorrencia do persoal funcionario dos distintos corpos que sexa imprescindible para garantir estes servizos esenciais. Neste sentido, o persoal funcionario do corpo de auxilio xudicial, polas súas funcións, non se considera necesario para garantir os servizos esenciais en determinados órganos, como no caso do Imelga ou dos xulgados de paz; igualmente, esta Administración entende suficiente, case na totalidade dos restantes supostos, que o persoal funcionario designado servizo mínimo sexa compartido por distintos xulgados ou seccións dos tribunais. Só se considera precisa a fixación dun auxilio xudicial en cada órgano naqueles supostos en que ou ben exista un único órgano por xurisdición ou na localidade, ou ben se entenda necesaria a súa presenza por mor das materias que o dito órgano atende, como por exemplo, no caso de violencia sobre a muller.

Cómpre sinalar, así mesmo, que nos xulgados de primeira instancia e instrución se fai un tratamento individualizado, diferenciando aqueles partidos xudiciais con dous, tres ou catro xulgados, fixando dotacións mínimas para cada caso, establecendo así que o persoal funcionario de auxilio xudicial será compartido para todos os xulgados, sexan estes partidos de tres ou catro xulgados, e mesmo compartido o auxilio xudicial do xulgado de garda, no suposto de partidos xudiciais con dous xulgados.

Por outra banda, e en prol dunha maior protección do dereito fundamental de folga, esta Administración, respecto do persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación, considerou que o servizo mínimo, naqueles órganos onde poderían atenderse os servizos esenciais coa presenza dun/dunha único/a funcionario/a, que son a regra xeral, podería designarse tanto dun corpo coma doutro establecendo, con carácter excepcional, a necesidade dun/dunha funcionario/a tanto do corpo de xestión coma de tramitación, como sucede nos xulgados do penal, de vixilancia penitenciaria ou de violencia sobre a muller, por canto os asuntos que atenden afectan os bens xurídicos máis protexidos polo ordenamento vixente, como pode ser a liberdade. Débese sinalar ao respecto, por último, que aínda que nos rexistros civís exclusivos non se xulgou necesaria na dotación a presenza do/a funcionario/a de auxilio xudicial, si se considera precisa a designación de dous xestores/as ou tramitador/es tanto para as funcións relacionadas con defuncións coma para as restantes actuacións de carácter urxente consideradas servizo esencial, polo volume dos servizos deste carácter que prestan os citados órganos.

En conclusión, polo tanto, como regra xeral, esta Administración non fixou, en prol da protección do dereito de folga, servizos mínimos naqueles órganos que non atenden servizos esenciais, e estableceu, naqueles que si os atenden, as dotacións mínimas que os poidan garantir. Neste sentido, non se designan funcionarios/as do corpo de auxilio xudicial nalgúns órganos, ou ben en certos casos estes funcionarios/as son compartidos por distintos órganos xudiciais; e, con respecto ao persoal funcionario dos corpos de xestión ou tramitación, establécese como norma xeral a suficiencia dun/dunha funcionario/a dos citados corpos por órgano, de forma alternativa.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, en virtude das facultades que me confiren o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e mais o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga, que afectará o persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza en Galicia os días 4, 9, 10, 11, 16 e 18 de maio de 2023, que se iniciará a partir das 00.00 horas e finalizará ás 23.59 horas de cada un dos días en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Estes servizos mínimos, especificados no anexo, serán prestados en todo caso de forma presencial.

Artigo 2

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos esenciais será sancionado de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin respecto á tramitación e efectos que a motivan.

Artigo 4

O exercicio do dereito de folga comportará as deducións salariais correspondentes en quen o exerza, de conformidade coa normativa de aplicación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

1. Tribunal Superior de Xustiza.

1.1. Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a que preste servizos en cada unha das respectivas seccións, e 1 auxilio xudicial para todas as seccións.

1.2. Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a que preste servizos en cada unha das respectivas seccións, e 1 auxilio xudicial para todas as seccións.

1.3. Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio xudicial.

1.4. Oficina de Rexistro e Repartición do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio xudicial.

1.5. Secretaría de Goberno.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; actuacións en que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva; causas con preso; actuacións relativas a violencia doméstica e de xénero; apostilas; ou procesos declarados de carácter urxente pola lexislación procesual, tales como despedimentos colectivos.

No caso da Secretaría de Goberno, órgano que se encarga das apostilas, establécese o mínimo, un/unha funcionario/a, que se considera suficiente para atender os servizos esenciais. Este poderá ser tanto do corpo de xestión coma de tramitación, en prol de garantir unha maior protección do dereito de folga.

Respecto da Oficina de Rexistro e Repartición, fíxase a dotación de servizos mínimos tipo, cun/cunha funcionario/a que poderá ser tanto do corpo de xestión coma de tramitación, en prol de garantir esta maior protección do dereito de folga, para a realización das funcións de rexistro e repartición dos asuntos en que venza un prazo preestablecido. Ademais, contará cun/cunha funcionario/a de auxilio xudicial.

No caso das salas, dado que operan por seccións, considérase necesario que en cada unha delas exista un/unha funcionario/a do corpo de xestión ou tramitación, compartindo estas seccións un/unha único/a funcionario/a de auxilio, que deberá atender os servizos mínimos de todas as seccións da sala. No caso da Sala do Civil e Penal, dado que non opera en seccións, fíxase un/unha funcionario/a de auxilio único para a citada sala.

2. Audiencias provinciais

2.1. Seccións civís das audiencias provinciais.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a por cada unha das respectivas seccións, e 1 funcionario/a de auxilio por cada 2 seccións ou fracción.

2.2. Seccións penais e mixtas das audiencias provinciais.

– 1 xestor/a, 1 tramitador/a e 1 auxilio por cada unha das respectivas seccións.

2.3. Oficinas de rexistro e repartición das audiencias provinciais.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio xudicial.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; actuacións en que venza un prazo improrrogable e preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva; atención de sala en causas con preso; medidas cautelares (prisión provisional, liberdade provisional...); medidas en materia de dereito de familia, incluídas as derivadas dos xulgados de violencia sobre a muller; ou actuacións en execución de sentenza que afecten dereitos fundamentais (liberdades...).

No caso da oficina de rexistro e repartición fíxanse, tal e como se expuxo na orde, os servizos mínimos tipo, cun/cunha funcionario/a que poderá ser tanto do corpo de xestión coma de tramitación, en prol de garantir unha maior protección do dereito de folga, así como tamén cun/cunha funcionario/a do corpo de auxilio xudicial.

No caso das audiencias provinciais, que se estruturan en seccións, algunha das cales non se localiza na capital de provincia –como sucede coas de Santiago de Compostela ou Vigo–, considérase necesario que, no caso das seccións civís, en cada unha delas exista un/unha funcionario/a do corpo de xestión ou tramitación, compartindo cada dúas seccións un/unha único/a funcionario/a de auxilio, e establécese que só no caso de ser o número de seccións impar un/unha funcionario/a de auxilio deberá atender unha única sección.

No caso das seccións penais e mixtas, tal e como sucede cos restantes xulgados que atenden asuntos de xurisdición penal –que protexe bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento vixente e, esencialmente, bens persoalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas–, o número de efectivos fixados afástase da regra xeral no tocante ao persoal funcionario do corpo de xestión e tramitación, xa que se establece a necesidade dun/dunha funcionario/a de cada un destes corpos. Así mesmo, fíxase un/unha funcionario/a de auxilio por cada respectiva sección.

3. Xulgados.

3.1. Xulgados que actúen de garda.

Terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións que xorden durante o servizo de garda que teñen carácter esencial.

3.2. Rexistros civís exclusivos.

– 2 xestores/as ou 2 tramitadores/as para a sección de defuncións, e 2 xestores/as ou 2 tramitadores/as para o resto das funcións do rexistro.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións do Rexistro Civil que teñan carácter esencial.

Nos rexistros civís exclusivos non se considerou necesaria na dotación de persoal funcionario de auxilio xudicial. Respecto do persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación, si se coida precisa a designación de dous/dúas xestores/as ou tramitadores/as para atender aqueles servizos esenciais relacionados con defuncións, polo carácter esencial da expedición de certificacións nesta materia, e de dous/dúas xestores/as ou tramitadores/as para as restantes actuacións de carácter urxente consideradas servizo esencial que se agrupan.

3.3. Xulgados de primeira instancia.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a por cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

– Nos xulgados de primeira instancia con competencias en materia de familia, 1 xestor/a, 1 tramitador/a e 1 auxilio.

– Nos xulgados de primeira instancia con competencias en materia de rexistro civil, 1 xestor/a e 1 tramitador/a.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; actuacións en que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva; actuacións propias do Rexistro Civil; adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes cuxa demora dificulte a efectividade da tutela xudicial; procesos en materia de familia; internamentos; ou atención ás salas de vistas.

Respecto da concreta xustificación do número de efectivos, a dotación de servizos mínimos segue, tal e como se sinalou na exposición de motivos da orde, a pauta xeral: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal; e mais un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción. Este mínimo, non obstante, increméntase naqueles xulgados que teñen atribuídas competencias en materia de familia, nos cales se ven afectados os dereitos dos menores, entre outros, así como tamén nos que teñen funcións de rexistro civil.

3.4. Xulgados do mercantil (exclusivos).

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a para cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación:

Radica na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; actuacións en que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, tales como medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia mercantil; embargos preventivos de buques; medidas cautelares cuxa demora dificulte a efectividade da tutela xudicial, tales como en materia de patentes e relacionadas coa propiedade intelectual e industrial; ou despedimentos colectivos en sede concursal.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal, e mais un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

3.5. Xulgados de instrución.

– Os xulgados de garda terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

– No resto de xulgados: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a para cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

– Nos xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller a dotación será: 1 xestor/a, 1 tramitador/a e 1 auxilio.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; ou a adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (peticións de liberdade provisional, afastamentos, prisión provisional…).

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente neste suposto se estableceu, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal, e mais un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

Exclusivamente se afastan desta regra xeral aqueles xulgados que estean de garda, nos cales, tal e como xa se expuxo e xustificou con anterioridade, se debe contar coa dotación habitual durante a prestación deste servizo, e mais aqueles que teñan competencias en materia de violencia sobre a muller, onde, polos bens xurídicos protexidos e o carácter esencial de gran parte das súas actuacións, os servizos mínimos se deben incrementar nun/nunha funcionario/a máis por corpo, en atención, así mesmo, ás distintas funcións atribuídas a cada un deles.

3.6. Xulgados do penal.

– 1 xestor/a e 1 tramitador/a para cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de garantir a celebración de xuízos orais en causas con preso, asegurando deste xeito as vistas con preso sinaladas, así como na de atender aquelas actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, as dilixencias urxentes e os asuntos de violencia de xénero.

Na medida en que a xurisdición penal protexe os bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens persoalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas, o número de efectivos fixados nos xulgados do penal arrédase da regra xeral no tocante ao persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación, xa que se establece a necesidade dun/dunha funcionario/a de cada un destes corpos. Non obstante, no tocante ao persoal funcionario de auxilio xudicial, a dotación dos servizos mínimos segue o tipo fixado con carácter xeral: un/unha funcionario/a por cada dous xulgados ou fracción.

3.7. Xulgado de menores.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio xudicial.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos menores; adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (internamentos de menores…); celebración de vistas con menor suxeito a medida de internamento; ou tramitación de permisos extraordinarios.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente neste suposto se estableceu, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal. O auxilio xudicial é único por xulgado, dado que só existe un único xulgado de menores na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

3.8 Xulgados do contencioso-administrativo

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a en cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (como autorizacións de entrada en domicilio, autorizacións en materia sanitaria...); procesos de tramitación preferente ou en materia de dereitos fundamentais.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, tamén neste suposto se estableceu, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal, e mais un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

3.9. Xulgados do social.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a en cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación:

Radica na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, asegurando desta forma a celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas; actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual, tales como medidas cautelares necesarias para asegurar a efectividade da tutela xudicial, procesos de conflitos colectivos, impugnacións de altas médicas, vacacións, mobilidade xeográfica, modificacións substanciais nas condicións de traballo, suspensión do contrato e redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior, ou procedementos para o exercicio da conciliación da vida persoal, familiar e laboral recoñecidos legal ou convencionalmente.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente neste suposto se estableceu, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un/unha funcionario/a, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal, e mais un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

3.10. Xulgado de vixilancia penitenciaria.

– 1 xestor/a, 1 tramitador/a e 1 auxilio.

Xustificación:

Estriba na necesidade de atender aquelas actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos internos, así como na de tutelar os dereitos dos presos.

Respecto da xustificación da concreta dotación de efectivos, ao igual que se motivou respecto dos xulgados do penal, e na medida en que os xulgados de vixilancia penitenciaria garanten bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens persoalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas, o número de efectivos fixados nestes xulgados arrédase da regra xeral no tocante ao persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación, xa que se establece a necesidade dun/dunha funcionario/a de cada un destes corpos. No tocante ao persoal funcionario de auxilio xudicial, establécese un funcionario/a como servizo mínimo, dado que non existe máis dun xulgado deste tipo na mesma localidade.

3.11. Xulgados exclusivos de violencia sobre a muller.

– 1 xestor/a, 1 tramitador/a e 1 auxilio.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia ou de violencia sobre a muller; ou causas con detido na materia.

Respecto da xustificación da concreta dotación de efectivos, ao igual que se motivou respecto dos xulgados do penal ou dos de vixilancia penitenciaria, en que a dotación de servizos mínimos tamén é coincidente, e dado que estes xulgados especializados da orde penal garanten bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico, o número de efectivos fixados nestes xulgados arrédase da regra xeral no tocante aos funcionarios dos corpos de xestión e tramitación, xa que se establece a necesidade dun funcionario/a de cada un destes corpos. No tocante aos funcionarios de auxilio xudicial, establécese un funcionario/a como servizo mínimo, pois non existe máis dun xulgado deste tipo na mesma localidade.

3.12. Xulgados de primeira instancia e instrución de cada localidade.

Os xulgados de garda terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

No resto do xulgados:

– En localidades con 2 xulgados: 1 xestor/a e 1 tramitador/a por xulgado, e 1 auxilio compartido co xulgado de garda.

– En localidades con 3 xulgados: 1 xestor/a e 1 tramitador/a por xulgado, e 1 auxilio compartido para os 2 xulgados que non estean de garda.

– En localidades con 4 xulgados: 1 xestor/a e 1 tramitador/a por xulgado, e 1 auxilio para os 3 xulgados que non estean de garda.

Xustificación:

Ao se tratar de órganos con competencias en materia civil e penal, e con funcións concorrentes, se for o caso, de Rexistro Civil e/ou de violencia sobre a muller, a xustificación fundaméntase na necesidade de atender aquelas actuacións, civís e penais, en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, así como na de atender causas con detidos ou presos, actuacións urxentes de Rexistro Civil ou de violencia sobre a muller e adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes, entre outras cuestións.

No establecemento dos servizos mínimos dos xulgados de primeira instancia e instrución faise un tratamento individualizado, diferenciando aqueles partidos xudiciais con dous, tres ou catro xulgados, e fíxanse as mínimas dotacións para cada caso, establecendo así que o persoal funcionario de auxilio xudicial será compartido para todos os xulgados, sexan estes partidos de tres ou catro xulgados, e mesmo será compartido o auxilio xudicial do xulgado de garda no suposto de partidos xudiciais con dous xulgados.

Respecto da fixación dun/dunha funcionario/a dos corpos de tramitación e de xestión, séguese a mesma pauta ca para os xulgados da xurisdición penal, dado que neste caso pode atender non soamente servizos esenciais relacionados co Rexistro Civil, senón tamén aqueles relacionados, tal e como se expuxo con anterioridade, cos bens xurídicos obxecto de superior protección.

4. Servizos.

4.1. Oficinas de rexistro e repartición dos decanatos.

– A Coruña e Vigo: 3 de xestión ou de tramitación, e 1 auxilio.

– Santiago, Ourense e Pontevedra: 2 de xestión ou de tramitación, e 1 auxilio.

– Ferrol e Lugo: 1 de xestión ou 1 de tramitación, e 1 auxilio.

– Nos decanatos dos xulgados de primeira instancia e instrución que realizan as ditas funcións: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación:

Fundaméntase no feito de que se trata dun servizo que ten encomendada, entre outras funcións principais, a da recepción de demandas e escritos dirixidos a todos os órganos xudiciais do partido xudicial, o que podería afectar a tutela xudicial efectiva, especialmente se se trata do vencemento dun prazo preestablecido na lei.

Na asignación do número de efectivos en servizos mínimos tense en conta o volume de rexistros diferentes en cada partido xudicial, así como o número de efectivos que veñen realizando estas funcións con carácter xeral. En todos estes servizos mínimos se mantén a pauta xeral pola que o persoal funcionario pode ser tanto do corpo de xestión coma de tramitación, en prol de garantir o dereito de folga do persoal. Nos decanatos dos xulgados de primeira instancia e instrución fíxase o mínimo: un/unha funcionario/a de xestión ou tramitación.

4.2. Servizos comúns de atención á cidadanía e á vítima.

– 1 de xestión ou 1 de tramitación.

Xustificación:

Trátase dun servizo que ten encomendada, entre outras funcións principais, a da asistencia ás vítimas de delitos.

Respecto da concreta dotación de servizos mínimos, fíxase a dotación mínima: un/unha funcionario/a por cada servizo.

4.3. Servizos comúns de notificacións e embargos.

– 1 de xestión, 1 de tramitación e 1 auxilio.

Xustificación:

Radica na necesidade de asegurar a realización de actos de comunicación de carácter urxente.

A concreta dotación de servizos mínimos arrédase do tipo mínimo que permite un funcionario/a de xestión ou de tramitación, xa que se considera necesaria a presenza dun funcionario/a de cada un destes corpos en atención ás funcións encomendadas a estes servizos, como sucede coa Comisión Xudicial. Así mesmo, cómpre sinalar que este servizo presta asistencia a todos os órganos do partido xudicial en que está constituído.

5. Fiscalías.

Ademais do persoal que lle corresponda ao servizo de garda:

– Fiscalía da Comunidade Autónoma: 1 xestor/a ou tramitador/a, e 1 auxilio.

– Fiscalías provinciais: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio; e, a maiores, 1 xestor/a ou 1 tramitador/a para a Fiscalía de Menores.

– Fiscalías de área: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 auxilio.

– Seccións territoriais da Fiscalía: 1 funcionario/a.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de, entre outras cuestións, garantir as medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional.

Respecto da concreta dotación de servizos mínimos, séguese a pauta do tipo mínimo que se vén establecendo, tal e como consta na exposición de motivos, agás no caso das fiscalías provinciais, en que se designa un funcionario/a a maiores a fin de garantir aqueles servizos esenciais relacionados cos menores, e no caso das seccións territoriais, onde se establece o mínimo para permitir a apertura do servizo: un funcionario/a.

6. Instituto de Medicina Legal de Galicia.

– En cada subdirección do Imelga: o equipo do persoal que presta o servizo de garda e 1 tramitador/a.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de garantir o servizo que lle é propio na materia: a prestación do servizo de garda; a asistencia médico-forense ao xulgado de garda; o levantamento de cadáveres; a asistencia a detidos e a vítimas de violencia de xénero; a asistencia nos internamentos; autopsias; a atención a aquelas actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns; ou a redacción de informes urxentes, entre outros.

A dotación dos servizos mínimos está constituída, xa que logo, polo persoal que presta o servizo de garda e, así mesmo, por un funcionario/a do corpo de tramitación, dado que o Imelga non conta con persoal funcionario de xestión, para dar soporte, rexistrar e tramitar aquelas actuacións urxentes descritas con anterioridade que poidan constituír servizo esencial.

7. Xulgados de paz.

– 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación:

Fundaméntase na necesidade de garantir a apertura e o servizo esencial que lles é propio na materia, principalmente de Rexistro Civil.

Respecto da dotación, tamén neste suposto se fixa a dotación mínima (un funcionario/a por xulgado de paz) coa finalidade de garantir a apertura do servizo, dado que a ausencia deste único funcionario/a implicaría a paralización do servizo, asegurando así as funcións de certificación que lles son propias en materia de Rexistro Civil.