Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2023 Páx. 26360

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 33/2023, do 5 de abril, polo que se aproba o escudo do Concello de Alfoz (Lugo).

O Concello de Alfoz (Lugo) considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o escudo do Concello de Alfoz (Lugo) organizado do seguinte xeito, do que se xunta como anexo unha representación gráfica:

De sinople (verde), o castelo de prata (branco), dunha torre e con tres ordes de xanelas ocas, ou sen aclarar; bordura componada de dezaseis pezas de ouro (amarelo) e veiros ondados. No timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, cinco de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

missing image file