Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23878

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de incoación do procedemento de declaración do incumprimento das obrigas relativas á edificación, á conservación e á rehabilitación do inmoble sito na rúa Herrador, 6, A Coruña.

O concelleiro da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, ao abeiro das facultades que lle confire o capítulo II do título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, engadido pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, e de acordo coa delegación de competencias realizada no Decreto da Alcaldía núm. 3846/2019, do 26 de xuño de 2019 (publicado no Boletín Oficial da provincia (BOP) da Coruña núm. 124, do 3 de xullo de 2019), o 8 de marzo de 2023 ditou o seguinte decreto, anotado no libro de resolucións da Alcaldía, co núm. DEC/AYT/1529/2023.

«Decreto:

Primeiro. Incoar o procedemento de declaración do incumprimento das obrigas relativas á edificación, á conservación e á rehabilitación do inmoble sito na rúa Herrador, 6, previsto no artigo 26 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, xa que concorren as circunstancias de incumprimento das obrigas de edificación, conservación e rehabilitación, dado que se trata dun solar baleiro no centro da cidade, situado no ámbito do Plan especial de protección da cidade vella e pescadería (PEPRI), incluído no Rexistro de Edificacións Forzosas polo Decreto da Alcaldía do 1 de abril de 2005, con reiteradas queixas veciñais por residuos no inmoble, todo iso sumado a unha continuada inactividade da propiedade.

Segundo. Determinar a venda forzosa como sistema de actuación elixido pola Administración, no caso de que o procedemento se resolva coa estimación de concorrencia de incumprimento. Consta unha taxación do inmoble sito na rúa Herrador, 6, da Coruña, do 9 de xaneiro de 2023, que valora o inmoble libre de cargas no importe de trinta e tres mil setecentos setenta e un euros (33.771,00 €).

Terceiro. Solicitar ao Rexistro da Propiedade da Coruña número 1 a certificación de dominio e das cargas do inmoble sito na rúa Herrador, 6, da Coruña, inscrito como predio rexistral número 10.156, tomo 2.364, libro 2.364, folio 159, e que faga constar nunha nota marxinal o inicio do procedemento para a declaración do incumprimento.

Cuarto. Conferir un trámite de audiencia de quince días ás persoas propietarias e aos demais titulares de dereitos reais afectados que consten no Rexistro da Propiedade e/ou no Catastro.

Quinto. Abrir, de maneira simultánea ao trámite de audiencia, un trámite de información pública por un prazo de vinte días con anuncio no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do concello.

A Coruña, na data da sinatura electrónica deste documento.

A alcaldesa, P.D.

O concelleiro da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade».

De conformidade co establecido no artigo 26.4 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e a renovación urbanas de Galicia, ábrese un trámite de información pública por un prazo de vinte días con anuncio no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do concello.

A Coruña, 10 de marzo de 2023

A alcaldesa
P.D. (Decreto do 26 de xuño de 2019; BOP núm. 124, do 3 de xullo)
María Hernández García
Directora da Área de Urbanismo