Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 13 de abril de 2023 Páx. 23224

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 31 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215C).

BDNS (Identif.): 686817.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen, poderán ser beneficiarias das axudas convocadas pola presente orde as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran cos seguintes requisitos:

a) Ter asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2022.

b) Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicitan a subvención.

c) Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

d) Acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas ou entidades solicitantes en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas ás galerías de arte, que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega, para facilitar a súa participación en feiras e eventos do sector que teñan lugar no ano 2023 fóra da comunidade (código de procedemento CT215C).

2. Para os efectos das presentes bases, enténdense como galerías de arte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como actividade principal a exposición aberta ao público de obras de arte cunha finalidade comercial. A Dirección Xeral de Cultura poderá solicitar a acreditación desta circunstancia, de consideralo necesario.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215C).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10 04 432B 770 0 (CP 2015 00374) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de cincuenta mil (50.000,00) euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades