Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 13 de abril de 2023 Páx. 23325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 27 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, polo que se dá publicidade da apertura do prazo de información pública do expediente sobre a sucesión intestada, en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, de José Fernández Rodríguez.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives, mediante o Auto ditado o 11 de marzo de 2013, declarou a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira universal de José Fernández Rodríguez (DNI 34522602-Q), veciño do concello de Castro Caldelas, falecido o 4 de setembro de 2010.

Dispón o artigo 269 da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia, que os bens herdados por este título pola Comunidade Autónoma de Galicia serán destinados a establecementos de asistencia social ou institucións culturais que se sitúen, preferentemente e por esta orde, no lugar da derradeira residencia da persoa causante, no seu termo municipal, na súa comarca e, en todo caso, en territorio da Comunidade Autónoma galega.

Para os anteriores efectos, establécese no artigo 10 do Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, trámite de información pública polo que se publicará un anuncio no Diario Oficial de Galicia para que os posibles beneficiarios dos bens da herdanza formulen alegacións.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio nos artigos 4 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 4 e 7 do Decreto 113/2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

ANUNCIO:

A apertura de trámite de información pública polo prazo dun mes, para que os posibles beneficiarios dos bens e dereitos procedentes da sucesión intestada de José Fernández Rodríguez, falecido o 4 de setembro de 2010, presenten as alegacións que consideren pertinentes perante a Consellería de Facenda e Administración Pública, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código expediente ABA/2013/0002, Edificio Administrativo San Caetano-bloque núm. 3, 15781 Santiago de Compostela.

Contra este acto non se poderá interpoñer recurso, conforme o establecido no artigo 112 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este trámite sexan consideradas na resolución pola que se aprobe a conta xeral de liquidación e distribución dos bens hereditarios da herdanza, contra a cal se poderá presentar en tempo e forma o correspondente recurso.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública