Expediente-e: IN407A 2022/276-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: LMTS e CS rúa Monte do Seixo, número 21.
Concello: Santiago de Compostela.
Feitos:
1. O día 16 de setembro de 2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de prover de subministración eléctrica a un xeriátrico para unha potencia de 552 kW na rúa Monte do Seixo, número 1, concello de Santiago de Compostela. Proxéctase un centro de seccionamento instalado en local de cliente e liña de media tensión soterrada que o encadeará coa liña de distribución de media tensión LMT SNT-839 procedente da subestación Santiago.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:
– Proxecto de execución nomeado LMTS e CS rúa Monte do Seixo, número 21, asinado o 2 de setembro de 2022 por Susana Casais Pérez. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade da proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo Coeticor o 10 de marzo de 2023 en que se sinala que Susana Casais Pérez é enxeñeira técnica industrial, posúe a especialidade en Electricidade e número colexial 2.033 da Coruña.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe o Concello de Santiago de Compostela. A día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o concello, á solicitude do condicionado solicitado.
4. O 10 de marzo de 2023 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que a seguir se relaciona:
– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– LMTS, a 20 kV, de 24 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe e remate nos empalmes para realizar en PAR proxectado na LMTS SNT839 (expediente IN407A 2016/2297-1), facendo E/S no CS proxectado.
– CS en local de obra compacto en configuración 3L (2 telecontroladas) e trafo de tensión para SS.AA.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.
b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 16 de marzo de 2023
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña