Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23029

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 28/2023, do 23 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación Novo Complexo Hospitalario da Coruña, fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 17 de outubro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 197 a Resolución do 5 de outubro de 2022 pola que se somete a trámite de información pública o proxecto de expropiación do Novo Complexo Hospitalario da Coruña. Fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Con data do 3 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 2 a Resolución do 14 de decembro de 2022 pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de expropiación, mantendo a relación de bens e dereitos, e indicando que os aspectos referentes á valoración serán analizados nunha fase posterior da expropiación.

O obxecto do proxecto é, dentro do denominado Proxecto do novo CHUAC, a construción dunha torre polivalente, dentro do ámbito do futuro complexo hospitalario. Por isto, faise precisa a adquisición dunha porción de terreo lindeiro coa parcela onde se levará a cabo a actuación que é precisa para a execución da obra.

O edificio é a primeira fase do futuro complexo hospitalario CHUAC, de modo que a intervención dea como resultado un novo hospital que integre o que se vai construír co que xa existe, funcionando todo como un conxunto. Trátase dun edificio de 13.700 m2 de superficie construída e 16 plantas (4 baixo rasante), destinadas a usos polivalentes sanitarios, hotel de pacientes e áreas administrativas, que se conectarán mediante unha pasarela co hospital existente.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 101 que a declaración de utilidade pública enténdese implícita en toda expropiación relativa a obras e servizos que sexan competencia do Servizo Galego de Saúde para o cumprimento das funcións e consecución dos fins fixados pola lei.

Considerase neste caso xustificada a declaración de urxente ocupación co fin de cumprir cos principios do Sistema público de saúde de Galicia que consagra a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que son, entre outros, a adecuación das prestacións sanitarias á saúde da poboación, a calidade dos servizos e a mellora continua, cunha énfase especial na calidade da atención clínica e da organización dos servizos, nunha atención personalizada e humanizada, así como a eficacia, efectividade e eficiencia na xestión do Sistema público de saúde de Galicia.

En virtude disto, e en aplicación do establecido no artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de marzo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de expropiación Novo Complexo Hospitalario da Coruña. Fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3.

Santiago de Compostela, vinte e tres de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade