Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 11 de abril de 2023 Páx. 22952

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 13 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de produción de pensos en Margaride de Nutrimentos Deza, S.A., no concello de Silleda, provincia de Pontevedra (expediente 2020-IPPC-M-31).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Resposta á solicitude de documentación dentro do procedemento de revisión da autorización ambiental integrada. Febreiro 2023.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medioambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade
e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-31.

Peticionaria: Nutrimentos Deza, S.A.

CIF: A36011385.

Domicilio social: Margaride, s/n, 36540 Silleda, Pontevedra.

Localización da instalación: Margaride, s/n, 36540 Silleda, Pontevedra.

Actividade: produción de pensos.

Descrición: a instalación dedícase á fabricación de pensos compostos para alimentación animal para a súa posterior venta e distribución, nunha única liña de produción. A instalación consta de oficinas, almacén de saquerío, taller e outras dependencias, nave almacén e silo fábrica de pensos. A capacidade máxima de produción de produtos acabados da instalación é 876 t/día. As principais etapas do proceso son: recepción e almacenamento de materias primas, dosificación de materias primas e aditivos, moenda, incorporación de pre-mesturas ao penso, mesturado, granulación, arrefriamento, almacenamento de pensos en carga ou ensacado e expedición.

As augas residuais pluviais trátanse en tres separadores de hidrocarburos antes de infiltrarse ao terreo. As augas fecais trátanse nunha planta depuradora compacta antes de infiltrarse ao terreo. Non se xeran augas residuais industriais.

O proxecto contén a aplicación das mellores técnicas dispoñibles na instalación segundo o estipulado na Decisión de execución (UE) 2019/2031 da Comisión, do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) nas industrias de alimentación, bebida e leite, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.