Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21531

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 27 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PR852A).

BDNS (Identif.): 684658.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto dos requisitos establecidos nesta resolución.

2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da Comunidade Autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.

3. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

b) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura, e efectuar a convocatoria para o ano 2023.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 27 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento PR852A).

Cuarto. Importe

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.20.151A.470.1, polo importe de 790.000,00 euros, e 04.20.461A.470.1, polo importe de 1.186.777,00 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

Silvia Valdés Díaz de Freijo
Secretaria xeral de Medios