Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: rúa A Batundeira, 2, Velle (Ourense).
Denominación: instalación de reconectador TC na LMTA MOF803 no apoio nº 71-1-1 (Monforte de Lemos).
Situación: concello de Monforte de Lemos.
Características técnicas:
LMTA MOF 803 (expedientes 1380 AT e 4736 AT), na cal se modifica a posición do apoio nº 71 tipo HV-12/630 por un apoio de celosía tipo C-2000-18. Tamén de substitúe o apoio nº 71-1-1 tipo HV-11/400 por un apoio de celosía tipo C-2000-14, no cal se instala un reconectador telecontrolado.
Finalidade da instalación: mellora de instalación.
Orzamento: 22.955,71 €.
Documentación que se acompaña:
• Separata para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
• Separata para o Concello de Monforte de Lemos.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionado ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución. A dirección de obra será realizada por técnico competente.
Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento se deberán cumprir as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real Decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que xulgue pertinente o seu dereito.
Lugo, 7 de marzo de 2023
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo