Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2023 Páx. 20843

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MT401A).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos números 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Segundo o Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, en relación co establecido no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o establecido no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma, ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da Consellería é a autoridade superior desta consellería e, con tal carácter, está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, de conformidade co Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004 e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 7, ao tratar a cooperación en materia de paisaxe, establece que a Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins recollidos na lei.

Pola súa banda, o artigo 14 recolle que a Xunta de Galicia, conforme o establecido nesta lei e na consideración da importancia ambiental, cultural, social e económica que posúen as nosas paisaxes como sinal de calidade de vida, promoverá accións de formación, sensibilización e educación, dirixidas á sociedade galega en xeral e aos xestores e usuarios do territorio en particular, que teñan como finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as nosas paisaxes.

III

Con base no exposto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Ambiente, Territorio e Vivenda, buscou recoñecer o esforzo dos concellos en materia de ambiente e paisaxe. Nesta finalidade inspirouse no ano 2020 para a creación e o recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia, co que se pretendeu resaltar o labor daqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, e polo seu compromiso coa cidadanía.

Mantendo esta aposta, e tras as convocatorias de 2021 e 2022, apróbanse as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e convócanse para o ano 2023.

Galicia dispón dunha rica e extensa diversidade paisaxística, polo que un distintivo como a Bandeira Verde fortalece a imaxe das nosas vilas e pobos.

Trátase, polo tanto, de diferenciar e salientar a calidade ambiental e paisaxística dos nosos concellos, achegando á cidadanía a relevancia do seu papel e a importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado do seu contorno, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes.

Esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección do contorno natural e paisaxístico, amosando que tanto concellos como cidadanía están comprometidos no coidado dun dos elementos máis representativos da nosa Comunidade: a paisaxe e o patrimonio natural.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego en que a participación social resulta estratéxica e os beneficios redundan na integridade e a sustentabilidade dos recursos naturais galegos en sintonía cos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable e os obxectivos da Unión Europea para o ano 2050 de redución de emisións.

En consecuencia, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para a concesión en réxime de concorrencia non competitiva, do distintivo Bandeira Verde de Galicia con que premiar aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

2. O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado do seu contorno, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

3. O código de procedemento administrativo é MT401A.

Artigo 2. Criterios para o outorgamento do distintivo Bandeira Verde de Galicia

O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración que son obxecto de desenvolvemento no anexo I desta orde. Os ámbitos de actuación en que se encadrarán as accións incluídas nas candidaturas dos municipios son os seguintes:

a) Ordenación do territorio, protección do ambiente e da paisaxe.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

c) Xestión responsable dos residuos.

d) Accións de sensibilización e comunicación relacionadas coas alíneas a), b) e c).

Artigo 3. Destinatarios

Poderán optar ao recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que desenvolvan actividades incluídas no artigo anterior e cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 30 de maio de 2023.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta orde.

3. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar, xunto co anexo II de solicitude, a seguinte documentación:

a) Memoria asinada pola persoa titular da Alcaldía, en que se poñan de manifesto, dun xeito resumido, os aspectos máis relevantes das actuacións que se propoñen. A memoria será unicamente texto e terá unha extensión máxima de 700 palabras.

b) Fichas resumo das accións previstas no anexo III.

A memoria, xunto co anexo III de cada acción, será a documentación obxecto de avaliación.

O órgano instrutor do procedemento poderá pedir documentación complementaria se o considera necesario.

c) Certificación do secretario do concello ou persoa con análogas funcións, de conformidade co modelo previsto no anexo IV, na cal se recolla o seguinte:

1º. O acordo/decreto/resolución/outro do/da Alcaldía/Xunta de Goberno local/Pleno para solicitar a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

2º. O número de accións propostas co estado en que se encontran: a) aprobadas polo Concello, b) en execución ou c) executadas. Neste último caso, as accións finalizaron nos cinco últimos anos contados a partir da data de publicación desta orde.

3º. Existe compromiso de financiamento das accións aprobadas ou en execución e está vixente.

4º. O concello non ten ningunha sanción administrativa firme nos últimos dous (2) anos en relación cos ámbitos obxecto de valoración para o outorgamento do distintivo (infraccións ambientais, en materia urbanística ou de ordenación do territorio ou a paisaxe, contra o patrimonio, contra a protección de costas ou do dominio hidráulico...).

5º. Non constan incumprimentos de ordes de execución de sentenzas firmes de demolición de edificacións ilegais, dirixidas ao concello.

6º. En materia de xestión de residuos sólidos urbanos, o concello conta cun sistema propio ou conveniado que dá servizo aos seus cidadáns.

7º. O municipio conta cunha infraestrutura pública de saneamento e depuración de augas residuais, así como de abastecemento de auga, que dá servizo, polo menos, ao asentamento de maior poboación.

Sen esta acreditación, o xurado non terá en conta os citados méritos. Esta certificación recóllese como anexo IV.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Ambiente, Territorio e Vivenda.

Sobre cada unha das candidaturas presentadas, o persoal técnico do departamento técnico de estudos analizará as memorias de cada concello, realizando una valoración previa que servirá como selección inicial para facilitar a deliberación do xurado previsto. Para os ditos efectos, poderá solicitar a colaboración de calquera departamento autonómico, de conformidade cos mecanismos previsto no artigo 10 e seguintes da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

Unha vez completos os expedientes, remitiraos ao xurado regulado no artigo nove desta orde para a súa valoración.

Artigo 7. Emenda das solicitudes e notificacións

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Xurado

1. Para o exame e valoración das solicitudes constituirase un xurado que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta orde.

O xurado estará composto polas seguintes persoas:

a) A Presidencia correspóndelle á persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

b) Vogais:

– Dúas persoas nomeadas pola persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

– Unha persoa nomeada pola persoa que exerza a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

c) Actuará como secretario/a deste xurado unha persoa funcionaria da Consellería de Ambiente, Territorio e Vivenda, con voz e sen voto, nomeada por resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. Os seus acordos de outorgamento adoptaranse por maioría simple, e dirimirá o voto da persoa titular da Presidencia no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

5. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como sobre todas as cuestións que se poidan subscribir con motivo dos premios.

Artigo 10. Valoración das solicitudes admitidas

O xurado examinará e valorará as solicitudes presentadas en función dos criterios e do baremo establecidos no anexo I desta orde, en que se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento, para o cal se teñen en conta as características dos concellos (superficie, poboación, orzamento utilizado...).

Co fin de establecer criterios de proporcionalidade á hora de avaliar as candidaturas de todos os concellos galegos, ponderarase a valoración das iniciativas dos municipios atendendo ao seu encadramento no Sistema de asentamentos de Galicia (establecido nas Directrices de ordenación do territorio), ao seu grao de urbanización segundo a última clasificación elaborada polo IGE e á súa poboación na data de publicación desta orde.

Así, distinguiranse tres categorías de concellos e os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde serán máis restritivos para aqueles concellos de maior complexidade urbana, con funcións que transcenden o ámbito municipal no sistema de asentamentos e con maiores recursos.

Se nalgunha das solicitudes non quedan debidamente xustificados ou acreditados os criterios para a súa valoración, non se terán en conta.

O xurado emitirá un informe-proposta de recoñecemento dos distintivos, que elevará ao órgano instrutor.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe-valoración do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución do recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

2. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

1. A resolución deste procedemento esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Entrega dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

1. Os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o cal serán convocados coa oportuna antelación.

A relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Ambiente, Territorio e Vivenda https://www.xunta.gal/cmatv

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza cada un dos concellos recoñecidos a poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para as entidades locais de Galicia, tanto para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural como de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

3. No caso de que algún concello premiado omitise ou falsense a documentación remitida para a obtención deste recoñecemento, poderase considerar a retirada do distintivo acreditado e, polo tanto, perder a condición de ganador que teña o distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Disposición adicional única. Normativa reguladora

As solicitudes, a tramitación e a concesión deste distintivo axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como, supletoriamente, nas disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no disposto nesta orde de bases.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Actuacións e criterios de valoración para o recoñecemento
do distintivo Bandeira Verde de Galicia

Serán obxecto de valoración todas aquelas accións presentadas polos concellos que poidan ser identificadas como boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe que se axusten ao establecido nesta orde. Estas accións deberanse encadrar nalgún dos catro ámbitos definidos neste anexo e serán valoradas de acordo cos criterios e co baremo que se expoñen a seguir.

Entre as condicións previas que estas accións deberán cumprir para poderen ser avaliadas, inclúense as seguintes:

• Entre as accións que se van valorar non están incluídas aquelas que responden ao estrito cumprimento dunha norma xurídica ou ao normal desenvolvemento das competencias locais na xestión ordinaria das áreas de ambiente, paisaxe e resto de ámbitos de actuación relacionados co obxecto desta orde, senón que deben ser iniciativas municipais orientadas á consecución de obxectivos de excelencia no eido correspondente.

• As accións remataron nos cinco últimos anos contados a partir da data de publicación desta orde ou están nesta data en fase de execución e/ou desenvolvemento conforme a programación aprobada e co seu financiamento firmemente comprometido.

• As accións remataron con data anterior aos últimos cinco anos, pero acredítase a vixencia da súa utilidade, o actual cumprimento satisfactorio dos obxectivos que a motivaron, o desenvolvemento dalgún sistema de seguimento da iniciativa e, de ser o caso, os investimentos realizados para o mantemento da súa adecuada operatividade nos últimos anos.

• As accións consistentes en actuacións de planificación, para seren avaliadas, deberán estar aprobadas, vixentes e plenamente operativas na data de publicación desta orde. No caso de iniciativas que prevexan o financiamento total ou parcial das accións con fondos diferentes ao da facenda local, deberase acreditar a vixencia do compromiso de financiamento externo que garanta a viabilidade do seu plan de acción.

• As accións concretas incluídas en iniciativas integrais de planificación propostas para avaliación poden ser avaliadas tamén de xeito independente se cumpren as condicións requiridas para calquera outra acción.

Ámbitos de actuación:

a) Ordenación do territorio, protección do ambiente e da paisaxe.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

• Ordenar o territorio de maneira compatible co seu contorno territorial, promovendo un uso racional do solo para conservalo e protexelo como recurso esencial e non renovable.

• Evitar a dispersión urbana e revitalizar os asentamentos tradicionais.

• Procurar asentamentos inclusivos, seguros e sustentables, mediante a eliminación das barreiras arquitectónicas, a introdución da perspectiva de xénero, a mellora da seguridade, a promoción dos fluxos de proximidade e da complexidade social e de usos nos barrios.

• Fomentar a implementación de solucións baseadas na naturalización e no incremento da biodiversidade nos espazos públicos como estratexia fundamental para acadar asentamentos máis saudables, sustentables e resilientes.

• Favorecer as estratexias integrais de mobilidade sustentable, do transporte alternativo sustentable (implantación de puntos de bicicletas, creación de vías e redes de carril bici, etc.) e da mobilidade peonil (redución da velocidade, peonalización de rúas, reorganizacións e mellora das vías, supresión de barreiras arquitectónicas, integración da perspectiva de xénero, etc.).

• Xestionar sustentablemente os espazos naturais, loitar contra a desertificación, deter e reverter a degradación das terras e a perda de biodiversidade.

• Promover o desenvolvemento e evitar o despoboamento das zonas rurais mediante iniciativas respectuosas coa protección do patrimonio, o ambiente e a paisaxe, sustentadas na dinamización do seu potencial endóxeno, a economía dixital e as novas tecnoloxías.

• Conservar e promover a utilización racional dos océanos, os mares e os recursos mariños na procura dun desenvolvemento sustentable.

• Mellorar as infraestruturas verdes e azuis e vinculalas ao contexto natural como solucións multifuncionais baseadas na natureza que contribúen a mellorar a biodiversidade.

• Protexer a paisaxe e garantir a conciliación do desenvolvemento das actividades humanas co respecto a estes valores.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

• Combater o cambio climático e os seus efectos.

• Deseñar actuacións en equilibrio coa protección do ambiente orientadas a reducir os impactos do cambio climático e á consecución dun territorio máis resiliente.

• Reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro GEI.

• Reducir o consumo de auga.

• Aumentar a participación das enerxías renovables no mix enerxético local, incrementando a potencia renovable instalada e fomentando o autoconsumo e a produción en proximidade.

• Mellorar a eficiencia enerxética das infraestruturas e dos edificios e instalacións públicos, e fomentar a eficiencia enerxética no eido privado.

• Garantir o acceso a unha enerxía segura, sustentable, non contaminante e eficiente para todas as persoas.

c) Xestión responsable dos residuos.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

• Reducir a xeración de residuos mediante actividades de prevención, redución, reciclaxe e reutilización.

• Substituír o modelo de economía lineal polo de economía circular, incorporando os materiais que conteñen os residuos ao proceso produtivo de novos bens ou materias primas.

• Incorporar a investigación, a innovación e a tecnoloxía, así como o intercambio de coñecemento e o traballo en rede, á xestión de residuos.

• Reducir ou mesmo eliminar a xestión de residuos en vertedoiros.

d) Accións de sensibilización e comunicación.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

• Promover a educación e información ambiental, o consumo responsable e o desenvolvemento sustentable.

• Impulsar campañas de formación e sensibilización en materia de educación ambiental, así como de intercambio e difusión da información.

• Asegurar a participación cidadá, a transparencia, e favorecer a gobernanza multinivel.

• Impulsar as campañas de promoción e apoio aos recursos propios da área, turismo natural ou sustentable (mercados verdes e de proximidade, etc.).

Criterios xerais de valoración:

Os criterios que se empregarán para valorar as distintas actuacións serán:

1) Que estas accións sexan ou se encontren incluídas en estratexias ou plans de carácter integral de ámbito municipal (EDUSI, URBAN, Axenda21,...). De non figurar nos plans de acción dalgunha estratexia concreta, polo menos deberase acreditar a súa aliñación cos obxectivos do concello reflectidos pola súa traxectoria recente nesa temática.

2) A coherencia e aliñación dos proxectos e actuacións coas determinacións das directrices de ordenación do territorio, os plans, as estratexias e as iniciativas da Xunta de Galicia nos distintos ámbitos de actuación previstos nesta orde.

3) A coherencia e aliñación das iniciativas cos acordos e compromisos internacionais subscritos por España en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza. Xustificarase a relación coa consecución dos ODS da Axenda 2030 da ONU, dos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana Española e da Axenda Urbana Europea.

4) En relación coa dimensión social, sinálese o impacto sobre a mellora da saúde e da calidade de vida da poboación. Deberase obxectivar o impacto producido de xeito directo ou indirecto.

5) En relación coa dimensión territorial, sinálese o impacto positivo sobre a paisaxe e o ambiente. Atendendo á natureza da acción, ponderaranse, de ser o caso, as iniciativas que inclúan boas prácticas na utilización de materiais e tecnoloxías non contaminantes.

6) Atendendo á dimensión económica: a) Sinale o investimento por habitante, diferenciando a achega do concello; b) Xustifique o carácter innovador e sustentable; c) Xustifique a capacidade de xerar nova actividade económica no concello.

7) O grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción. Avaliaranse aquelas iniciativas que acrediten a súa eficacia a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados. Para aquelas accións aínda non implementadas e, polo tanto, aínda non avaliadas, a xustificación desta epígrafe poderase acreditar mediante outros medios, como a referencia a outras iniciativas da mesma natureza, desenvolvidas en contextos similares e que teñan recoñecida a súa idoneidade para a consecución deses obxectivos comúns.

8) O grao de participación e aceptación das accións por parte da poboación. Avaliarase a participación pública no deseño e na implementación das iniciativas. Deberase achegar unha cuantificación obxectiva desta participación, difusión e comunicación en todo o proceso.

9) Co fin de establecer criterios de proporcionalidade á hora de avaliar as candidaturas de todos os concellos galegos, e dada a heteroxeneidade que presentan en termos socioeconómicos, ponderarase a valoración das iniciativas dos municipios atendendo ao seu encadramento no sistema de asentamentos de Galicia (establecido nas Directrices de ordenación do territorio), ao seu grao de urbanización segundo a última clasificación elaborada polo IGE (a base empregada para esta clasificación dos concellos é a nova clasificación do grao de urbanización de Eurostat) e á súa poboación na data de publicación desta orde (segundo datos do Padrón municipal de habitantes).

Baremo.

As candidaturas dos concellos presentados para a obtención deste distintivo serán avaliadas, en primeiro lugar, e atendendo ao punto 9 dos criterios xerais de valoración, en función do tipo de concello, segundo a caracterización contida tamén neste anexo. Así, distinguiranse tres categorías de concellos e os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde serán diferentes para cada categoría, que serán máis restritivos para aqueles concellos de maior complexidade urbana, con funcións que transcenden o ámbito municipal no sistema de asentamentos e con maiores recursos.

As diferentes accións que os concellos inclúan na súa candidatura deberanse encadrar, polo menos, nun dos ámbitos de actuación definidos e serán valoradas polo xurado segundo o grao de cumprimento dos criterios expostos nos oito primeiros puntos da epígrafe anterior. A valoración para cada punto oscilará entre un mínimo de cero e un máximo de tres puntos:

• Cero puntos implica que a iniciativa non cumpre co criterio que se está a valorar.

• Un punto corresponderá á valoración dunha acción, que aínda que atende parcialmente ao establecido no criterio de valoración correspondente, non o fai, ao criterio do xurado, de xeito satisfactorio.

• Serán valoradas con dous puntos aquelas accións que, ao xuízo do xurado, respondan adecuadamento e de xeito suficiente ao criterio que se vai valorar.

• Tres puntos será a puntuación para as iniciativas destacadas atendendo ao seu axuste ao establecido no criterio de valoración correspondente.

Segundo isto, a puntuación máxima para unha determinada iniciativa nun determinado ámbito de actuación será de 24 puntos (3 puntos por 8 criterios).

– Concellos da categoría 1:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 1 cando se cumpran as seguintes condicións:

• Preséntanse, polo menos, oito iniciativas encadradas nalgún dos catro ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito a que se adscriba a candidatura.

• Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoraciónn ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

• Existen polo menos dúas iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) en cada un dos catro ámbitos que cumpren as puntuacións mínimas establecidas nos puntos anteriores.

• Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de dous ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

– Concellos da categoría 2:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 2 cando se cumpran as seguintes condicións:

• Preséntanse, polo menos, seis iniciativas encadradas nos ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito a que se adscriba a candidatura.

• Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoración, ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

• Todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) que cumpren as puntuacións mínimas establecidas nos puntos anteriores.

• Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de tres ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

– Concellos da categoría 3:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 3 cando se cumpran as seguintes condicións:

• Preséntanse, polo menos, catro iniciativas encadradas nos ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito a que se adscriba a candidatura.

• Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoración, ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

• Todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) que cumpren as puntuacións mínimas establecidas no punto anterior.

• Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de tres ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

• Existe un ámbito de actuación no cal non é posible encadrar unha acción das presentadas, pero a puntuación media acadada polas catro mellores iniciativas avaliadas iguala ou supera o 75 % da máxima posible (18/24 puntos).

Caracterización dos concellos de Galicia:

Establécense, para os efectos da valoración das candidaturas, tres categorías de concellos. Esta caracterización realízase co fin de introducir criterios de equidade á hora de avaliar os méritos dos concellos para acadar o distintivo Bandeira Verde de Galicia.

1. Na primeira categoría, e máis restritiva en canto aos requirimentos para a obtención do distintivo, figuran os concellos do primeiro nivel do sistema de asentamentos das DOT: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

2. Na segunda categoría inclúense os concellos do sistema urbano intermedio das DOT, así como todos aqueles clasificados como ZIP segundo a última clasificación elaborada polo IGE do grao de urbanización: A Estrada, A Guarda, A Pobra do Caramiñal, A Rúa, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Baiona, Barbadás, Betanzos, Boiro, Bueu, Burela, Cabanas, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Cedeira, Cee, Chantada, Corcubión, Culleredo, Fene, Foz, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Melide, Moaña, Monforte de Lemos, Mos, Mugardos, Muros, Narón, Neda, Nigrán, Noia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Porriño, Oleiros, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Sada, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Sarria, Silleda, Soutomaior, Teo, Tui, Valga, Verín, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vilanova de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia. Inclúense tamén nesta categoría os restantes concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, segundo os últimos datos do Padrón municipal de habitantes, non incluídos na primeira categoría: A Laracha, Ordes, Salvaterra de Miño e Tomiño.

3. Na terceira categoría integraríanse o resto dos 313 concellos de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file