Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20395

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 24 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR446A).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes se:

a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior a aquel en que se solicitou a axuda.

c) Non executaron unha operación aprobada para a que solicitaron o pagamento.

Segundo. Obxecto

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a reestruturación e reconversión da viña.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 24 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR446A).

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 3.000.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Tendo en conta o establecido no artigo 7 do Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, o prazo de presentación iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 27 de abril 2023.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural