Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2023 Páx. 18585

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).

BDNS (Identif.): 681030.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

Para a modalidade A (festivais de música) non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas sempre que cumpriran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

Segundo. Finalidade

Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).

Cuarto. Importe

O crédito asignado ao financiamento da subvención será de 575.000,00 €, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003:

– Modalidade A: un total de 360.000,00 € na aplicación 10.A1.432B.470.0.

– Modalidade B: un total de 215.000,00 € distribuídos do seguinte xeito: 60.000,00 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 121.090,91 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 33.909,09 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais