Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17932

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023 pola que se convoca, con motivo da xornada de presentación da Semana do Goberno aberto, a conferencia O dereito cidadán á boa Administración.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, con motivo da xornada de presentación da Semana do Goberno aberto, a conferencia O dereito cidadán á boa Administración, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A Semana do Goberno aberto é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno aberto (Open Gov Week), cuxo obxectivo principal é achegar as administracións públicas á cidadanía, baseándose nos principios do Goberno aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia; así como a profesionais e persoas interesadas en xeral.

Terceira. Desenvolvemento

Lugar: salón de actos da EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade: presencial.

Data: 20 de marzo de 2023.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Horas lectivas: 2.

Cuarta. Número de prazas

Limitado pola capacidade do local.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso»: Conferencia O dereito cidadán á boa Administración.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 10.00 horas do día 20 de marzo de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico
novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme ao disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias e número de prazas nas bases segunda e cuarta, respectivamente, desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas, en reserva e, de ser o caso, excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, ata as 10.00 horas do día 20 de marzo de 2023. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia na actividade:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado da actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública