Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17905

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2023 pola que se amplía o crédito da Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

O 7 de setembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 170) a Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

O artigo 4 da Resolución do 7 de setembro de 2022 citada establece que as subvencións reguladas ao abeiro desta resolución se financiarán con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) do Programa de actuacións, inversións e financiamento da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de trescentos mil euros (300.000,00 €).

O artigo 6 da Resolución do 7 de setembro de 2022 prevé a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

O 16 de febreiro de 2023, o conselleiro de Facenda e Administración Pública (P.D. Orde do 15.12.2021, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos) resolveu autorizar unha modificación orzamentaria da entidade pública empresarial Augas de Galicia por importe de seis millóns seiscentos oito mil seis euros (6.608.006,00 €), dos cales 365.746,04 € foron autorizados para ampliar o crédito dispoñible para a Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

Consonte o exposto, actualmente na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible, polo que se considera oportuno ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente e incrementar o importe total da axuda convocada.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do crédito orzamentario

Ampliar o importe total do crédito das subvencións establecidas na Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

Na seguinte táboa detállase o crédito definitivo

Crédito

Conta financeira

Importe

Inicial

6566 (subvencións de capital a corporacións locais)

300.000,00 €

Ampliación

6566 (subvencións de capital a corporacións locais)

365.746,04 €

Total

665.746,04 €

Esta resolución producirá efectos consonte o previsto no artigo 39.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023

A presidenta de Augas de Galicia
P.D. (Disposición adicional primeira da Resolución do 23.8.2022,
DOG do 7 de setembro)
Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia