Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2023 Páx. 17692

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 20/2023, do 2 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vilanova de Arousa, dun treito da estrada EP-9002 Fefiñáns-Oubiña.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 25.11.2022, o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vilanova de Arousa, do treito antigo final da EP-9002 Fefiñáns-Oubiña.

Esta solicitude deriva do convenio de colaboración asinado por ambas as administracións, o 30.5.2022, para levar a cabo a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9702 As Sinas-Vilanova, entre o p.q. 1+415 e o p.q. 2+225.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que a estrada EP-9002 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial. Polo tanto, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de marzo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vilanova de Arousa, do treito antigo final da estrada EP-9002:

Denominación da estrada

p.q.i

Lonx. (km)

EP-9002 Fefiñáns-Oubiña

4+613

0,086

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Vilanova de Arousa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade