Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 3 de marzo de 2023 Páx. 16279

III. Outras disposicións

Parlamento de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2023 pola que se dispón a publicación da modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo.

A Comisión de Peticións, na súa sesión do 14 de febreiro de 2023, aprobou a modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, conforme o disposto nas normas para a súa tramitación, aprobadas pola Mesa do Parlamento o día 4 de decembro de 1995 e publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia núm. 389, do 12 de xaneiro de 1996.

En cumprimento do disposto nas ditas normas, ordénase a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente

ANEXO

Modificación do Regulamento de organización e
funcionamento do Valedor do Pobo

Artigo único. Modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo

Modifícase o vixente Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobado pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia o 16 de xaneiro de 2018 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), nos termos expostos a seguir.

Un. Modifícase o artigo 24, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 24

1. Existirá un Servizo de Administración e Persoal, que prestará á institución o soporte necesario para o cumprimento dos seus obxectivos.

2. Ao xefe do Servizo de Administración e Persoal, baixo a supervisión do secretario xeral, correspóndenlle as seguintes competencias:

a) Dirixir, organizar e controlar os servizos administrativos.

b) Impulsar os expedientes da Comisión da Transparencia, órgano colexiado adscrito ao Valedor do Pobo.

c) Asegurar que a información pública que corresponda se atope dispoñible e actualizada no portal de transparencia e o adecuado trámite das solicitudes de información pública dirixidas ao Valedor do Pobo, así como informar a cidadanía en materia de transparencia.

d) Calquera outra función que lle asigne o Valedor do Pobo».

Dous. Engádese un artigo 24.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 24.bis

1. Existirá un Servizo Económico e Financeiro, que prestará á institución o soporte necesario para o cumprimento dos seus obxectivos.

2. Ao xefe do Servizo Económico e Financeiro, baixo a supervisión do secretario xeral, correspóndenlle as seguintes competencias:

a) A coordinación coa Intervención do Parlamento de Galicia para os efectos da actividade económico-financeira da institución.

b) A confección do orzamento anual.

c) O impulso dos expedientes de contratación precisos para o adecuado funcionamento da institución.

d) O mantemento da sede do Valedor.

e) Calquera outra función que lle asigne o Valedor do Pobo».

Tres. Modifícase a disposición adicional segunda, que queda redactada da seguinte forma:

«Disposición adicional segunda

As referencias que se conteñen neste regulamento á figura do Valedor do Pobo, ao seu adxunto, ao secretario xeral, ao coordinador xeral, ao interventor do Parlamento de Galicia, aos asesores e aos xefes de servizo deberán entenderse referidas ao valedor ou valedora, ao adxunto ou adxunta, ao secretario xeral ou secretaria xeral, ao coordinador xeral ou coordinadora xeral, ao interventor ou interventora do Parlamento de Galicia, aos asesores ou asesoras, e aos xefes de servizo ou xefas de servizo».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.