Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2023 Páx. 16023

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 22 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos de Bander Residuos, S.L.U., no concello de Silleda, provincia de Pontevedra (expediente 2021-IPPC-M-103).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– Proxecto básico para a modificación da autorización ambiental integrada 2007/0008_NAA/IPPC_217. Xaneiro 2023.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade
e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2021-IPPC-M-103.

Peticionaria: Bander Residuos, S.L.U.

CIF: B94203411.

Domicilio social: polígono industrial Botos, nº 11, 36500 Silleda, Pontevedra.

Localización da instalación: Campomarzo, s/n, Pazos, 36540 Silleda, Pontevedra.

Actividade: xestión de eliminación de residuos non perigosos.

Descrición: o proxecto consiste na modificación do actual vertedoiro de residuos de construción e demolición para adecuar o vaso de vertedura para admitir residuos non perigosos e ampliar a capacidade total de almacenamento do vertedoiro. Previo a adecuar o vaso, procederase a selar e clausurar o actual vaso de vertedura de residuos da construción e demolición. Posteriormente, impermeabilizarase o novo vaso de vertedura para os criterios de admisión de residuos non perigosos. O novo vaso disporá dunha capacidade total de almacenamento de 792.563 m³ (554.799 t), depositando 35.714 m³ (25.000 t) anuais e tendo unha vida útil estimada de 22 anos. A fase de explotación constará de tres fases de vertedura. O vertedoiro disporá dun sistema pasivo de captación e eliminación de biogás mediante pozos de captación. O proxecto recolle as mellores técnicas dispoñibles a implantar, así como o plan de selado e clausura do novo vaso de vertedura de residuos non perigosos.

As augas pluviais recóllense en redes de drenaxe perimetrais e trátanse na balsa de decantación de sólidos previo á sua vertedura ao río Toxa. As augas residuais industriais (lixiviados) recóllense nunha rede de drenaxe e trátanse nunha planta de osmose inversa previo ao seu vertedura ao río Toxa. As augas fecais trátanse nunha fosa séptica previo á súa vertedura no terreo.