Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2023 Páx. 15170

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2023 sobre delegación de competencias na Dirección deste instituto.

O Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos, establece no artigo 10 dos estatutos as funcións da presidencia, entre as cales se atopa a representación institucional do Instituto, sen prexuízo das delegacións que se poidan establecer na Dirección.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é un organismo autónomo encadrado dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O dito organismo está adscrito á consellería competente en materia de consumo.

A actividade administrativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia implica unha concentración de funcións arredor do seu presidente que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegación na Dirección

Delégase na persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a seguinte competencia:

– Representar o Instituto Galego do Consumo e da Competencia perante a Axencia Estatal de Administración Tributaria para os efectos da concesión de autorizacións para a obtención do certificado de representante expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

Artigo 2. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da presidencia poderá reclamar o exercicio da competencia delegada por esta resolución.

3. En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta resolución os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia; no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023

Francisco José Conde López
Presidente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia