Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2023 Páx. 12710

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de febreiro de 2023 pola que se convocan os Premios Deporte Galego do período 2019 a 2022 (código de procedemento DE401A).

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no seu artigo 5.1, letra e), establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte.

Anualmente, a Administración autonómica outorgaba os Premios Deporte Galego, sendo que no exercicio 2019, a través da Resolución do 24 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2018 (código de procedemento DE401A), outorgáronse os relativos ao ano 2018.

Posteriormente, a situación ocasionada pola COVID-19, que afectou ao desenvolvemento das competicións deportivas, así como ás posibilidades de celebración de actos con asistencia dun número elevado de persoas, impediu levar a cabo a convocatoria anual dos Premios Deporte Galego.

Neste momento considérase necesario proceder ao recoñecemento dos Premios Deporte Galego con respecto aos anos pasados en que non foi posible. Conforme esta habilitación normativa e competencial, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes establece con esta orde os Premios Deporte Galego do período 2019 a 2022, que recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é convocar os Premios Deporte Galego do período 2019 a 2022 (código de procedemento DE401A).

Artigo 2. Convocatoria e categorías

Convócanse os Premios Deporte Galego do período 2019 a 2022, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade.

5. Premio deportista revelación.

6. Premio ao mellor equipo feminino.

7. Premio ao mellor equipo masculino.

8. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.

9. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.

10. Premio ao/á mellor adestrador/a.

11. Premio ao/á mellor árbitro/a xuíz/a.

12. Premio ao mellor labor informativo.

13. Premio ao mellor evento deportivo.

14. Premio ao patrocinio deportivo.

15. Premio xogo limpo.

16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

17. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

18. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 3. Presentación de candidaturas

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as entidades deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, empregando o anexo que se xunta a esta orde. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta orde ou do resultado do xurado.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas non momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa propoñente.

b) NIF da entidade propoñente.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Xurado

1. O xurado cualificador estará presidido pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica con competencias en materia de deporte e serán vogais: a persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a persoa titular da presidencia dunha entidade galega vencellada ao mundo do deporte que designará a Secretaría Xeral para o Deporte, as persoas titulares das xefaturas de servizo provinciais de Deportes, a xefatura de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados polo presidencia do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario/a un/unha funcionario/a designado/a pola Secretaría Xeral para o Deporte de entre as persoas que se atopan ao seu servizo, que terá entre outras funcións a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O/a secretario/a do xurado terá voz e voto nas súas reunións.

2. Os acordos do xurado adoptaranse pola maioría simple dos votos dos asistentes. En canto ao réxime de constitución e funcionamento estarase ao disposto para os órganos colexiados das administracións públicas, segundo o disposto no artigo 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Entre outros aspectos, o xurado, para os efectos de outorgar os premios de cada categoría, basearase nos resultados deportivos de cada categoría, ránkings, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego. Valoraranse, no relativo aos resultados deportivos, entre outros posibles, as probas de máis alto nivel de cada modalidade/especialidade deportiva, como os campionatos de España, campionatos de Europa, campionatos do mundo, xogos olímpicos e paralímpicos, así como, de ser o caso, os ránkings oficiais, os elaborados polas federacións deportivas españolas ou polas federacións deportivas internacionais recoñecidas polo Comité Olímpico Internacional ou polo Comité Paralímpico Internacional. Nas outras categorías, a dimensión da promoción do deporte de base, a innovación e alcance do labor informativo, o nivel e a repercusión dos eventos deportivos, as actuacións de apoio e o seu impacto no ámbito deportivo, as accións deportivas e o alcance e impacto das actuacións de fomento da actividade física e hábitos de vida activa.

4. O acordo do xurado polo que se outorguen os diferentes premios será publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

5. A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 9. Entrega dos premios

Os Premios Deporte Galego do período 2019 a 2022 serán outorgados de forma solemne nun acto público en que se fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file