Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11772

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR802Q).

BDNS (Identif.): 673541.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poden participar nos premios á cooperación as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

Segundo. Obxecto e finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Outorgaranse premios nas seguintes categorías:

– Premio aos valores cooperativos, á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor de corenta e dous meses e que destacase nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

– Premio á traxectoria cooperativa, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR802Q).

Cuarto. Contía

O orzamento total ascende a quince mil euros (15.000,00 €).

Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000,00 €) en cada unha das categorías.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes remata o 28 de abril de 2023. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade