Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11179

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT211B).

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, entidades locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades quere establecer con esta orde un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e ao equipamento dos locais das entidades locais, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No eido concreto das entidades locais, a Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura. Co obxecto de facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas, a Consellería aposta por apoiar aquelas entidades menos poboadas de xeito que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

No actual contexto de estabilidade orzamentaria, cómpre consolidar medidas que impulsen e promovan unha xestión eficaz e eficiente e permitan rendibilizar os recursos das administracións, das cales son boa mostra as fórmulas de xestión compartida na prestación dos servizos públicos, de modo que os resultados positivos da posta en común dos recursos permitan continuar prestando uns servizos públicos de calidade sen alterar a estabilidade da situación económica municipal. Así, o Consello da Xunta de Galicia, na reunión do día 28 de febreiro de 2013, adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal. En cumprimento do dito acordo, esta convocatoria pública incorpora criterios para promover a realización de proxectos conxuntos, presentados por agrupacións ou asociacións de concellos, fronte ás solicitudes presentadas individualmente.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de 18 de outubro de 2022 na que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e ao equipamento das instalacións e locais culturais de entidades locais de Galicia destinados a actividades de carácter cultural, conforme o procedemento que a continuación se establece nesta orde.

2. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da convocatoria desta liña de axudas, pretende continuar co labor de mellorar a infraestrutura dos equipamentos culturais co fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas culturais, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo así o servizo público que prestan á cidadanía.

3. Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 3, que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2023 ata a data de fin de xustificación establecida no artigo 22 desta orde.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

5. Os proxectos poderanse realizar mediante xestión individual ou compartida segundo o previsto no artigo 3 da orde, directa ou indirectamente mediante a concertación con terceiros da execución total ou parcial do proxecto subvencionado, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O procedemento de concesión de subvencións regulado nesta orde ten o código CT211B para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios específicos, de uso obrigatorio para os interesados.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

As agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberase nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación, que será o receptor da asignación económica. Esta agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 36 da citada lei.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. As entidades locais, ao abeiro desta orde, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberá reunir os seguintes requisitos específicos:

2.1. Requisitos aplicables a todas as entidades locais:

a) Contar cunha programación anual cultural garante do compromiso coa acción cultural.

b) Ser titular do inmoble en que se pretende realizar as actuacións.

c) Os locais culturais para os cales se solicite a axuda deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano ou prestar un servizo público cultural de carácter continuado, agás no caso de locais cuxo proxecto supoña a súa posta en funcionamento.

d) Ter remitido as contas do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con este requisito todos os concellos integrantes.

e) O órgano competente da entidade deberá adoptar acordo de solicitude de subvención respecto do proxecto que se pretenda executar e no cal se acepten as condicións de financiamento e os requisitos establecidos na orde e demais normativa aplicable, así como o compromiso de cofinanciamento para a execución prevista.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, todos os concellos integrantes da agrupación deberá adoptar o acordo polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou as melloras.

2.2. Requisitos aplicables ás entidades que presenten proxectos de xestión compartida.

Ademais dos requisitos relacionados no número 2.1 deste artigo, as agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais deberán cumprir as seguintes condicións:

2.2.a) A agrupación ou asociación deberá xestionar o servizo de forma conxunta e supoñer un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual; no caso de mancomunidades e consorcios locais, deberase acreditar que as actuacións se prestan de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supoñen actuacións illadas ou independentes.

2.2.b) A agrupación ou asociación deberá ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos integrantes co obxecto de prestar o servizo mediante a xestión compartida, con vixencia durante todo o período respecto do cal se solicita a subvención e ata que transcorra o prazo establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos termos recollidos no artigo 8, número 10.

No caso de mancomunidades ou consorcios locais, deberán achegar xunto coa solicitude unha certificación expedida pola Secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio local e que participan no proxecto para o cal se solicita a subvención.

3. Para poder acceder ás subvencións, deberanse cumprir os requisitos e as condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades locais en que concorran algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de agrupacións ou asociacións de concellos, todos os concellos agrupados ou asociados deberán cumprir os requisitos anteriores, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

6. A acreditación de que as entidades locais non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos puntos anteriores realizarase mediante declaración responsable, a través do anexo I de solicitude.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e á moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o cal se solicita a axuda e, en concreto, a realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

2. Cando un inmoble destinado a actividades culturais acolla, pola súa vez, distintos locais culturais e o equipamento solicitado afecte dous ou máis locais ou o inmoble no seu conxunto, considerarase este último como local obxecto de subvención.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432B.760.0 (código de proxecto 2015 00370) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, e o importe global destinado ascende a cincocentos mil euros (500.000 €).

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

3. A axuda máxima por entidade local beneficiaria que concederá a Consellería será de 30.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e entidades resultantes dunha fusión.

Artigo 5. Compatibilidade con outras axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo do proxecto que vai desenvolver a entidade solicitante. No caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No suposto de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, utilizando o formulario establecido para estes efectos no anexo I a esta orde, o cal terá que se volver a presentar no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas. A comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza do proxecto subvencionado.

2. O gasto considerarase realizado, con carácter xeral, cando se contabilice o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias deberán acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais, contados a partir da data de ingreso na conta bancaria da entidade local beneficiaria do aboamento da subvención.

3. Os ditos gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de fin de xustificación do artigo 22.

4. Non serán gastos subvencionables:

4.1. Os gastos relativos á adquisición ou construción de novos locais.

4.2. Os gastos relativos a material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cunha duración estimada inferior a un ano, ou de carácter reiterativo.

4.3. Os gastos derivados de calquera tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

4.4. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos, non son subvencionables os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade e calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato.

4.5. Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos será resolta pola Dirección Xeral de Cultura por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. Cada entidade local poderá presentar unha única solicitude, ben sexa individual ou a través da xestión compartida, a cal se debe corresponder co proxecto de equipamento dun único local.

Para estes efectos, e de acordo co establecido no artigo 2 desta orde, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as achegadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos (mancomunidades e consorcios locais).

No caso de xestión compartida mediante agrupación de concellos, a solicitude presentada pola agrupación corresponderase cun único local por cada un dos concellos agrupados.

Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento desta medida dará lugar á inadmisión da solicitude individual e considerarase efectiva a solicitude de xestión compartida.

Cando o órgano tramitador observe que unha entidade local participa en máis dunha solicitude a nivel individual ou en máis dunha solicitude a nivel de xestión compartida, poñerao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo; de non o facer, non se admitirá ningunha das solicitudes presentadas.

2. As solicitudes formuladas por agrupacións de concellos serán obxecto de inadmisión cando non se acredite na solicitude a realización conxunta da actuación para a cal se solicita a subvención. No caso de mancomunidades e consorcios locais, a prestación deberase xestionar de forma mancomunada ou consorciada. En ningún caso poderá consistir en actuacións independentes dos concellos que as integran.

3. As entidades locais relacionadas no artigo 2 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

4. A presentación realizarase da forma seguinte:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I) (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude estará subscrita polo órgano competente do concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación, e as declaracións contidas na solicitude, no caso de agrupación de concellos, realizaranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento, de ser requirido polo órgano tramitador.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a da entidade local solicitante, na cal se faga constar:

a.1. O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou as melloras que se pretenden executar e se aceptan as condicións e os requisitos establecidos na orde, así como o compromiso de financiar o importe do proxecto que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

a.2. Remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario 2021. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas solicitudes en que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

No caso de agrupacións ou asociacións de concellos, certificación emitida polo secretario ou secretaria do concello representante, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos secretarios e/ou secretarias dos concellos integrantes da agrupación:

a.3. Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para os equipamentos e/ou as melloras que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde, así como o compromiso de financiar o importe do proxecto que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

a.4. O nomeamento da persoa titular da Alcaldía como representante con poder suficiente para cumprir con todas as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

a.5. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data da sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.

Os acordos relacionados deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión das solicitudes.

No caso de mancomunidades ou consorcios locais, deberán achegar xunto coa solicitude unha certificación expedida pola Secretaría onde se determinen os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e que participan no proxecto para o cal se solicita a subvención.

b. Anexo II (memoria resumo do proxecto de investimento) cuberto.

c. Memoria xustificativa do proxecto en que detalle a necesidade das obras ou equipamentos que se pretenden realizar, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local. A memoria deberá conter unha descrición do investimento ou equipamento e unha reportaxe fotográfica do inmoble ou local obxecto de mellora, con imaxes que recollan o estado exterior e/ou interior da infraestrutura para a cal se solicita a subvención. A memoria deberá ter unha extensión mínima de tres páxinas a dobre cara co seguinte formato: Arial, tamaño 12, interliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

d. Nas solicitudes de subvención para obras, deberase achegar proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo: memoria explicativa, orzamento detallado e planos a escala suficiente.

O proxecto ou anteproxecto das actuacións que se van realizar deberá ser asinado polo profesional técnico competente. O orzamento da obra proxectada deberá ter a información suficiente que permita definir e valorar as obras propostas.

e. No caso de solicitudes de subvención para equipamentos, deberase achegar memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, que deberá incluír a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado e indicar as características técnicas e memoria de calidades, de xeito que permitan definir e valorar os equipamentos propostos.

f. No caso de agrupación ou asociación de concellos, memoria de aforro de custos estimado respecto á realización dos proxectos de forma individualizada.

g. Declaración responsable, asinada electronicamente polo representante da entidade, na cal faga constar que conta cunha programación cultural anual.

Para agrupación ou asociación de concellos, a declaración responsable deberase achegar para cada un dos concellos integrantes da agrupación ou asociación.

h. Relación detallada e pormenorizada das actividades culturais levadas a cabo no local para o cal solicita a subvención, nos anos 2021 e 2022, nos termos do artigo 14.D. Esta memoria non se debe presentar no caso de que se trate da posta en funcionamento do local.

i. Acreditación, mediante certificado do órgano competente asinado electronicamente, da titularidade do local onde se vai realizar o investimento.

j. Convenio de colaboración ou instrumento xurídico que regule a agrupación ou asociación, co seguinte contido mínimo:

– Concellos que subscriben o convenio e a capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

– Obxecto, obxectivos e actuacións que se acorde desenvolver para o cumprimento do proxecto que se vai subvencionar.

– Designación do alcalde ou alcaldesa como representante único, que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Cultura e que recibirá e xustificará a subvención.

– Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación de concellos, que incluirán unha referencia expresa ás porcentaxes e/ou importes do financiamento que achegará cada un dos concellos participantes.

– O compromiso de non disolver a agrupación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k. No caso de agrupación de concellos, anexo IV relativo á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

Sen prexuízo de todo o anterior, a entidade solicitante poderá achegar calquera outra documentación que entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude; así mesmo, a unidade tramitadora das subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que xulgue pertinente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, de dispoñer del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, consultaranse os documentos sinalados de cada un dos concellos integrantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, as persoas interesadas declararán ter sido informadas da incorporación dos seus datos persoais ao expediente de tramitación, e, no caso de opoñerse a esta consulta, deberán indicalo no correspondente formulario habilitado (anexo IV) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda de solicitudes

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderaselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere oportuna para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Logo de revisar a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, o órgano instrutor procederá a remitir á Comisión de Valoración os expedientes presentados para a súa valoración conforme o principio de concorrencia que rexe as bases reguladoras.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración axustarase aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

b) Secretaría: exercerá a secretaría da Comisión un/unha dos/das vogais da Comisión.

c) Vogais: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Promoción da Cultura, a persoa titular da Xefatura do Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Cultura e dúas persoas funcionarias nomeadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

2. A Comisión de Valoración poderalles requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. A Comisión realizará a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios establecidos no artigo 14 e de repartición económica, a cal se realizará proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 4.3 da orde.

Logo de que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de valoración e repartición económica, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Cultura elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen resolverá.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 100 puntos, conforme os seguintes criterios:

A) As solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou fusión) poderán obter unha puntuación de 30 puntos (dun total de 100), baixo as dúas seguintes modalidades:

A.1. Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal), tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Pola simple presentación da solicitude conxunta nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: 10 puntos.

b) Polo número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto segundo a cifra de poboación total dos concellos participantes: 10 puntos, en total desagregados do seguinte xeito:

– Número de concellos asociados: 4 puntos.

– Número de servizos que se van prestar de forma compartida: 3 puntos.

– Repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total dos concellos participantes: 3 puntos.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 10 puntos.

A.2. Fusión municipal: outorgaranse 30 puntos pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias.

B) Realización de investimentos destinados a fomentar a posta en funcionamento de locais para usos culturais: 7 puntos.

Esta puntuación outorgarase no caso de locais ou instalacións que non acollesen actividades de carácter cultural, como mínimo, nos dous anos anteriores á data de publicación desta convocatoria, por acoller actividades de ámbito distinto ou por tratarse de locais en desuso, e que precisen do equipamento necesario para poder poñer en funcionamento o servizo público de carácter cultural que se pretende.

A obtención de puntuación nesta epígrafe é incompatible coa puntuación relativa á epígrafe D).

C) En función da finalidade do investimento.

Soamente será obxecto de puntuación aquel investimento, dos relacionados a continuación, que supoña máis do 50 % do orzamento total do proxecto obxecto de subvención. Se ningún dos investimentos acada a dita porcentaxe, a puntuación nesta epígrafe será 0.

C.1. Realización de investimentos relacionados coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: 7 puntos.

C.2. Realización de investimentos para dotar de medidas de seguridade, prevención e extinción de incendios: 7 puntos.

C.3. Realización de investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais: 7 puntos.

A obtención de puntuación nesta epígrafe está suxeita aos seguintes requisitos:

– A biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– O cumprimento dun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público da biblioteca ou axencia de lectura.

– Ter cuberto a estatística de bibliotecas do ano 2020 e tela remitido á Dirección Xeral de Cultura.

– Ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

C.4. Realización de investimentos en arquivos municipais: 7 puntos.

A puntuación nesta epígrafe outorgarase para aqueles equipamentos que afecten os arquivos municipais e contribúan á prestación á cidadanía das funcións que lles corresponden como servizo público de carácter cultural, como son o acceso aos documentos e á información, mediante a consulta, a reprodución directa ou a través dos instrumentos de referencia correspondentes, o desenvolvemento de accións de divulgación e de formación dos fondos documentais que custodien, así como a protección e difusión do patrimonio documental de Galicia.

C.5 Realización de investimentos relacionados con novas tecnoloxías: 5 puntos.

Estarán comprendidos nesta epígrafe o equipamento informático, conexións de acceso á internet, sistemas de retransmisión en directo, dispositivos dixitais portátiles e similares.

C.6. Realización de investimentos relacionados coas actividades de fomento da lingua e da lectura: 3 puntos.

Recibirán puntuación por este tipo de investimento, entre outros, os equipamentos destinados a bibliotecas e/ou axencias de lectura municipais que non cumpran algún dos requisitos recollidos na epígrafe C.3.

C.7. Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas: 3 puntos.

Os equipamentos comprendidos nesta epígrafe están relacionados co escenario como espazo físico e inclúen maquinaria escénica superior e inferior, equipamento modular, paneis, téxtiles escénicos, estrados e similares. Os equipamentos de iluminación e son que se utilicen no contexto dun espazo escénico puntuaranse conforme a epígrafe C.8.

C.8. Realización de investimentos relacionados coa iluminación e son: 2 puntos.

O equipamento de son poderá estar conformado por procesadores de son, microfonía, altofalantes, sistemas de monitorización de son e similares.

O equipamento de iluminación inclúe tanto os equipamentos convencionais como robotizados de control de iluminación e similares.

C.9. Realización de investimentos relacionados co equipamento audiovisual ou equipamento xeral: 1 punto.

O equipamento audiovisual comprende equipos de imaxe, equipos de tradución simultánea, accesorios e infraestrutura audiovisual e similares.

O equipamento xeral comprende, por un lado, actuacións de reforma, ampliación e mellora de inmobles, e, por outro, aquelas actuacións que permitan dotar os locais de mobiliario ou calquera outro investimento subvencionable que teña unha finalidade distinta á das restantes epígrafes.

D) Número de actividades de carácter cultural realizadas no local para o cal se solicita a subvención, nos anos 2021 e 2022:

– De 1 a 5 actividades: 1 punto.

– De 6 a 10 actividades: 2 puntos.

– De 11 a 30 actividades: 3 puntos.

– De 31 a 50 actividades: 4 puntos.

– De 51 a 70 actividades: 5 puntos.

– De 71 actividades en diante: 6 puntos.

Para estes efectos, considéranse actividades de carácter cultural aquelas actividades dirixidas inequivocamente á promoción e difusión da cultura.

As actividades culturais deben prestar un servizo público cultural para a cidadanía, e destaca, entre outras, actividades de promoción do libro e a lectura, o audiovisual, as artes escénicas, as artes musicais, as artes plásticas e visuais ou a divulgación do patrimonio cultural.

Non se considerarán actividades de interese cultural actividades de contido social, científico-técnico, ambiental, deportivo-recreativo, sanitario, tecnolóxico, turístico, comercial, lúdico ou festivo, gastronómico ou calquera outro que non sexa principalmente a dinamización da cultura nas súas diversas manifestacións e, en todo caso, aquelas que mesmo tendo un contido cultural, este non constitúa a finalidade principal da actividade.

Cando a actividade de carácter cultural teña un carácter concreto ou individualizado no tempo, para o seu cómputo haberá que achegar a data concreta de realización e incluír outros datos identificadores, como título da actividade e, de ser o caso, autor, grupo ou compañía que a representa.

Cando a actividade cultural teña unha duración continuada no tempo, como cursos formativos de dinamización cultural, seminarios, obradoiros, ciclos, certames, mostras, festivais de música, entre outros, computarase como unha única actividade con independencia da súa duración. No caso de que as ditas actividades conteñan un programa de actuacións concretas e individualizadas, para que o cómputo se realice para cada actuación haberá que achegar a data concreta de realización, o título da actividade e, de ser o caso, autor, grupo ou compañía que a representa.

Non se computarán actividades con idéntico contido ou programación aínda que teñan lugar en datas diferentes dentro do mesmo ano.

E) Distribución poboacional:

– Ata 2.000 habitantes: 10 puntos.

– De 2.001 a 5.000 habitantes: 8 puntos.

– De 5.001 a 10.000 habitantes: 6 puntos.

– De 10.001 a 25.000 habitantes: 4 puntos.

– A partir de 25.001 habitantes: 2 puntos.

F) Nivel de autofinanciamento comprometido para a execución do proxecto:

– Do 11 % ata o 30 %: 2 puntos.

– Do 31 % ata o 50 %: 5 puntos.

– A partir do 51 %: 10 puntos.

As solicitudes que non obteñan un mínimo de 23 puntos non terán dereito á subvención.

Se, por aplicación dos criterios de valoración, dúas ou máis solicitudes obteñen a mesma puntuación e non é posible por razóns orzamentarias adxudicar a axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude presentada pola entidade de menor poboación; en segundo lugar, pola porcentaxe de autofinanciamento que sexa superior e, de persistir o empate, resolverase tendo en conta a data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola Comisión de Valoración, pola cal se repartirá o importe do crédito dispoñible proporcionalmente aos importes das axudas solicitadas e da puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.cultura.gal

2. As solicitudes admitidas que non acaden unha puntuación igual ou superior a 23 puntos non terán dereito á subvención.

3. A proposta de resolución provisional incluirá a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a non admisión das restantes solicitudes. Para os proxectos admitidos, indicaranse aqueles que superaron a puntuación mínima exixida e aos cales se lles denegou a subvención por non acadaren a dita puntuación.

4. No suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción, ou proceda o reintegro conforme o previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderanse asignar por orde decrecente de puntuacións aos proxectos admitidos que acadasen a puntuación mínima requirida e que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase do mesmo modo cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

5. As entidades locais disporán de dez (10) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formularen as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta, ante a Dirección Xeral de Cultura, no lugar e na forma indicados no artigo 7 desta orde.

En todo caso, as entidades locais que presenten alegacións enviarán un correo electrónico ao Servizo de Promoción da Cultura no seguinte enderezo: axudas.cultura@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo.

6. Logo de examinar as alegacións aducidas polas entidades interesadas, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar as entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención, o proxecto subvencionado e o importe da subvención proposta. Os proxectos propostos ordenaranse por rigorosa orde de incoación dos expedientes.

7. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún en favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 16. Resolución

1. O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo da elevación da proposta de resolución definitiva pola Dirección Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión, debidamente motivada, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na resolución constarán a identificación das entidades beneficiarias, o proxecto subvencionado e o importe subvencionado. Os proxectos subvencionados ordenaranse por rigorosa orde de incoación dos expedientes.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias, derivadas da aceptación da subvención.

2. A resolución e concesión notificaráselles aos interesados consonte o artigo 17 da orde e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, daráselle publicidade na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.cultura.gal

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efecuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións das características dos proxectos subvencionados atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular ao establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais de Galicia.

3. Unha vez ditada a resolución de concesión, o/a beneficiario/a poderá solicitar a modificación das características do proxecto subvencionado, cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización do proxecto.

4. A modificación poderase autorizar sempre que non supoña un cambio substancial no proxecto inicial e, en todo caso, deberase respectar o local cultural para o cal se pretende realizar o equipamento, e que a dita modificación non ocasione danos a terceiros nin dea lugar a actuacións deficientes e incompletas.

5. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

6. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar:

a) Memoria xustificativa, na cal, ademais, se faga constar que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non supoñerá unha actuación deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución da concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

7. A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión das axudas.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Logo de notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) hábiles para a súa aceptación, e o compromiso de que se van executar a acción subvencionada nas condicións establecidas nesta convocatoria. No caso de non comunicaren a dita cuestión no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, salvo causas de forza maior aceptadas pola Comisión de Valoración e, de non o faceren incorrerán nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, conforme o establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para as subvencións concedidas a agrupacións ou asociacións de concellos, o escrito de renuncia deberá estar subscrito pola persoa representante de cada un dos concellos.

A presentación da renuncia despois do dito prazo de dez días desde a notificación da resolución definitiva, excepto supostos de forza maior, será causa de inadmisión da solicitude de subvención na convocatoria da anualidade seguinte para o mesmo proxecto, se a houber.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención e a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar de acordo coas prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións recollidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Os concellos contratantes serán os responsables directos das consecuencias que poidan derivar os incumprimentos.

5. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos supostos recollidos no artigo 24 desta orde.

6. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de axudas, subvencións, ingresos ou recursos que financien os proxectos subvencionados. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme se establece no artigo 26.2 da orde de convocatoria.

10. De conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá dar cumprimento á obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento do proxecto.

As entidades beneficiarias farán constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que se recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, aplicando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, a través da colocación dun cartel informativo nun lugar destacado e visible para o público no cal deberá constar o anagrama da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades locais poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán as entidades contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos. En todo caso, deberanse ater ao establecido no artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberán achegar a resolución da adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta economicamente máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta economicamente máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 22. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2023. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos da xustificación das subvencións.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Malia o disposto no parágrafo anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non se xustificar a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non se acadar ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A xustificación realizarase mediante a modalidade de conta xustificativa, a través da presentación por parte da entidade beneficiaria ou, no caso de subvencións concedidas a asociacións ou agrupacións de concellos, polo concello representante, da seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento da subvención (anexo III), debidamente cuberta e asinada pola persoa que ten a representación da entidade.

b) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen o proxecto subvencionado, procedentes das distintas administracións públicas competentes ou doutros entres públicos, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña a partir da data desta declaración.

c) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

c.1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola Secretaría da entidade local beneficiaria ou da entidade local representante, no caso de agrupación ou asociación de concellos, na cal se fagan constar:

– O acordo da aprobación polo órgano competente da entidade beneficiaria dos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ao proxecto subvencionado, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Que, segundo informe da Intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

c.2. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.

c.3. Tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 21.2 desta orde e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.

d) Resolución de adxudicación da obra ou equipamento realizado, onde quede acreditado, de ser o caso, que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta economicamente máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na cal se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

e) Memoria detallada sobre a actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, na cal se indicarán, como mínimo, as actuacións realizadas, os resultados obtidos, a porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo a entidade, reportaxe fotográfica do lugar onde se efectuaron as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización; así mesmo, deberanse achegar fotografías do cartel, nun tamaño mínimo A3, que publicite o cofinanciamento do proxecto, e facer constar nel o título da actuación, a referencia á orde de axudas, o importe do investimento e a contía da subvención obtida, de acordo co establecido no artigo 20.10 desta orde.

Ademais da documentación anterior, no caso de proxectos de xestión compartida a través de asociacións ou agrupación de concellos, na memoria deberase explicar o aforro real de custos acadado en comparación cos gastos derivados da xestión individual das actuacións.

3. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 23. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, a Dirección Xeral de Cultura realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. Non se poderá realizar o pagamento das axudas mentres o beneficiario non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para estes efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, considerarase gasto realizado cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais, contados a partir da data do ingreso na conta bancaria da entidade local beneficiaria do aboamento da subvención concedida.

4. O xustificante da transferencia bancaria estará debidamente identificado e selado pola entidade bancaria, salvo que o pagamento se realice mediante banca electrónica. Neste caso, o xustificante da transferencia bancaria deberao presentar asinado electronicamente a persoa representante da entidade local beneficiaria das subvencións.

Artigo 24. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas, xunto cos xuros de demora correspondentes, conforme o procedemento establecido no título II da Lei de subvencións de Galicia, e normativa que a desenvolve, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 50 % do orzamento das actuacións subvencionables.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade do pagamento da subvención nos termos establecidos no artigo 23.3 desta orde.

En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de solicitar e obter un mínimo de tres ofertas, nos supostos en que sexa exixible no artigo 21.2 desta orde, ou non achegalas xunto coa xustificación da subvención.

d) De conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións nos termos establecidos nos artigos 20.10 e 22.2.e).

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita lei ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Nas solicitudes de agrupacións ou asociacións de concellos, responderán de forma solidaria todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

3. Ás entidades beneficiarias destas subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 25. Recursos

Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

E suplementariamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificacións das subvencións concedidas na Administración do Estado.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file