Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11452

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento IN501A).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia do medio rural, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde XERA preténdese incentivar o avance da formación e cualificación do persoal empregado no sector forestal, favorecendo a capacitación profesional, e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector, así como a información/formación sobre a xestión sustentable dos recursos.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o correspondente exercicio.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, está consignado crédito por importe de 500.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.A4.741A.481.0, código de proxecto 2018 00005, para atender ás axudas da presente resolución.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia Galega da Industria Forestal, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de Formación e coa Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2023, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

c) Colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

d) Centros universitarios.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día dos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.

b) Non estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día das súas obrigas tributariss e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.

3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.

3.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou singular). En caso de presentar máis dunha solicitude individual, terase en conta a presentada en último lugar e procederase á inadmisión das restantes presentadas.

3.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.

Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, as entidades solicitantes deben compartir polo menos o 80 % das actividades propostas, e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que será o interlocutor único ante a Administración.

Artigo 3. Actuacións obxecto de apoio

Ao abeiro destas bases reguladoras, recóllense dúas categorías de apoio:

1. Proxectos tractores cuxo investimento total subvencionable, tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, terá un mínimo de 15.000 euros e un máximo de 90.000 euros.

2. Proxectos singulares cuxo investimento total subvencionable, tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, terá un máximo de 14.999 euros.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, tanto no caso de proxectos tractores como singulares, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos recollerán:

a) Organización de actividades formativas non regradas, tales como másters, cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

a.1) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do deseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira.

6º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

a.2) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe profesional neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación da mesma á aparición de novos riscos.

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

b) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. A protagonista indubidable das actividades de divulgación será a industria forestal-madeira, e a súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencelladas ao monte.

En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e a economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais, etc.

2º. Novos usos da madeira na construción.

3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.

4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira.

5º. Nova demanda de produtos madeireiros ou baseados en madeira.

6º. O papel da muller na industria forestal-madeira: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.

7º. Calquera das temáticas recollidas nos puntos a.1) e a.2) do presente artigo 4.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Normas xerais:

a) Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de xustificación establecida no artigo 25 destas bases reguladoras. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior á data de xustificación por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables.

c) Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente e estean directamente relacionados coa actividade subvencionada. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

d) As actividades realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Para aquelas gastos non asumidos cos medios propios do beneficiario e o importe do dito gasto subvencionable supere os 15.000 euros, IVE excluído, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores asinadas dixitalmente, con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado número suficiente de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos conceptos obxecto de subvención e indicar indubidablemente a actividade á cal se corresponden.

2. Normas específicas para diferentes tipos de gasto.

a) No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, das cales 5 persoas teñen que ser traballadores/as en activo, xustificada na forma establecida nesta resolución e sempre que polo menos o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

A asistencia mínima de 5 profesionais en activo poderá deseñarse en dúas modalidades:

1º. O alumnado poderá formarse simultaneamente no lugar previsto pola organización (físico ou dixital); ou ben

2º. Poderase ofrecer formación in situ nas propias empresas, sempre e cando participen un mínimo de 3 empresas, e de cada unha de elas se acredite a asistencia de, polo menos, 2 persoas.

b) No caso de actividades divulgativas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais, serán subvencionables os gastos correspondentes coa condición de que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas.

c) En ambos os casos, a) e b), así como no resto de actividades de divulgación, serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade. Exclusivamente se considerarán custos directos os seguintes:

1º. Recursos humanos:

i) Gastos de persoal en materia de dirección/coordinación e xestión/administración: o gasto subvencionable calcularase atendendo á duración efectiva da actividade formativa ou de divulgación, e como máximo suporá o 25 % do importe total subvencionable.

ii) Custos de contratación de relatores. En calquera caso, o importe máximo obxecto de axuda será de 100 €/hora de persoa formadora excluídos os gastos por desprazamento, aloxamento e mantemento.

2º. Os gastos por aloxamento e mantemento non superarán os límites seguintes:

Aloxamento

Mantemento

½ día

Día completo

Persoal propio

-

14,11 €

-

Relatores externos

48,95 euros/día

14,11 €

28,21 €

3º. Os gastos de desprazamento ao lugar onde se realiza a actividade cando este non sexa o centro de traballo do persoal relator: a contía subvencionable limítase a 0,19 euros por km.

4º. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de relatorios ou publicacións.

5º. Os gastos de alugamento de edificios, locais, medios audiovisuais e demais materiais que se precisen para levar a cabo a realización das actividades.

6º. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables.

7º. Gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil ou accidentes, cando as especiais características da actividade así o requiran.

8º. Gastos de materiais naqueles casos en que resulte imprescindible para a realización da actividade. Estes materiais deben estar claramente descritos e xustificados no anexo IV, epígrafe de «medios necesarios». Ao remate da formación, a entidade solicitante porá os ditos materiais e/ou os prototipos resultantes á disposición da Axencia Galega da Industria Forestal que decidirá o seu destino.

d) Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por cada acción formativa non regrada e/ou divulgativa, e xustificaranse os criterios de imputación a esta. Tanto no orzamento como na factura deben estar indubidablemente especificados os conceptos de gasto, o tipo impositivo ou exención, e os réximes especiais, de ser o caso.

e) Non serán subvencionables os custos indirectos, tales como auga, luz, electricidade, etc.

f) Non serán subvencionables o desenvolvemento nin o mantemento de páxinas web nin de redes sociais.

g) Non será subvencionable a adquisición de maquinaria.

h) Non serán subvencionables os gastos realizados en concepto de arrendamento financeiro (leasing), renting ou sistemas similares.

i) Non serán subvencionables os gastos correspondentes á manutención das persoas asistentes ás actividades, tales como servizos de comida e pausa-café.

j) Non serán subvencionables nin a publicidade corporativa nin aquelas accións dirixidas a captar máis persoas afiliadas.

3. En todo caso, tanto nas actividades de formación como nas de divulgación, os custos referidos no punto 2 «normas específicas para diferentes tipos de gasto» deberán axustarse aos prezos do mercado.

4. No caso de que se obteñan ingresos pola realización das actividades, o gasto subvencionable calcularase minorando o custo real da actividade polos ingresos efectivamente percibidos por ela.

5. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 9 sobre compatibilidade e concorrencia con outras axudas.

Artigo 6. Criterios de valoración

1. Para a concesión das axudas realizarase unha avaliación e ordenación en orde decrecente de todos os proxectos incluídos nas solicitudes presentadas, asignándolles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios de baremación:

a) 20 puntos pola presentación conxunta de solicitudes. Enténdese por presentación conxunta aquela en que 2 ou máis entidades comparten a organización do 80 % das actividades dun proxecto. O mero feito de presentar un único formulario, con actividades diferenciadas para cada entidade, non se considera presentación conxunta.

b) 20 puntos a proxectos que utilicen o lema «O futuro é de madeira» e o hashtag «#Galiciaémadeira» para promover as actividades realizadas ao abeiro da presente convocatoria, co obxecto de maximizar o impacto das iniciativas e da comunicación.

c) 20 puntos a proxectos en que participen como docentes: profesorado de universidades, expertos ou expertas de centros de innovación, ou profesionais de recoñecida traxectoria.

Enténdese por participación de profesorado universitario aquel que, na actualidade, imparta na universidade a mesma materia obxecto da actividade, ou a impartise anteriormente por un período superior a 3 anos.

No caso dos centros de innovación, enténdese por expertos ou expertas aqueles que, na actualidade, traballen ou investiguen sobre a mesma materia obxecto da actividade, ou que conten con experiencia anterior por un período superior a 3 anos.

Enténdese por profesionais recoñecidos aqueles cunha traxectoria superior a 3 anos na industria forestal-madeira, en postos directamente vinculados á mesma materia obxecto da actividade.

d) 5 puntos a proxectos en que participe polo menos unha muller como docente ou nun rol principal (entrevistada, protagonista dun vídeo...) diferente ao de presentadora da actividade. Queda excluído o persoal propio.

e) 5 puntos a proxectos en concordancia coa Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira e en concordancia coa Estratexia de Formación da Industria Forestal-Madeira e descrita no artigo 4.

f) 20 puntos a proxectos dirixidos ao impulso na construción en madeira.

g) 20 puntos a proxectos cunha actividade de formación que conte cun mínimo de 15 asistentes, dos cales 10 sexan profesionais en activo ou estudantes de universidade ou de formación profesional.

h) 5 puntos a proxectos cunha actividade de divulgación dirixida exclusivamente a menores de 16 anos.

i) 10 puntos a proxectos que empreguen a lingua galega nas actividades e/ou nos materiais utilizados nas actividades propostas, tales como trípticos, material didáctico, etc.

j) 5 puntos a proxectos cunha actividade en que se traduzan a outro idioma (diferente do galego ou o castelán) os materiais divulgativos desenvolvidos, como vídeos, folletos ou publicacións.

k) 5 puntos a proxectos que conten con varias edicións nunha mesma actividade.

A puntuación total para cada proxecto será a suma das puntuacións obtidas nas letras a), b), c), d) e), f), g), h), i), j), k).

2. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada para as actividades para as que se solicita a subvención, e ordenada e valorada de acordo con ela.

3. O órgano competente para resolver asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes correspondentes ás actividades que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate, resolverase segundo os seguintes criterios:

Primeiro. Proxectos presentados conxuntamente con outras entidades.

Segundo. Proxectos que teñan máis puntos no criterio correspondente á letra c) relativo á excelencia do profesorado.

Terceiro. Solicitudes de axuda de maior a menor importe.

Artigo 7. Organización e requisitos das actividades

1. As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal-madeira (incluídos persoas prescritoras e instaladoras en madeira), e polo tanto o cumprimento do alumnado mínimo establecido no artigo 5.2.a) debe ter ese perfil sen prexuízo de que a maiores asistan persoas que non sexan profesionais en activo.

2. Control da asistencia:

a.1) Actividades formativas non regradas organizadas en formato presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade conforme o anexo VIII, sen prexuízo do disposto no artigo 26.1.f) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.

a.2) Actividades formativas non regradas organizadas en formato en liña ou híbrido, que utilicen outras plataformas de videoconferencia: o alumnado non terá que asinar o control de asistencia, aínda que o devandito documento o redactará e asinará igualmente a persoa representante da entidade solicitante conforme o anexo VIII. Ademais, será obrigatorio achegar capturas de pantalla en que se identifiquen claramente as persoas participantes.

b) Para as actividades divulgativas, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas a colexios, universidades ou outros centros, ou, en xeral, calquera acción de divulgación sobre a industria forestal-madeira, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante, acompañada, de ser o caso, dos datos de inscrición na actividade.

c) En ambos os casos, será imprescindible atender os requirimentos do artigo 26.1.g) relativos aos informes fotográficos acreditativos do cumprimento das medidas de publicidade e difusión.

Artigo 8. Financiamento

1. Esta resolución tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

De acordo co artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 polo que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, poderase chegar, como máximo, ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto.

2. As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo á aplicación orzamentaria 14.A4.741A.481.0 no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria do exercicio contable 2023 é de 500.000 euros.

Categoría

Código de proxecto

Aplicación orzamentaria

Orzamento

Proxectos tractores

2018 00005

14.A4.741A.481.0

425.000 €

Proxectos singulares

2018 00005

14.A4.741A.481.0

  75.000 €

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a evolución da concesión de axudas á vista das solicitudes recibidas, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 9. Intensidade e compatibilidade das axudas

1. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, ata un máximo de 90.000 euros por solicitude e 120.000 € por persoa beneficiaria.

2. As subvencións reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

3. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución non poderán ser tal que, illadamente ou en concorrencia con outros ingresos obtidos para a mesma finalidade, coas axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, no que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

4. O importe máximo das axudas deberá respectar os límites que se establecen nesta resolución.

Artigo 10. Solicitude e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Axencia Galega da Industria Forestal axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11 desta resolución. As solicitudes presentaranse co contido mínimo exixido no citado artigo para os efectos de considerarse solicitude completa.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da entidade solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que a entidade solicitante está legalmente constituída e rexistrada nos rexistros competentes e estar ao día das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser de aplicación.

j) Declaración responsable de que a entidade solicitante ten domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución e realizará as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

k) Declaración responsable de que, no caso de actividades en que participen como docentes profesorado de universidades, expertos ou expertas de centros de innovación, ou profesionais de recoñecida traxectoria cumprirase coa experiencia e antigüidade do docente na materia para impartir establecido na presente convocatoria.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán presentar obrigatoriamente coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

b) Anexo II (pluralidade de solicitantes) para presentar por cada solicitante a maiores do que figura no anexo I, só no caso de solicitudes conxuntas. O devandito anexo II integra, ademais, a autorización á entidade sinalada como representante para a presentación da solicitude en nome do resto.

c) Documento en que se acorde a colaboración entre as entidades solicitantes, a designación da que as representa, as tarefas e os compromisos económicos e/ou materiais asumidos por cada unha delas para a execución das actividades, e o importe da subvención solicitado por cada unha, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades.

d) Proxecto en que se recollan as actividades formativas non regradas e de divulgación, que será asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade ou da agrupación de entidades. Para cada acción ou actividade incluída no índice do proxecto deberá entregarse a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria necesaria, e seguindo a estrutura que se indica a continuación:

1º. Memoria explicativa do proxecto segundo o anexo III (unha soa memoria por solicitude).

2º. Actividades que se van desenvolver e orzamentos detallados cos gastos e ingresos conforme o anexo IV (cubrir un anexo por cada actividade).

e) Cando os gastos sexan externalizados e non sexan asumidos cos medios propios, os orzamentos, facturas ou facturas pro forma individualizadas presentadas para cada gasto deberán estar asinadas electronicamente e cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a realización das actividades incluídas na oferta.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

– Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse no momento da solicitude, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

No caso de entidades beneficiarias que teñan a condición de poder adxudicador suxeito á normativa de contratación pública, deberán respectar a Lei 9/2017, de contratos do sector público, nos termos que procedan.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistema electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos establecidos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A documentación poderase achegar en formato «.pdf» sendo obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada a continuación, e nomeando cada arquivo segundo a seguinte nomenclatura:

a) No caso da documentación referida á epígrafe 1.a) deste artigo:

0_representación_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

b) No caso do anexo I:

1_solicitude_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

c) No caso do anexo II:

2_pluralidade_acronimodaentidade1.pdf.

2_pluralidade_acronimodaentidade2.pdf, e sucesivos.

2_representación_acronimodaentidade1.pdf.

d) No caso do acordo referido na epígrafe 1.c) deste artigo:

2_acordo_acronimodaentidadesolicitante_acronimodaentidade1_acronimodaentidade2_acronimodaentidade3.pdf.

e) No caso do anexo III:

3_memoria_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

f) No caso do anexo IV, presentarase un arquivo por cada actividade, segundo a seguinte nomenclatura:

4_actividade1_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade2_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade3_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

g) No caso dos orzamentos referidos na epígrafe 1.e), indicarase o número da actividade e o tipo de gasto:

4_actividade1_orzamento1_gastoA_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade1_orzamento1_gastoB_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

4_actividade1_orzamento2_gasto_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificación de estar ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día das obrigas coa Consellería de Facenda.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I ou II, segundo corresponda), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, despois de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela dos deberes previstos no título I da citada lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

1. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes

1. A dirección da Axencia Galega da Industria Forestal convocará e resolverá as subvencións solicitadas ao abeiro das presentes bases reguladoras, e será o órgano encargado da aplicación do réxime sancionador.

2. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal será a encargada da instrución e xestión económico-orzamentaria desta convocatoria e do seguimento da súa execución.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requiriráselle aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais, neste requirimento indicarase que, de non facer o que nel se indica, teráselle por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Expresarase tamén, de forma motivada, a relación de proxectos ou actividades para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos contidos nestas bases ou na normativa de aplicación indicando a causa daquela.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración regulada no artigo seguinte para a súa avaliación e valoración en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2017.

Artigo 17. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes conforme o procedemento e os criterios establecidos nestas bases reguladoras.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: persoa titular da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal ou persoa que a substitúa.

b) Dous vogais nomeados pola Axencia Galega da Industria Forestal de entre os seus membros.

c) Secretaría: persoal funcionario da Axencia que actuará con voz, pero sen voto.

3. Os membros da Comisión serán nomeados polo director da Axencia.

4. A Comisión de Valoración elaborará unha relación ordenada de todos os proxectos solicitados que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras, con indicación da puntuación outorgada a cada un deles.

De ser o caso, a Comisión elaborará unha lista de agarda coa relación de proxectos aprobados para os cales non se propón a concesión da subvención por esgotamento do orzamento dispoñible. A Xerencia poderá activar a lista de agarda no caso de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia o seu dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. A Comisión de Valoración emitirá un informe final en que figurarán de forma individualizada e motivada os proxectos para os que se propón a concesión das axudas, con identificación da persoa beneficiaria e a puntuación obtida no proceso de baremación.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración ao director da Axencia Galega da Industria Forestal para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Sinalarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, e logo da fiscalización preceptiva do expediente, o director da Axencia Galega da Industria Forestal ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen ditarse resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Notificada a resolución de concesión da axuda, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles para comunicar a renuncia á subvención segundo o anexo V. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada.

No caso de renuncia á subvención por algunha das entidades beneficiarias, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en orde da súa puntuación, coa condición de que coa renuncia por parte dalgunha das entidades beneficiarias se liberase crédito suficiente para atender polo menos unha das solicitudes aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.

Presentar a renuncia ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de inexecución total do proxecto subvencionado suporá que a entidade non poderá solicitar axudas para os investimentos recollidos nesta resolución na seguinte convocatoria.

5. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo ante o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisa introducir modificacións ao proxecto, solicitará autorización da Axencia Galega da Industria Forestal, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que recolle as variacións das actividades previstas no proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supoñer discriminación a terceiros e que non supoña a modificación da puntuación conseguida pola aplicación dos criterios de selección.

2. A solicitude de modificación debe formulala a persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, na forma sinalada no artigo 10, expresando os motivos e os cambios que se propoñen.

3. A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á persoa interesada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade ao que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear a indicada dirección, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Pagamentos anticipados e pagamentos á conta

A entidade beneficiaria da subvención no momento de presentación da solicitude poderá solicitar un pagamento anticipado de acordo coas seguintes condicións:

1. Cando o importe da subvención concedida non supere os 18.000 euros, poderase solicitar un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida.

2. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderase solicitar un pagamento anticipado de 14.400 euros ao cal se poderá engadir un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

Así mesmo, realizaranse pagamentos á conta, igualmente por solicitude dos interesados, de ata un 80 % da porcentaxe subvencionada, correspondentes aos pagamentos xustificados.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Tanto os pagamentos anticipados como os pagamentos á conta estarán exentos da constitución de garantías conforme dispón o artigo 65 letra f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Execución das actividades

1. As actuacións subvencionadas deben executarse nas condicións descritas no proxecto a que se refire o artigo 11, sen prexuízo do sinalado no artigo 19.

2. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes, non obstante, a Axencia debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas.

3. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas para as que se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Axencia Galega da Industria Forestal os datos que se indican no anexo VI cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao seu inicio, no caso de actividades formativas, e de tres días hábiles no caso de actividades divulgativas. A Axencia poderá persoarse nas ditas actividades para velar polo cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución.

4. De todo o material e documentación obxecto de financiamento pola Axencia Galega da Industria Forestal, esta poderá facer uso coa finalidade de formación, divulgación, fomento e promoción. Do mesmo xeito, a Axencia poderá publicar e publicitar a programación e convocatoria das actividades.

5. No relativo ao material gráfico (imaxes e fotografías), así como as listaxes de asistentes descritos no artigo 26.1.f), será responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e a información ás persoas interesadas da cesión de datos e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.

Como excepción a este punto, as fotografías sinaladas no artigo 26.1.g) que teñen como fin a verificación da realización das actividades e do cumprimentos dos mínimos exixidos, non serán empregadas pola Axencia Galega da Industria Forestal salvo petición expresa ás entidades beneficiarias.

Artigo 23. Subcontratación das actuacións

1. O beneficiario poderá subcontratar, total ou parcialmente, as actividades descritas na presente convocatoria. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta.

2. En materia de subcontratación observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigacións das entidades beneficiarias

1. Son obrigacións das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:

a) Realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

b) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As medidas de difusión consistirán en lendas relativas ao financiamento público en carteis, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, así como mencións realizadas en medios de comunicación e nas redes sociais, empregados na convocatoria de actividades formativas, nos programas, nos materiais desenvoltos ou en calquera outro documento ou comunicación relativa ás actividades subvencionadas nesta resolución de convocatoria. Deberá mencionarse o financiamento segundo os seguintes termos:

1º. Citarase a Axencia facendo referencia ao seu nome co seguinte formato:

Cofinanciado por: Axencia Galega da Industria Forestal.

2º. En redes sociais, empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:

Linkedin:

Axencia Galega da Industria Forestal (www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal).

Facebook:

Axencia Galega da Industria Forestal (www.facebook.com/xeraindustriaforestal).

Así mesmo, nas redes sociais empregaranse os hashtag: #industriaforestalmadeira e #XERAsavia.

3º. Ademais, no caso de actividades que aborden o papel da muller na industria forestal e aquelas en que participe unha muller nun rol principal, tanto nas redes sociais como en todo material de divulgación será obrigatorio utilizar o hashtag: #ElasXeranSector.

No caso das redes sociais, ademais empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil do programa:

Linkedin: www.linkedin.com/company/elasxeransector/

Instagram: www.instagram.com/elasxeransector/

4º En relación cos logotipos empregarase unicamente o da Xunta de Galicia e, en ningún caso, o da Axencia Galega da Industria Forestal.

No caso de que, ademais do logotipo do solicitante e o da Xunta de Galicia fose preciso incorporar outros, consultarase previamente a esta axencia a disposición para empregar.

O logotipo da Xunta de Galicia e o manual de identidade corporativa coas instrucións para a súa aplicación poden descargarse en: https://xera.xunta.gal/a-axencia/identidade-corporativa/xunta-de-galicia

Para aquelas actividades para as que se solicita subvención e que foron realizadas entre o 1 de xaneiro e a data de notificación da resolución de concesión cumprirase, así mesmo, con esta obriga nas publicacións posteriores que se fagan relativas ás devanditas actividades.

As presentes medidas de difusión e publicidade do financiamento público deberán manterse e incluírse en calquera adaptación dos documentos ou materiais desenvolvidos que se realice a posteriori da xustificación.

c) Incluír, en todo material ou documentación elaborada co apoio desta convocatoria, o seguinte texto: «O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Por tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida».

No caso de documentación impresa, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución.

No caso de documentación dixital, este requisito será de aplicación para as publicacións posteriores a esta resolución e, sempre que sexa posible, editaranse as publicacións anteriores para incorporar o dito texto.

d) Comunicar previamente á realización de actividades divulgativas ou formativas para as que se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), cos prazos establecidos no artigo 22.3.

e) Velar polo cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e informar as persoas interesadas da cesión de datos persoais e material gráfico á Axencia Galega da Industria Forestal.

f) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

g) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

h) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo ao que fai referencia o artigo 9 desta resolución. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Salvo que non proceda polo tipo de entidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

k) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

l) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o que presentará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como atoparse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda do dereito á axuda.

Artigo 25. Xustificación e pagamento

1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionables será o 10 de novembro de 2023.

2. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia Galega da Industria Forestal, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

3. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento en función das actividades xustificadas mediante o modelo normalizado do anexo IX, acompañada da documentación sinalada no artigo seguinte.

4. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse no prazo fixado nesta resolución e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/20017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentada esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda, e se for o caso, a esixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supoñer a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

6. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade beneficiaria quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao final dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

7. En todo caso, a forma de xustificación deberá observar o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, en que deberán quedar claramente identificadas as entidades receptoras e emisoras dos pagamentos, así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

8. A Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización da actividade obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento que elevará á Dirección da Axencia, órgano competente para ordenar o pagamento.

9. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e despois da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

10. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para cada actividade queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada na devandita actividade.

11. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexan debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo IX), a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria técnico-económica xustificativa das actividades executadas no proxecto, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación dos criterios de imputación, asinada pola persoa que teña a representación da entidade beneficiaria, segundo o anexo VII.

b) Certificación da relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados para cada actividade do proxecto, e imputados a ela, conforme o anexo VII, debidamente asinada pola persoa representante.

Neste anexo, detallaranse os gastos imputados a cada actividade desagregados por gastos de persoal propio da entidade e outros gastos.

As entidades beneficiarias xustificarán os gastos mediante facturas e xustificantes emitidos ao seu nome, conforme os puntos seguintes deste artigo.

c) Copia das facturas ou documentos probatorios de valor equivalente. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan os deberes de facturación e, en particular, cos seguintes requisitos:

1º. Deben desagregarse por conceptos e indicar a actividade ou actividades a que se imputan.

2º. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

3º. Deberán ir identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra b).

d) Copia do xustificante bancario do pagamento pola entidade beneficiaria en que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. En todo caso, os xustificantes dos pagamentos deberán ir selados pola entidade financeira.

e) Documentación xustificativa dos gastos de persoal, que consistirá en:

1º. Contrato de traballo e vida laboral do período de realización das actividades, correspondentes á persoa contratada, no caso de entidades con persoal propio.

2º. Partes de traballo asinados pola entidade e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas á actividade subvencionada.

f) Relación de persoas asistentes a cada acción, segundo o modelo que figura no anexo VIII, no caso de actividades formativas non regradas. Este anexo presentarase debidamente asinado por todas as persoas asistentes (salvo no caso de eventos en liña, que será asinado unicamente polo responsable da entidade), coa finalidade de acreditar a asistencia mínima a que se refire o artigo 5.2.a). Tanto nos eventos presenciais como nos que se desenvolvan en liña, a relación de persoas asistentes conterá nome, apelidos, os tres últimos díxitos do DNI, idade, número de teléfono, categoría da persoa asistente (persoal prescritor, persoal industria forestal-madeira, persoal outras profesións, persoa estudante, público xeral).

Para as actividades divulgativas, tanto as xa realizadas antes da presentación da solicitude como as que se vaian realizar con posterioridade, será suficiente certificación en que o representante da entidade acredite o número de persoas asistentes, así como a asistencia mínima a que fai referencia o artigo 5.2.b).

g) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 24.b) desta resolución e no caso de tratarse dun formato en liña nunha actividade formativa non regrada, informe fotográfico coas capturas de pantalla coas persoas claramente identificadas.

h) Copia en formato dixital de todos os documentos xerados durante a execución das actividades como, por exemplo, documentos de difusión, materiais entregados, material docente, material audiovisual, reportaxes fotográficas, etc. en que se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citado no artigo 24 destas bases.

i) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actividades incluídas no proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, e declaración de que se manteñen os requisitos para ser persoa beneficiaria, segundo o anexo X. Para as solicitudes conxuntas, achegarase un anexo por cada entidade que forme parte da solicitude.

j) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar para cada actividade do proxecto obxecto de subvención que foi de carácter gratuíto ou ben indicar a contía total dos ingresos percibidos por cotas de inscrición das persoas participantes, ou doutro tipo, para a realización da devandita actividade.

2. Deberá existir unha clara coherencia entre os gastos xustificados e os obxectivos de cada acción subvencionable.

3. No caso de proxectos presentados conxuntamente, a documentación irá asinada pola persoa representante que designasen as entidades interesadas.

4. A documentación poderase achegar en formato «.pdf» e será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada a continuación, e nomeando cada arquivo segundo a seguinte nomenclatura:

a) No caso do anexo IX:

1_solicitudepago_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

b) No caso da documentación referida na epígrafe 1.a) deste artigo, correspondente co anexo VII, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

c) No caso das facturas, presentarase un arquivo por cada actividade, ordenando cada factura e seguidamente o xustificante referido na epígrafe 1.d) deste artigo segundo a seguinte nomenclatura:

2_xactividade1_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_facturas_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

d) No caso da documentación referida na epígrafe 1.f) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_asistentes_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

e) No caso da documentación referida na epígrafe 1.g) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_cumprimentos_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

f) No caso da documentación referida na epígrafe 1.h) deste artigo, presentarase un arquivo por cada actividade:

2_xactividade1_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade2_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

2_xactividade3_materiais_acronimodaentidadesolicitante.pdf e sucesivos.

g) No caso da documentación referida na epígrafe 1.e) deste artigo:

3_persoal_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

h) No caso da documentación referida na epígrafe 1.i) deste artigo, correspondente co anexo X:

4_axudas_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

i) No caso da documentación referida na epígrafe 1.j) deste artigo:

5_balance_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

6_ingresos/gratuito_acronimodaentidadesolicitante.pdf.

Artigo 27. Reintegro e perda de dereito ao cobramento da axuda

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 70 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o devandito incumprimento é total.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo primeiro, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, de reintegro as seguintes:

a) A falsificación, inexactitude ou omisión dos datos achegados pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.

f) Calquera das demais causas previstas no Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo, de ser o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Réxime sancionador

Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Fiscalización e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Axencia Galega da Industria Forestal levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das actuacións.

2. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para a finalidade da convocatoria e, para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na resolución de concesión.

Artigo 30. Definicións

1. Solicitude: conxunto de anexos e documentación complementaria necesarios para tramitar a petición de axuda para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación.

2. Tipo de solicitude:

2.1. Solicitude individual se a presenta unha única entidade (artigo 2.3).

2.2. Solicitude conxunta se a presentan varias entidades agrupadas (artigo 2.3).

3. Categoría da solicitude: establécense dúas clases de solicitude, segundo o importe da axuda solicitada:

3.1. Proxectos tractores: aqueles cuxo investimento total subvencionable terá un mínimo de 15.000 euros e un máximo de 90.000 euros (artigo 3).

3.2. Proxectos singulares: aqueles cuxa investimento total subvencionable terá un máximo de 14.999 euros (artigo 3).

4. Proxecto: conxunto de actuacións propostas nunha anualidade, e recollidas nunha mesma solicitude.

5. Actividade: cada unha das actuacións propostas, ben sexan másters, cursos, pílulas formativas, xornadas, seminarios, charlas, visitas… que no seu conxunto conforman un proxecto.

6. Edición: cada unha das repeticións dunha mesma actividade, ben sexa porque se organiza nunha localidade diferente ou porque se repite noutra data.

7. Tipo de actividade: formativa ou divulgativa segundo as temáticas específicas recollidas no artigo 4.

8. Modalidade da actividade:

8.1. Modalidade presencial: cando as persoas asistentes se reúnen nun lugar determinado.

8.2. Modalidade en liña: cando a actividade se desenvolve a través dunha rede de telecomunicacións que permite a varias persoas interlocutoras verse, oírse e compartir información.

8.3. Modalidade mixta: cando, simultaneamente, participa un número de persoas asistentes en modo presencial e unha maior capacidade en modalidade en liña.

8.4. Modalidade en empresa: cando, no caso de actividades de formación, a actuación se desenvolve na sede das empresas cuxo persoal se está a formar, segundo os mínimos establecidos no artigo 5.2.a) 2º.

8.5. Modalidade sen participación directa: cando, no caso de actividades de divulgación, o público obxectivo non se convoca nun momento determinado, como pode ser o caso das campañas de divulgación, os folletos, os contos...

Artigo 31. Información as persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN501A, poderase obter información adicional na Axencia Galega da Industria Forestal, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega da Industria Forestal: https://xera.xunta.gal, na cal atopará esta convocatoria.

b) No teléfono 881 99 54 76.

c) No enderezo electrónico: savia.xera@xunta.gal

d) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

e) De maneira presencial na Axencia Galega da Industria Forestal, avenida Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro), 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Outras regulamentacións

No non previsto nesta resolución observarase o disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia Galega da Industria Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file