Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2023 Páx. 10536

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 3 de xaneiro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

BDNS (Identif.): 672437.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I das bases reguladoras.

c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos: préstamos para investimentos estratéxicos, préstamos para financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais, préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval e préstamos para financiar a operativa das empresas no contexto actual de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 3 de xaneiro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 05.A1-741A-8310 e por un importe de 8.000.000 € para o ano 2023 e 10.000.000 € para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de decembro de 2023, ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica