Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2023 Páx. 9531

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D).

BDNS (Identif.): 672036.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023 as subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

2. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) As actuacións de rehabilitación, entendendo por tales as obras encamiñadas á mellora da conservación, á mellora da eficiencia enerxética, á mellora da accesibilidade e á mellora da habitabilidade dos edificios dos CIM.

b) A adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras e similares), de equipamento de oficina (fotocopiadoras e similares) e mobiliario (mesas, cadeiras e similares).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito por importe de 734.628 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 2023 11.20.313D.760.0 (código de proxecto 2018 00112).

A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade, ao abeiro desta convocatoria, é de 16.640 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade