Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8157

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341D).

BDNS (Identif.): 671631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341D).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse doce millóns de euros (12.000.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes desta orde contarase a partir do dia seguinte á data de publicación da orde e finalizará o 29 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade