Mediante a Resolución do 18 de xullo de 2022 (DOG núm. 144, do 29 de xullo), publicáronse as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
As ditas bases establecen no seu artigo 16.5 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva, do 30 de decembro de 2022, de concesión das axudas á dixitalización Industria 4.0, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas. O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.
Esta liña de axudas está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e en particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; inclúense os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).
Actuación CPSO 03.04.01.03: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.
Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.
Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.
Exíxese o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.
Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpor un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso dos dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023
Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica