Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2022/396-4).

Expediente: IN407A 2022/396-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad S.A.

Denominación: soterramento LMT GON805 na rúa Porto do Molle.

Concello: Nigrán.

Feitos:

Primeiro. O 5 de outubro de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica soterramento LMT GON805 na rúa Porto do Molle.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na adecuación dun tramo da liña GON805 Monteferro 5. Para isto a empresa proxecta as seguintes actuacións no lugar de Parada, no concello de Nigrán:

– Retirada de sete apoios e de 480 metros da liña aérea en dous tramos. O primeiro desde o apoio 9T5TVV52//D39-20-7 ata o centro de transformación Parada (36C671) e o segundo desde o apoio 9T83HL6F//d39-20-12 ata o apoio proxectado C-14/2000-H35-CA/CS. Este apoio sustentará o condutor da derivación aos centros de transformación con matrículas 36CBTQ e 36AX47.

– Retensado do condutor LA-30 do tramo GON8053152 entre o apoio proxectado e o apoio 9TD9CMHJ//D39-20-12-2.

– Instalación dun total de 781 metros de liña de media tensión subterránea (LMTS) entre o tramo subterráneo existente GON8053097 e o centro de transformación Parada (36C671).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural que non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor tipo RHZ1, de 781 metros de lonxitude, con orixe no punto de acceso á rede proxectado sobre a LMTS existente e final na cela de liña do centro de transformación existente Parada 36C671. Retensado do van aéreo comprendido entre o apoio proxectado D39-20-12-1 e final no apoio existente 9TD9CMHJ//D39-20-12-2. A instalación está situada en Parada, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento LMT GON805 na rúa Porto do Molle (expediente IN407A 2022/396-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 28 de decembro de 2022

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra