Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7706

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/390-4).

Expediente: IN407A 2022/390-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS BAL701 entre CT Beirán 36CBBH e CT Carneiras II 36CDM2.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 5 de outubro de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS BAL701 entre CT Beirán 36CBBH e CT Carneiras II 36CDM2.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste no pechamento entre o centro de transformación Beirán (36CBBH) e o centro de transformación Carneiras II (36CDM2). Estes centros pasarán a estar alimentados por unha liña de media tensión subterránea (LMTS). Para isto a empresa promotora proxectou as seguintes actuacións no camiño dos Carrazóns, rúa de Manuel Cominges, avenida de Castrelos, rúa de Ramiro Pascual, nas parroquias de Matamá e Beade, no municipio de Vigo:

Abertura de pontes entre os tramos BAL7012777 e BAL7012761 e retirada do tramo subterráneo da BAL7012802 existente na saída do CT Beirán.

Instalación dun total de 732 metros de lonxitude de liña de media tensión subterránea entre o CT Beirán e a liña de media tensión aérea que alimenta o CT Carneiras II.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación Provincial de Pontevedra e Enagas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Concello de Vigo.

Enagas manifestou que este proxecto non afecta o seu gasoduto Vilalba-Tui.

Os demais organismos non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, en dúas actuacións. A primeira actuación é de 483 metros de lonxitude, con orixe na cela de liña do centro de transformación Beirán (36CBBH) e final na LMTS existente ao centro de transformación Carneiras (36C492). A segunda actuación é de 249 metros de lonxitude, con orixe na LMTS existente ao centro de transformación Carneiras e final na cela de liña do centro de transformación Carneiras II (36CDM2).

A instalación está situada nas parroquias de Matamá e Beade, no municipio de Vigo (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS BAL701 entre CT Beirán 36CBBH e CT Carneiras II 36CDM2 (expediente IN407A 2022/390-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de decembro de 2022

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra