Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7713

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Estrada (expediente IN407A 2022/369-4).

Expediente: IN407A 2022/369-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: soterramento LES807 no Castro.

Concello: A Estrada.

Feitos:

Primeiro. O 29 de setembro de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica Soterramento LES807 no Castro.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na adecuación dun tramo da liña LES807 Paizás, 7, mediante as seguintes actuacións no lugar do Castro, no municipio da Estrada (Pontevedra):

Instalación de dous novos tramos de liña de media tensión subterránea. Un de 258 metros de lonxitude e o outro de 724 metros.

Retirada dun total de 729 metros do tramo de liña aérea entre o apoio AA7AJIVX//5 ata o centro de transformación Ouzande (36CS40), xunto con 13 apoios.

Substitución do apoio AA7AJIVX//5 por un apoio de tipo celosía C-4500-14 (H35).

Retensado do condutor existente LA-80 entre o apoio proxectado e o apoio A5N6R38//AA5MFC1G.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Estrada, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural que non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira é de 258 metros, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-4500-14-H35 e final na arqueta proxectada sobre a liña existente. A segunda é de 724 metros, con orixe na cela de liña libre do centro de transformación Cachopas 36CMN3 e final no paso aéreo subterráneo sobre a fachada do centro de transformación, en caseta convencional, Ouzande 36CS40. Retensado do van aéreo contiguo ao apoio proxectado. A instalación está situada no Castro, no municipio da Estrada (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento LES807 no Castro (expediente IN407A 2022/369-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de decembro de 2022

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra