Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7418

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cambre

ANUNCIO da aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria do 1 de decembro de 2022, acordou aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Cambre redactado pola entidade Oficina de Planeamiento, S.A., o que se fai publico para xeral coñecemento.

Tanto este instrumento de planeamento urbanístico como o seu expediente completo sométense á información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia, de conformidade co artigo 60.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, así como na páxina web do Concello de Cambre.

Durante o citado prazo, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, poderanse formular as alegacións que se consideren pertinentes.

O Plan xeral de ordenación municipal e o seu expediente poderán ser consultados nas dependencias deste concello, de luns a venres, das 10.00 ás 13.30 horas.

Durante o prazo máximo de dous anos suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición, así como de títulos habilitantes para a implantación de usos ou actividades en todo o termo municipal de Cambre, agás naqueles ámbitos onde simultaneamente se cumpran as condicións das vixentes normas subsidiarias do planeamento e as do Plan xeral de ordenación municipal aprobado inicialmente, prazo que será contado a partir da data de aprobación inicial deste instrumento de planeamento urbanístico e que se extinguirá en todo caso coa súa aprobación definitiva, de conformidade cos artigos 47.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 86 do regulamento da lei aprobado polo Decreto 143/2016.

Cambre, 23 de decembro de 2022

O alcalde
P.D. (Resolución 1323/2019, do 1 de xullo)
Juan González Leirós
Concelleiro delegado da Área de Urbanismo e Obras